Compostela acolleu a entrega dos primeiros Premios da Cociña Galega

A primeira edición dos Premios da Cociña Galega, impulsada pola Asociación Amigos da Cociña Galega, deu a coñecer aos restaurantes premiados nas diversas categorías. A gala, celebrada o 1 de decembro no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, puxo en valor a tradición e o patrimonio culinario de Galicia, homenaxeando aos profesionais e establecementos que manteñen viva a nosa identidade gastronómica.
Os premios están financiados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Turismo e tamén contan co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, ademais conta co apoio privado de Cervezas 1906 (Hijos de Rivera) como patrocinador ouro; Cash Record, Martín Códax e Bico de Xeado como patrocinadores prata; e Ternera Gallega, Palo Santo e Vinagres do Ribeiro como patrocinadores bronce.
O obxectivo destes galardóns, que se entregan a través de figuras de Sargadelos, é recoñecer á cociña auténtica, a das casas de comidas, tabernas e restaurantes que conservan o espírito e o sabor de sempre. Baixo o lema “Celebremos a nosa cultura gastronómica”, os Premios da Cociña Galega teñen un carácter singular: son premios outorgados por galegos e galegas profesionais da propia terra, nun exercicio de recoñecemento colectivo da nosa cultura culinaria.
A gala contou coa presenza de Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación de Coruña; e Miriam Louzao, concelleira de Concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela.
Xosé Luís Reza, director de Amigos da Cociña Galega, sinalou no seu discurso o obxectivo principal destes premios: “Celebramos que a nosa cociña é única e diferente. Temos que ser nós, os galegos, os primeiros en convencernos de que iso é así. Estos premios non pertencen a Amigos da Cociña Galega, son de todos os que formades parte da gastronomía galega. E isto só é a primeira pedra dun proxecto que debe crecer e integrarnos a todos”.
Nesta mesma liña, Javier Outomuro, presidente de Amigos da Cociña Galega, sinalou que estes premios reivindican “a esencia, a materia prima excepcional, a verdade do produto e o sabor que conta historias”.
Na Gala dos Premios da Cociña Galega rendéuselle homenaxe á esencia da gastronomía de Galicia a través de tres recoñecementos especiais que puxeron en valor a tradición, a memoria culinaria e a identidade dos nosos establecementos e receitas máis singulares.
Durante o acto, destacouse o papel fundamental das casas de comidas que conservan a autenticidade dos sabores de sempre, dos locais que se converteron en referentes históricos para xeracións de comensais e das preparacións tradicionais que forman parte do patrimonio gastronómico do país. Así, foron premiados a casa de comidas La Viuda (A Pobra de Trives), o restaurante El Refugio (Oleiros) e Salmoira (Pontevedra) coa Maragota en Salazón, como prato esquecido.
O Xurado dos Premios da Cociña Galega estivo formado preto de 60 profesionais multidisciplinares do sector gastronómico, con representación das catro provincias galegas. Nel participou Carlos Palomar, en representación da nosa revista Pincha, ademais de críticos gastronómicos, xornalistas especializados, docentes, representantes de escolas de hostalería, enólogos, produtores, consultores, responsables de entidades turísticas e divulgadores culinarios.
Lista completa de premiados
● Categoría de Polbo á Feira: Pulpeira de Melide (A Coruña)
● Categoría de Mexilón: Nado (A Coruña)
● Categoría de Berberecho: D’Berto (O Grove)
● Categoría de Lacón con Grelos: La Molinera (Lalín)
● Categoría de Cocido Galego: La Molinera (Lalín)
● Categoría de Vieira: Nado (A Coruña)
● Categoría de Merluza: Nito (Viveiro)
● Categoría de Marisco: El Refugio (Oleiros)
● Categoría de Cabrito: La Viuda (A Pobra de Trives)
● Categoría de Vacún Galego: España (Lugo)
● Categoría de Galo de Curral: Don Dín (Vila de Cruces)
● Categoría de Lamprea: Chef Rivera (Padrón)
● Categoría de Caldeirada: Beiramar (O Grove)
● Categoría de Lura: Surrey (A Coruña)
● Categoría de Caldo Galego: La Molinera (Lalín)
● Categoría de Callos á Galega: Culuca (A Coruña)
● Categoría de Arroz de Marisco: Salitre (A Coruña)
● Mellor Empanada: Salitre (A Coruña)
● Mellor Pan: Aboamigalla (San Cristóbal de Cea)
● Mellor Postre Casero: Nado (A Coruña)
