Atún vermello e Arroz con solombo de porco ibérico na Vinoteca Jaleo

DATOS
Lugar:
Rúa Galera, 43 – A Coruña
Prato:
'Atún vermello de almadraba con chícharos lágrima’ e ‘Arroz con solombo de porco ibérico con queixo Valdivieso trufado’
Prezo:
18 e 35 €
Valoración
********
Na miña visita a Jaleo tiven a sorte de probar un par de pratos preparados polas sabias mans da chef Ángeles Marzoa. Con permiso, iso si, da peque da casa que non perdía detalle e nos fixo pasar un divertido momento xunto ao equipo principal desta viñoteca coruñesa; que atendeu amablemente á nosa revista no seu día de descanso.
E menos mal que o fixemos así, xa que segundo eles mesmos confirman, o normal é que alí haxa moito “jaleo”. A verdade e que se todos os pratos son coma os dous que tomei, non teño dúbidas de por que están sempre cheos.
O primeiro deles foi o ‘Atún vermello de almadraba con chícharos lágrima’, un peixe graxo, potente, cun corte perfecto que acompañado dos chícharos resultaba un bocado moi orixinal e saboroso. O sumiller de Jaleo, Juan Pérez, recomendoume para maridar un Lousas da adega Envínate, un proxecto de varios amigos que elaboran os seus viños na zona onde naceron. Neste caso, trátase dun viño da Ribeira Sacra, mestura de variedades. “Cando estamos ante un peixe, sempre pensamos en brancos, pero cunha peza como esta van moi ben os tintos galegos, que son frescos, lixeiros, coa gradación un pouco máis controlada...”, explicoume.
O mesmo viño foille tamén perfecto ao ‘Arroz con solombo de porco ibérico con queixo Valdivieso trufado’ que comín a continuación. “Axuda moito pola acidez que ten. Bebes un pouco e limpa o padal para seguir comendo”, comentou o meu ‘tocayo’.
E que dicirvos do arroz? Basta con desvelar que ao fotógrafo, Iván Barreiro, púxoselle a pel de galiña cun só bocado que lle din a probar antes de rematar. Todo o demais foi para min a pesares de ser un prato pensado para compartir! He, he! E é que xa sabedes que eu son de bo dente e non me puiden resistir a semellante delicia, cunha carne moi tenra, sabor intenso e cheo de matices.
Juan Pérez, Ángeles Marzoa e Marco Tirado
“En Jaleo abrimos a porta e enchemos”
Por Rebeca Munín

Sumar 12 anos sendo un referente dentro da oferta hostaleira da Coruña non é nada doado. Cal é o segredo da Vinoteca Jaleo para logralo? Ademais do labor da chef Ángeles Marzoa, o encargado da sala, Marco Tirado, está convencido de que ten que ver co bo equipo que conforman xunto co sumiller Juan Pérez e o resto de traballadores do local. Un bo rollo que se transmite aos comensais, que atopan nesta viñoteca non só unha ampla e moi interesante carta de viños, senón tamén pratos creados segundo a tempada e algunhas propostas que resultan irresistibles, como as súas deliciosas ‘torrijas’.
Van aló case 12 anos de Jaleo. Que balance facedes deste tempo?
Ángeles: Moi positivo. En Jaleo abrimos a porta e enchemos. Pásanos ás veces que se cancela unha mesa e rápido se cubre. Estamos nunha zona moi boa da Coruña para a hostalaría porque pasa moita xente. Esa é a gran sorte que nós temos.
Sorte e bo traballo, porque se a clientela vos elixe despois de tanto tempo, será que algo estades a facer ben...
Marco: Fomos evolucionando moi favorablemente desde 2013, cando abrimos. Aínda que tiñamos xa moita experiencia no sector, empezamos pouco a pouco e de seguido comezou a irnos moi ben, adaptándonos aos tempos. E despois, no 2019, chegou Juan á nosa casa -non á nosa vida, na que xa estaba desde fai 20 anos- e doulle un bo cambio á nosa carta de viños.
Juan: Temos ademais moi boa comunicación entre a sala e a cociña. Escoitamos moito ao cliente, as súas preferencias... E falamos entre nós sobre o que está temporada, o que máis sae, que comentan os comensais... para establecer que imos facer, por onde imos tirar... Ángeles incluso sae a falar con moitas mesas a preguntar que lles pareceu.
Como ten sido a evolución da vosa cociña?
Ángeles: Crecemos en canto a que antes era máis clásica e agora é máis moderna. Seguimos facendo cociña tradicional, pero no empratado sempre busco que sexa máis actual.
Marco: E sempre temos, dous, tres ou catro pratos fóra de carta nos que xogamos moito con produtos de tempada e de proximidade, de produtores locais.
Ángeles: Si, por exemplo a pasada fin de semana estivemos co espárrago branco. E para que probase @JuanEAT_o escollemos o atún porque está agora mesmo en temporada, igual que os chícharos.
En canto ao arroz que probou, levamos uns meses con el e foi un acerto total. Pídeno todas as mesas!
Jaleo naceu con ese espírito de taberna que aínda conservades, non si?
Ángeles: Sigue sendo taberna, si. O noso espírito non é de restaurante. Todos os nosos pratos están sempre pensados para compartir. Aínda que temos tamén pratos individuais, pero a nosa clientela vén aquí fundamentalmente para compartir.
E como viñoteca que sodes, que destacariades da vosa carta de viños?
Juan: Imos cambiándoa porque traballamos con moitos viños que nos chegan por cota. Hai temporadas que nos chegan tres botellas, outras máis dependendo de como fora a anada... Pero xeralmente temos sobre 800 referencias, das cales un 70% son galegas. E intentamos ademais que sexan de pequenos produtores.
Que nivel diriades que ten o viño galego na actualidade?
Juan: Moi bo! Vese sobre todo cando saes fóra. En grandes cidades como Madrid, Barcelona, Oporto, Lisboa... en todas as cartas de viño, hainos galegos. E cunha boa representación.
E por último, que lle recomendariades a alguén que visite Jaleo por vez primeira?
Ángeles: Eu sempre digo que empecen pola parte de arriba da carta e rematen nas sobremesas (Risos) Porque a verdade é que está todo boísimo! Está mal que eu o diga, pero non hai ningunha opción que non estea ben.
Marco: O carpaccio creo que é dos que máis triunfan.
Juan: Tamén a nosa ‘ensaladilla’, a ‘torrija’... Son pratos que a xente vén a propósito a por eles. Ás veces xa antes incluso de sentarse din: “Pero que haxa ‘torrija’ de sobremesa, eh!”.
“Levamos uns meses servindo arroz e foi un éxito total. Pídeno en todas as mesas”