A CoruñaCulturaEntre MúsicasJavier Pereira Gasamáns

CUAC FM: “A radio xera pensamento crítico, comunidade e cultura”

Por Javier Pereira Gasamáns

 Os tres proxectos finalistas na categoría de Mellor Proxecto de comunicación e difusión musical: ‘Dando a lata’, ‘Recollendo músicas’ e ‘CUAC FM’.  Foto:  Pixelin.
Os tres proxectos finalistas na categoría de Mellor Proxecto de comunicación e difusión musical: ‘Dando a lata’, ‘Recollendo músicas’ e ‘CUAC FM’. Foto: Pixelin.

A piques de cumprir 30 anos, CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, acaba de recibir o Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de Comunicación e Difusión Musical. Un galardón do máis merecido porque durante todo este tempo CUAC estivo sempre apoiando a escena musical coruñesa e galega. Mentres a emisora agarda que a Xunta recoñeza o seu dereito a comunicar, segue recibindo o apoio da cidadanía e agora tamén dos maiores premios musicais de Galicia. Para celebrar este fito e para saber algo máis dela, falamos con Noel Turbulencias, un dos membro da emisora máis comprometido coa música feita aquí.

Foi unha sorpresa o premio?

Máis que unha sorpresa, foi unha verdadeira alegría. Levamos trinta anos como asociación, e este premio séntese como un recoñecemento ao traballo sostido ao longo de todo ese tempo. Sobre todo, ao esforzo das persoas fundadoras e de tantos socios e socias que teñen dedicado boa parte do seu tempo libre a facer posible un proxecto como Cuac. Sen esa entrega e compromiso, nada disto tería chegado ata aquí.

Cales diriades que son os méritos de CUAC para merecer este premio?

O principal mérito é a constancia. Foron moitos anos de facer radio con paixón, de manter programas activos, de apoiar a cultura local e de crear espazos de expresión que non existían. Pero tamén é mérito da nosa capacidade para expandir a nosa voz máis alá da FM, grazas á emisión online e aos podcasts. Iso permitiunos chegar a lugares que, doutro xeito, non poderiamos. Aquí ninguén cobra, pero todas as persoas implicadas traballan cun nivel de compromiso, de profesionalidade e de paixón que é o que realmente fai que CUAC sexa o que é.

Recibides premios que recoñecen o voso traballo. Por que este recoñecemento non acaba de chegar por parte das institucións que regulan o voso funcionamento como medio de comunicación?

Seguimos á espera de que as institucións formalicen de xeito definitivo o noso funcionamento e recoñezan a nosa posición como medio comunitario. Desde a aprobación da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, que recoñecía os medios comunitarios como parte do sistema oficial de medios do Estado, seguimos esperando a repartición das licenzas correspondentes. Gustaríanos que ese momento chegase máis cedo que tarde, porque levamos moitos anos facendo as cousas ben, cumprindo os requisitos, traballando con rigor e seriedade, e só pedimos poder facelo cunha licenza comunitaria que nos dea seguridade xurídica.

Dentro do mundo da música, cales son os aspectos do traballo que se valoran máis dende este sector?

Cremos que o máis valorado é o feito de dar voz a proxectos musicais que, sen medios independentes como o noso, quedarían totalmente fóra dos circuítos de difusión. Neste sentido, é fundamental tamén o labor doutros blogs, emisoras libres, podcasts e, por suposto, das persoas creadoras de contido que, a día de hoxe, tamén funcionan como pequenos medios de comunicación. Sen todas estas iniciativas, moitas bandas e artistas galegos non terían practicamente ningunha plataforma que falase deles. É certo que estamos vivindo un momento de maior visibilidade para a música galega, e que algúns medios comezan a entender a importancia de abrir os seus micros a estas propostas, pero aínda quedan moitos proxectos sen cobertura.

Na época do podcast e do streaming, cales son os motivos para seguir pegados coa orella ao transistor?

A día de hoxe, a liña entre un podcast e un programa de radio é cada vez máis difusa. Moitas veces van da man, e a única diferenza real é que algúns podcasts só están dispoñibles en plataformas dixitais, mentres que os programas de radio tamén se emiten por frecuencia modulada.

Estamos nun momento no que hai unha especie de batalla pola atención da audiencia. Conseguir que alguén dedique o seu tempo a escoitar contido "sexa cal sexa" é cada vez máis difícil. As redes sociais están gañando esa batalla da inmediatez, e nelas tamén se está facendo un traballo moi digno, pero xeralmente breve.

Se o que buscas é profundidade, análise, desenvolvemento de ideas e temas, esa é unha loita que seguen gañando a radio, os podcasts, os libros. Porque xeran pensamento crítico, cultura e comunidade.

Con todos os anos que levades, como mudou a escena musical da cidade neste tempo?

Foi transformándose ao longo dos anos, adaptándose a modas, influencias e novos xeitos de crear e consumir. Sempre foi unha cidade cun tecido musical local moi activo, pero tamén cunha certa dificultade para que os proxectos emerxentes despuntasen.

Historicamente, a escena local estivo moi vencellada ao rock, ao hardcore e a outras expresións musicais intensas e comprometidas. A influencia de xente procedente de Viveiro "berce do Resurrection Fest" tamén deixou pegada en moitas propostas. Ese espírito segue aí, pero tamén se nota unha apertura a outras escenas máis eclécticas.

Agora mesmo hai proxectos novos e moi interesantes, como Leria, Eris Mackenzie ou Amoebo, que están acadando repercusión máis alá da cidade e mesmo de Galicia. A Coruña segue a ser un lugar fértil para a creación musical.

Cales son as principais ameazas e males para a escena musical local?

Agora mesmo vivimos unha situación paradoxal. A Coruña converteuse probablemente na capital musical do noroeste peninsular: é onde se celebran os concertos de maior aforo e onde chegan xiras de gran formato. Iso é unha alegría, pero tamén supón un colapso no sistema. A sobreoferta de eventos de gran escala satura o tempo, os espazos e tamén os orzamentos culturais do público.

Cando invistes unha parte importante do seu tempo e cartos en grandes concertos, quedas con menos marxe para asistir a propostas máis pequenas  E iso tradúcese en salas medio baleiras, en proxectos locais que non despegan e nunha dificultade real para construír escena.

A iso hai que sumarlle o custo elevado dos alugueiros das salas, a escasa implicación institucional e o feito de que cun ou dous concertos ao ano é moi difícil consolidar un proxecto artístico. En resumo: a falta de apoio estrutural, a competencia desigual e a baixa curiosidade do público son os tres factores fundamentais

Á parte de CUAC, cales son as iniciativas máis interesantes para a promoción e apoio da escena local?

Desde CUAC tratamos de poñer o noso gran de area a través do Concurso de Bandas, que este ano celebra xa a súa 27ª edición, sendo unha das plataformas máis veteranas de apoio a proxectos emerxentes da cidade.

Pero máis alá de nós, hai outras iniciativas moi valiosas. Propostas como Usual Coruña, Silcerino, Solofolar, La Galleta Molona ou O Rincón de Daniel están a xerar contidos, espazos e actividades que enriquecen o ecosistema musical coruñés e galego.

E cómpre recoñecer tamén o valor dos concertos gratuítos e ao aire libre, que adoitan ser os que mellor funcionan para achegar ao público a novas propostas. Cando a música sae á rúa a curiosidade medra e moita xente descobre artistas e proxectos que doutra maneira ignoraría. Sen eses espazos de encontro, é moi difícil construír comunidade cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.