Fillas de Cassandra levan a portada do seu novo disco ‘Tertúlia’ a unha instalación na Fundación Granell


Doce cancións, doce cadeiras
A instalación articúlase como unha experiencia espacial onde cada cadeira conta cun stand individual de escoita. Estas son as doce cancións transformadas en pezas escultóritcas que conforman a mostra.
-
‘SAÍR Á FRESCA’: Unha estrutura metálica con cinchas de cores rechamantes e pintura en spray verde, evocando a estética das cadeiras de praia históricas.
-
‘ALBOROTO’: Unha “anti-cadeira” agresiva, cuberta de pinchos anti-pombas negros, deseñada para sinalar límites e incomodar.
-
‘MAGNÉTICA’: Unha peza que simboliza o fervor do encontro, construída con elementos variados que van desde unha cáscara de pipa ata unha perna de boneca.
-
‘TERTÚLIA’: A peza máis sólida e funcional, de madeira e metacrilato espello, que convida ao reflexo e a comezar a desobedecer.
-
‘CUCHICHEO’: Estruturas de plástico branco entrelazadas cunha bota de charol negro, representando o rumor constante e a complicidade. Na canción, Fillas de Cassandra conta coa colaboración de Pipiolas.
-
‘FILLA FILLIÑA’: Unha mecedora de madeira e ratán que funciona como unha nana interxeracional, tan tranquilizadora como inquietante, na que Abraham Cupeiro participa no disco.
-
‘AMOR’: Unha peza forzosamente confortable de poliuretano verde e cinchas laranxas, que fala da forza do aferro e do duelo.
-
‘VERBENA’: Estrutura circular de médula de ratán que conecta coas espigas de Maruja Mallo e a idea de continuar o baile cando a festa remata.
-
‘BUCÓLICA’: Cadeira-refuxio de madeira cuberta de musgo artificial e flores naturais, que simboliza a pausa e o tempo de botar raíces. O navarro Zetak colabora nesta canción.
-
‘INSOLACIÓN’: Unha estrutura de metacrilato e cera branca que representa o extase da liberación en comunidade ata derreterse.
-
‘DÉIXATE VER’: Xogo entre a transparencia do metacrilato e a presenza dunha pedra de papel maché, sobre o baleiro que deixan as amizades esvaídas, e que no disco tamén canta Ede.
-
‘LODOS’: Unha peza de terciopelo morado e espuma branca que celebra a certeza da amizade e o desexo de quedarse mentres pasan os lodos.
‘Tertúlia’ é un convite a desobedecer a través do encontro e da palabra. Neste novo traballo, producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. As viguesas contan neste álbum, ademais, coa colaboración de nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.
O álbum articúlase arredor de doce temas que funcionan como un espazo de confianza, un xesto político de escoita nun contexto de fragmentación social. Desa ducia xa se coñecen tres adiantos: ‘saír á fresca’, ‘insolación’ e a recente ‘déixate ver’.
A presentación ao vivo de ‘Tertúlia’ chegará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. Fillas de Cassandra e numerosas colaboradoras -que se darán a coñecer nestas semanas- citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas para a gran estrea da ‘Tertúlia’ xa están á venda.
