CompostelaCulturaNovas

Creafogar, o primeiro evento efémero de interiorismo con marcas galegas, abrirá as súas portas en Compostela o 20 de setembro

A cidade de Santiago será o escenario de Creafogar, un evento innovador no que participan máis de 150 marcas galegas. A  presentación oficial tivo lugar nunha rolda de prensa organizada polas interioristas Almudena Rodríguez, DenaDinteriores, e Beatriz Barril, Spacio-B. A casa de Creafogar, na Rúa Nova 24, abrirá as súas portas o 20 de setembro, cunha duración de 20 días, e reunindo a destacados profesionais do deseño, a artesanía e a construción de Galicia nun espazo único, impulsado pola Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Artesanía de Galicia, Consello de Santiago, Axenda Urbana 20-30, Universidade de Santiago e Woman Emprende.

Na cita, estiveron presentes Santiago Boquete Sanluis, subdirector Xeral de Servizo Público de Emprego  de Galicia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude; e Eva López Barrio, xerente do programa “Woman Emprende” da Universidade de Santiago de Compostela, subliñando a importancia de iniciativas como Creafogar.

Na rolda de prensa, comunicouse o contexto no que nace Creafogar, un punto de encontro para todos aqueles interesados no deseño, a artesanía e a cultura galega, marcando un antes e un despois no panorama do interiorismo en Galicia. Santiago Boquete destacou a importancia de impulsar e participar en eventos de esta índole: “Dende a Xunta de Galicia apoiamos dende o inicio a iniciativa de Creafogar pola súa relevancia e a posta en valor que se fai da formación sectorial, os oficios tradicionais e artesania en clave galega”.

Na súa intervención, María Rozas salientou que desde o Goberno municipal “compartimos filosofía e obxectivos con Crea Fogar” e “reivindicamos a recuperación do noso patrimonio arquitectónico, a rehabilitación de inmobles en desuso para seren vividos”. O Concello de Santiago colabora, entre outras cuestións, na organización de tres mesas de debate: o reto da vivenda, os oficios tradicionais, e o mercado de barrio.

Visitas guiadas

A vivenda na que se creou este espazo efémero de deseño e interiorismo poderá visitarse desde o 20 de setembro. Xa están á venda na web de Creafogar as entradas para participar nas visitas guiadas. O prezo é de 6 euros, dos cales un euro será doado á Fundación Naru.

O edificio, que data do ano 1848, non é accesible para cadeiras de rodas, pero as promotoras prepararon unha visita virtual na planta baixa da vivenda, para que tamén poidan coñecer este proxecto as persoas con mobilidade reducida.

As promotoras

Almudena Rodríguez da firma DenaDinteriores e Beatriz Barril da firma Spacio-B poñen en marcha a I Edición de Creafogar. Dúas interioristas acreditadas polo selo Artesanía de Galicia que, con máis de 20 anos de experiencia no sector, deseñarán “en clave galega” o interiorismo de toda a vivenda, ademais de coordinar ós diferentes creadores e gremios da construción participantes no evento. Os obxectivos principais deste proxecto son os de revalorizar os oficios tradicionais, promover o talento galego e buscar unha segunda vida para inmobles. A intención das dúas promotoras é que este evento, pioneiro en Galicia, se repita anualmente noutras localizacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.