Diversión e irreverencia no Entroido compostelán

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada de integrantes do Coro da Ra, que estará a cargo do pregón das festas do Entroido 2026, presentou a figura do Meco deste ano que percorrerá o sábado 14 de febreiro as rúas de Compostela para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña ata o mércores 18 cando será queimado na praza Roxa. No acto tamén estivo presente o creador do Meco, José Manuel Méndez.
Pilar Lueiro presentou o programa preparado dende o Departamento de Festas do Concello para este Entroido 2026, nunha rolda de prensa celebrada no Teatro Principal. “Chegou a época máis divertida e irreverente do ano, uns días para mofarse ata dunha mesma”, celebrou a concelleira, e animou a gozar dunha “festa con desfiles, disfraces, personaxes singulares, tradicións únicas e gastronomía abundante”.
“É un tempo de espírito participativo e ganas de divertirse”, engadiu a concelleira e agradeceu a participación ás comparsas compostelás xa que “non se entende o Entroido sen elas na cidade” e ás comisións de festas como a de Amio e a de Sar, así como as unións carnavalescas de parroquias do rural como Marrozos, Angrois, Aríns e o Eixo, pois “manteñen viva a tradición e grazas ao seu traballo fan que a veciñanza se divirta e goce cos seus coros, comparsas, vivas e atranques dos e das xenerais do Ulla”.
Na presentación participou tamén o director do Coro da Ra, Ramón Bermejo, xunto con dúas integrantes. Avanzou que será “un pregón reivindicativo, gamberro e transgresor” salpicado de intervencións do coro.
Este ano o Meco representa o Mercosur sentado sobre Galicia esmagándoa. “Un Meco que deixa ás claras o cinismo en estado puro e …hai que rirse por non chorar!!”, comentou Pilar Lueiro.
O seu autor, José Manuel Méndez explicou que este ano elixiu aludir ás mobilizacións do sector agrario galego ante fronte á ameaza de competencia desleal do Mercosur coa denominación ‘Mercosur’.
A programación oficial comeza o sábado co tradicional desfile do Meco que partirá ás 20 h da praza de Cervantes coas comparsas Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, acompañadas pola Charanga BB+ ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado.
Pregón do Coro da Rá
Alí mesmo, na praza do Toural, o sábado ás 20.30 horas dará o pregón o Coro da Ra. Un pregón “coral, con enerxía, actual, versátil, diverso e divertido”, en palabras de Pilar Lueiro, quen agradeceu a este grupo con tres décadas de historia Coro da Rá que aceptara o reto para abrir o Entroido compostelán coa súas brillantes voces a capella e espazo para humor, a retranca e a ironía.
O domingo 15 Os Conformistas de Conxo encargaranse da animación de rúa durante a mañá (de 10.30 a 14.00 horas) nun percorrido que irá da residencia de maiores da Volta do Castro á rúa do Franco. O mesmo día, o Obradoiro de Cultura Tradicional (OCT) Ultreia levará o Entroido de Mazaricos ás prazas do Toural (12.00 horas), Praterías (12.30h) e Cervantes (13.00h).
Festival infantil de disfraces
O domingo pola tarde a Sala Capitol acollerá o festival infantil de disfraces dende as 17.00 horas, con animación a cargo de ‘A Run Run: Entroido a toda máquina’. A entrada é libre, con participación de nenas e nenos de ata 14 anos. E de 16.30 a 17.45 horas estarán abertas as inscricións para o concurso de disfraces nas categorías de grupo, parella e individual. Ás 18.00 horas haberá animación, baile, sorteo de agasallos, concurso de disfraces e premios.
Namentres, a Charanga Os Bandiños e a Comparsa A Ruliña de Laraño animarán as rúas da zona vella entre as 18.00 e as 20.00 horas.
Xa o luns, a Charanga TNT xunto cos Armatroulas de Laraño encherán de música e cor as rúas dende praza Roxa ata San Pedro nun pecorrido que durará de 18.00 a 20.00 horas. Á mesma hora partirán a Fanfarria Farruxa e a Comparsa de Maruxas e Coralias da praza de Salvador Parga nun percorrido circular polo casco vello.

Martes de Entroido
Neste día festivo do martes de Entroido, 17 de febreiro, as carrozas, comparsas e charangas concentraranse ás 16.30 horas na avenida de Ferrol, de onde partirá o gran desfile de Entroido ás 17.30 horas en dirección a Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa da República do Salvador, rúa do Hórreo, rúa da Senra e avenida de Xoán Carlos I.
Ás 20.00 horas actuará a Charanga Ardores na Sala Capitol, onde unha hora máis tarde será a entrega de premios ás mellores carrozas, comparsas, disfraces de grupos, de parella e individuais.
Como xa anunciou o Concello, este ano aumentan as contías dos premios, equiparando os galardóns das comparsas de Santiago ás de fóra, e creando un cuarto premio. Pilar Lueiro lembro que este nesta convocatoria tamén se premian os centros de ensino, cunha categoría especial, para valorar a implicación da comunidade educativa.
Queima do Meco
O programa de Entroido continúa o mércores coa queima do Meco ás 21.00 horas na praza Roxa. Alí chegará despois de saír ás 20.00 da praza do Toural acompañado pola comitiva fúnebre que encabezarán Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e a Charanga BB+ de rigoroso loito.
Antes diso, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos levará os Bailes de Entroido de Muros, Noia e Costa da morte á praza de Cervantes ás 18.00 horas e ás Praterías ás 18.45 horas.
A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 21 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada, incluíndo comparsas, sesión vermú, xantar popular, atranques, concursos de orellas e filloas e foliada.
Ademais, os centros socioculturais ofrecen unha ampla programación especial de Entroido, con ducias de obradoiros de balde para todos os públicos. Entre eles, un de atranques de Entroido da Ulla para crianzas no CS de Santa Marta o mércores 11 o de chapeus de Xeneraliñas da Ulla e de atranque. O xoves 12, nenas e nenos poderán aprender a elaborar chapeus de xeneraliñas da Ulla no Espazo Apego.
Se ben actividades principais se concentran entre o sábado 14 e o domingo 21, a responsable municipal de Festas lembrou que “o Entroido na nosa cidade esténdese ao longo de todo o mes, pois este sábado 7 comezará en Marrozos e rematará o sábado 28 en Sar”.
