fbpx
CompostelaCulturaNovas

Medio cento de artistas participan na segunda edición da campaña Compostela Somos Cultura

Inés Portela, Carme Casado, Mercedes Rosón e Xacobe Martínez Antelo. Foto: Concello de Santiago

Hoxe presentouse a segunda edición da campaña #CompostelaSomosCultura, promovida pola oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago, no marco do Programa “Compostela Móvese 2021”. Unha campaña que ten como obxectivos apoiar o tecido cultural compostelá, descubrir novos talentos; e incentivar o consumo de produtos culturais a nivel local. Na presentación estiveron presentes a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Inés Portela, coordinadora da comunicación e da producción audiovisual da campaña; Xacobe Martínez Antelo, coordinador artístico e de contidos; e Carme Casado, técnica responsable da oficina de Promoción Económica.

Nesta segunda edición están participando case 50 artistas, con accións puntuais en diversos espazos de Santiago. Desde o 10 de outubro véñense realizando distintas gravacións que agora se editarán para lanzar nas redes sociais. Son, segundo sinalou a concelleira de Acción Cultural, “como anuncios” promocionais de Compostela, Até o de agora graváronse cinco das sete intervencións culturais programadas, todas elas de diferentes disciplinas artísticas. Está previsto, segundo informou Xacobe Martínez, que se comecen a publicar en internet na última semana de outubro. Utilizaranse catro redes sociais: Youtube (Compostela Somos Cultura), Facebook (Compostela Somos Cultura), Twitter (@CompostelaSomos) e Instagram (@compostelasomoscultura).

Mercedes Rosón sinalou que con esta iniciativa “pretendemos xerar consciencia da cultura como ben esencial, transmitir o atractivo dos valores da cultura local compostelá e incentivar o consumo dos seus produtos e servizos”. Para acadar estes obxectivos, ademais de difundir e promocionar artistas locais, vanse realizar nove sorteos de produtos e servizos culturais, entre as persoas que participen, a través das redes sociais, no programa Compostela Somos Cultura. Segundo explicou Inés Portela, haberá dous sorteos de material cultural (libros, música, películas, etc.) valorados en 250 euros, e outros cinco de 120 euros vinculados aos microeventos.

Pola súa banda, Carme Casado destacou a variedade de oferta e presenza da industria cultural na cidade; e a “vinculación do sector con outros tan importantes como o pequeno comercio, a hostalería, o turismo, a educación e os servizos avanzados a empresas fan da promoción da industria cultural un obxectivo irrenunciable nos programas municipais de apoio á actividade económica. Lembrou ademais, que “calquera empresa cultural de Compostela e a súa contorna pode contactar coa concellaría de Promoción Económica, a través da web www.cersiaempresa.gal; para formar parte do catálogo de empresas culturais da oficina de Promoción Económica. Carme Casado rematou a súa intervención animando a cidadanía a consumir “cultural local de Coompostela”, para “consolidar un sector económico, o das industrias culturais e creativas, clave para un desenvolvemento ecnómico equilibrado, con identidade propia e raíces no territorio”, pero tamén innovador.

Microeventos
A gravación dos microeventos, que comezou o 10 de outubro, prolongarase ata o domingo 24. Esta é a programación, cos artistas que participan en cada un deles:

-Domingo 10 de outubro. “Danza en Santa Marta”, con Óscar Cobos e Antía Barcia, acompañados do Dúo Búho.
-Martes 12 de outubro. “Debuxo urbano en Vite”, co María Meijide, Mariano Casas e Olmo Blanco.
-Mércores 13 de outubro. “Teatro Cabaret na Almáciga”. El retrete de Dorian Gray repasa os mellores momentos con Retrete Cabarete, o seu espectáculo de manipulación de obxectos.
-Sábado 16 de outubro. “Un coro na Intermodal”. O Coro da Rá fixo unha aparición espontánea.
-Luns 18 de outubro. “Poesía en San Pedro”. Representantes da nova Poesía Galega realizaron unha intervención poética nas rúas e comercios do barrio de San Pedro.
-Sábado 23 de outubro. “Compostela no cine”. Alfonso Zarauza desvela as localizacións do seu filme “Encallados”, convida ás persoas interesadas a un pase comentado na Sala Númax.
-Domingo 24 de outubro. “Circo no Ensanche”. Tres dos clowns máis senlleiros da compañía Pistacatro sorprenderán á veciñanza nun domingo de outono.