A CoruñaCulturaNovasReportaxes

Ana Edreira, de Xacarandaina: “Son elas, as mulleres das aldeas, as nosas mestras, de onde bebemos”

Por Silvia Castiñeiras

Ana Edreira é a directora do grupo de pandeireteiras de Xacarandaina. Foto: Iván Barreiro
Ana Edreira é a directora do grupo de pandeireteiras de Xacarandaina. Foto: Iván Barreiro

Escoitar a Ana Edreira, directora do grupo de pandeireteiras de Xacarandaina, lembrar como tocaba a pandeireta todas as tardes na súa casa sendo unha nena provoca unha tenrura especial, pola paixón coa que conta ese recordo da infancia que foi o comezo do que é agora, a mesma apaixonada da música tradicional, con ese sentimento intacto e que contaxia. Ben podería ser unha desas mulleres ás que ela admira por ser as mestras da cultura oral e transmisoras da identidade galega. As Letras Galegas deste ano son para elas, para as pandereiteiras, as cantareiras, as gardiás dun tesouro que chamamos poesía popular e que viaxou durante xeracións a través das súas voces. Estas Letras son un pouco para todas, para as que hoxe en día seguen divulgando esa cultura con alma e traballando por ela.

Como é que te chamou este mundo da música tradicional?

Desde pequena xa sentía unha conexión especial coa terra e a música tradicional. Lembro detalles como que meu pai sempre andaba repenicando ritmos de xota coas mans na mesa e meu avó tocou o tamboril. Así que, a música sempre estivo presente na miña infancia. Ademais, a miña bisavoa andaba canturreando cancións que eu non coñecía pero que me chamaban a atención, eu era pequena pero parecíame algo máxico.

O teu foi case amor a primeira vista...

Pois o certo é que todo iso facíame sentir algo especial dentro de min, un amor polo noso e un amor pola terra…

E en que momento decidiches que querías tocar, cantar ou bailar?

Foi con 11 anos cando xa me apuntei a todo, a pandeireta, a baile tradicional, gaita, tamboril… Ía ás actividades extraescolares, ás da asociación de veciños… e tiven moi bos mestres, en pandeireta concretamente Mercedes Peón, que me transmitiron ese tesouro noso e que me ensinaron que ese tesouro o gardaban as mulleres das aldeas.

Cando chegas a Xacarandaina?

Entrei no grupo con 13 anos e aí intentaba empaparme de todo, ía ás recollidas de coplas cos meus mestres e encantábame coñecer a esas mulleres e homes que nos ensinaban eses versos e todo, como cantaban, como se divertían… Daquela pasaba as tardes enteiras tocando a pandeireta na casa, ensaiaba todo o repertorio todos os días. Cos anos, Quique Peón ofreceume este posto de directora do grupo de pandeiretas, que a primeira vez que mo dixo case caio de cú (risas), estiven dous anos e tras un tempo volvín en 2018.

Segues conservando esa mesma paixón polo tradicional que tiñas de nena?

Si, consérvoa ao cen por cen. Eu tíñao clarísimo e segue a tocarme igual a alma.

E cando es ti quen ensina, como transmites ese sentimento?

Dou clases a algún grupos e para min ensinar é compartir algo que forma parte do que son, e iso é o que transmito, emoción, identidade, respecto polo noso. O que intento cando ensino é facerlle entender a quen está aprendendo que forma parte dunha cadea que está viva, que somos transmisores desa música. Gústame que sintan e se recoñezan na propia música, sobre todo cos máis pequenos, as persoas maiores son máis conscientes diso.

Entón, ves un bo futuro para a nosa tradición oral?

Eu creo que está a haber un rexurdir do interese da mocidade pola música e baile tradicional, o canto e a pandeireta conectan moito coa identidade e coa terra. Eu entendo que realmente non pode haber unha música que che faga conectar así que a feita na túa propia terra.

Eu póñolle vídeos e audios das recollidas para que coñezan de primeira man a importancia enorme que ten, porque esas mulleres son as nosas mestras, son elas, as mulleres das aldeas de onde bebemos.

E que papel xogan nisto grupos como Xacarandaina?

Para min Xacarandaina é un piar fundamental na preservación e dignificación da cultura galega. Xeracións enteiras medramos conectadas coa nosa identidade grazas ao seu traballo de conservación e divulgación do noso folclore tradicional.

AS LETRAS DAS CANTAREIRAS: “A oralidade tamén é literatura”

“Para min representan a forza da muller galega e que sexan as homenaxeadas polas Letras Galegas paréceme un acto de xustiza histórica. Elas foron as gardiás da memoria, da lingua e da identidade galegas nun tempo no que non as valoraban. Ademais, isto é un recoñecemento a que a oralidade tamén é literatura! Sen as súas voces a nosa cultura tería desaparecido”, opina Ana Edreia, de Xacarandaina.

Se che preguntan mañán
quen eran as da parranda,
son as mozas de Liñares
porque nelas ninguén manda

“Sempre me gustou esta copla, pola súa forza e pola súa carga reivindicativa. É unha afirmación de liberdade e autonomía nunha época na que para as mulleres era todo o contrario. Cando a escoito ou a canto penso nesa muller valente e empoderada, que fai o que lle dá a gana, como estar de festa”.

“Desde pequena xa sentía unha conexión especial coa terra e a música tradicional”

Pandeireteiras de toda Galicia, xuntas en Santiago o 17 de maio

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema ‘As tocadoras como transmisoras da lingua galega’, o grupo abordará de 16.00 a 20.00 h o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. Para poder participar no encontro hai que inscribirse de balde ata o 15 de maio na web somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas.

Os primeiros diálogos contarán coa moderación da xornalista da TVG Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras e coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez.

Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea.

As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil, quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes.

Tralo peche do encontro, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.