Ramón Santos, dono de La Crisálida e autor de ‘Entre botones e hilos’: “Nunha sociedade tan líquida onde todo é de usar e tirar, atopar sitios como este faite repensar como consomes”
Por Sandra Rego
Ramón recíbenos na mercería antes de comezar as súas merecidas vacacións. La Crisálida, un negocio familiar na Coruña con máis de oitenta anos de vida, converteuse na tenda máis viral nas redes grazas aos vídeos de “Atopa un botón”, nos que el, coa súa suave voz, amosa algúns dos antigos tesouros que se ocultan no almacén. Este ano publicou o seu primeiro libro, ‘Entre botones e hilos’, no que plasma a historia do comercio dende os seus inicios ata hoxe.
Como chegou La Crisálida á túa vida?
De forma casual, como suceden moitas cousas que me levan sucedendo durante case toda a miña vida. Eu daba clases de costura e deseño de padróns e fun a mirar á tenda se había algunha cousa que me interesara para as miñas clases.
Ao final dábame pena que pechase, era un comercio que levaba setenta e tantos anos aberto no centro da Coruña, era unha referencia que estaba dentro da memoria colectiva da cidade. Negociando, chegamos a un acordo co propietario e puiden quedarme a mercería enteira.
Como foi ese traspaso?
Unha das condicións era manter o nome e que despois me ensinaran como estaba organizado o almacén que, aparentemente era un caos, pero un caos organizado.
Os primeiros meses foron un pouco máis complicados porque era un exercicio de memoria importante saber onde estaban as cousas.
O peor é que co tempo a memoria esvaécese; xa non estabamos só falando dun negocio, senón tamén de que estabamos perdendo parte da memoria da persoa que o atesorou durante tantísimos anos. Polo que o proceso foi bonito, pero tamén triste, porque se perderon cousas polo camiño.
O voso vídeo “Atopa un botón” fíxose viral e a partir de aí xurdiu un boom no que apareciches en moitos medios. Como se mantén ese éxito?
Aproveitamos todo o que sucede na mercería para xerar contido de forma orgánica. Eu, que dou a cara (nos vídeos), non teño que estar pensando en que facer para que a xente conecte con nós de forma natural, nunca tiven que facer o esforzo para manter iso.
Supoño que iso será a clave do éxito. Penso que tamén conectamos coa xente en distintos niveis, temos moitos tipos de seguidores: aquel que vén pola curiosidade, o que vén polos labores ou o que está fascinado por todo o caos e a desorde.
Xente que vos pide cousas dende lonxe como América Latina… É curioso, non? Porque mercerías tamén hai alí.
Unha das cousas que máis se comenta é a desaparición das mercerías. Despois de analizalo, penso que a sociedade busca os sitios auténticos, busca a verdade e os lugares que perduran no tempo. Nunha sociedade tan líquida onde todo é de usar e tirar, atopar sitios como este, faite repensar como consomes.
Aquí podes conseguir todo o que necesitas para reparar, reutilizar, reciclar e personalizar as prendas de roupa que son de usar e tirar. Xa non hai tantas prendas que te acompañen no teu proceso vital como ese xersei que identificas co teu avó ou o mandil da túa avoa, que estaba remendado. Hai prendas que identificamos con xente da nosa contorna porque as usaron durante moitísimos anos.
Como xurdiu a oportunidade de escribir un libro? E que van atopar os/as lectores/as que aínda non o leron?
Tiña a necesidade de poñer en valor a historia, non só deste comercio, senón de moitísimos comercios. En tódolos sitios sempre hai unha noticia sobre un negocio case centenario que está pechando.
Quería contar a historia deses sitios, que está composta pola historia de miles de persoas que pasaron polo seus mostradores. Dinme de conta escribindo esta historia que non me pertence nin a min nin aos anteriores propietarios, esta historia pertence á xente que fai esta tenda.
Tiven a sorte de que Grupo Planeta se interesara e viñera á tenda. Un día achegáronse e dixéronme: “por que non facemos un libro?” O proxecto xa estaba na miña cabeza. De feito o primeiro parágrafo do libro é o que escribín cando me enfrontei á folla en branco.
Acabas de estar na túa primeira feira do libro na Coruña. Cóntanos esa experiencia.
Fun aos stands de catro librerías que se puxeron en contacto comigo. É unha forma de apoiar ao pequeno comercio.
Na mercería tamén somos punto de venda, aquí xa tiña firmado algún libro, pero firmar libros de forma masiva ou que veña xente á feira a verte para que llo asines é un feedback moi bonito. As inseguridades que dá ser un escritor novel fan que non me poida crer que a xente queira ler algo que escribín eu.
A experiencia de escribir foi boa? Como a viviches?
A experiencia foi horrible. Tiña que ter gozado máis do proceso de escritura. Estiven escribindo todo o último ano. Non ter a rutina de escribir e introducila no teu día a día foi complicado, porque esta mercería é moi demandante.
O libro incluso motivou a contratación dunha das miñas compañeiras, que segue traballando con nós, para ter tempo de escribir. Intenteino facer nas horas que estamos abertos, pero pagou a pena, sen dúbida.
Cal é o rol de La Crisálida no tecido da cidade?
Desexo que A Coruña sexa referente comprando e apoiando o pequeno comercio. Hoxe en día, para mercar no pequeno comercio hai que estar concienciado. É como unha especie de activismo. O modelo de consumo mudou e agardo non estar condenado á desaparición, pero si é a nosa condena. Os procesos de xentrificación que sofren as cidades nos centros urbanos tamén o padecemos os pequenos comercios.
Estou aquí a contrarritmo, resistindo, e nós xeramos emprego, fixamos poboación nas cidades e temos valor social per se. Síntome como a aldea gala dentro da Coruña. Tamén penso que temos feito máis traballo polo pequeno comercio nas nosas redes sociais que moitísimas das políticas públicas que se levan facendo para fomentar o comercio.
Imos falar un pouco de ocio, que fas no teu tempo libre na Coruña?
Eu son moi de barrio e gústame moito relacionarme con xente que coñezo de toda a vida. Entón os sitios aos que vou non son de “postureo”. Gústame ir de bares. É unha das miñas afeccións. Son un señor de bar, como o era meu pai. Ir de bares tamén é apoiar a hostalería local
“Escribindo este libro dinme de conta que non me pertence nin a min nin aos anteriores propietarios, esta historia pertence á xente que fai esta tenda”
