A CoruñaGastronomíaReportaxes

CIFP Paseo das Pontes, 25 anos formando o talento da nosa hostalaría

 Pablo Sobrado, director do CIFP Paseo das Pontes, durante o concurso de tiraxe de cervexa que se estaba a celebrar no patio central do centro cando fixemos esta entrevista. Foto: Iván Barreiro
Pablo Sobrado, director do CIFP Paseo das Pontes, durante o concurso de tiraxe de cervexa que se estaba a celebrar no patio central do centro cando fixemos esta entrevista. Foto: Iván Barreiro

Vinte e cinco anos formando a profesionais da hostalaría, o turismo, as industrias alimentarias e o téxtil ben merecen unha conmemoración. A gran festa deste aniversario do coruñés CIFP Paseo das Pontes celebrouse o pasado 29 de maio cun acto especial que incluíu unha demostración práctica dos distintos ciclos que ofertan. Mais os festexos non remataron aí. Continuarán a partir de setembro co novo curso, acollendo conferencias e xornadas nas que participarán antigos alumnos e alumnas deste centro que é todo un referente non só a nivel galego, senón tamén no resto de España.

Nós visitamos o lugar o día no que se estaba a disputar un campionato de tiraxe de cervexa, un de tantos eventos que acollen habitualmente para mellorar a experiencia do seu alumnado. Alí, ao pé do canón coma sempre, estaba Pablo Sobrado, o seu director desde fai catro anos.

Como dirías que evolucionou o centro nestes 25 anos?

Nestes 25 anos creo que o Paseo das Pontes consolidouse como un referente na FP de Galicia. Cunha oferta formativa en constante evolución. A nivel de alumnado e de profesorado tivemos un crecemento moi importante nos últimos anos. E tamén intentamos adaptarnos ás necesidades do mercado laboral e ás exixencias tecnolóxicas do presente, sempre fomentando a sustentabilidade.

Facemos unha formación adaptada ao que a empresa necesita. E este é un éxito compartido coas empresas que colaboran e nos abren ás súas portas para facer as prácticas alí. É moi importante estar conectados coa realidade. Estamos ademais con proxectos europeos cos que intentamos dar un impulso á internacionalización.

O centro foi testemuña neste tempo do crecemento de xeracións de profesionais. Aquí intentamos promover o talento dos nosos alumnos e alumnas. O noso compromiso sempre foi intentar conseguir a excelencia. E todo é posible grazas aos docentes e o persoal do centro, ademais do esforzo do alumnado. Nós guiámolos e apoiámolos nesta viaxe de aprendizaxe para que sexan capaces de acadar os obxectivos marcados.

Neste senso, chamoume a atención no concurso de tiraxe de cervexa que cando lle preguntaron a un dos participantes a quen lle apetecería dar unha aperta para calmar os nervios, escolleute a ti...

Si, porque a verdade é que eu non escatimo esforzos en apoiar aos alumnos e alumnas. Cando se presentan a algún concurso ou ‘skills’ (competicións de FP) teñen todo o apoio non só da dirección, senón de todo o centro, recursos, facilidades... Tamén busco moito fomentar a empatía. Se teñen algún problema, intentamos darlle solución.

Agora estamos en período de inscrición para o novo curso. Hai moita demanda? Normalmente queda xente fóra?

Hai moita demanda, si. De feito, o ano pasado fomos o único centro que no ciclo de Dirección de Servizos tiña lista de agarda xa na primeira adxudicación.

E, sen embargo, nos últimos tempos no sector da hostalaría moitos locais teñen problemas para atopar persoal...

Si, hai locais incluso que non poden abrir porque non teñen xente. Ou persoas que se queixan da falta de profesionalidade. Pero o que pasa é que ás veces ao non ter persoal, botan man de quen atopan, de persoas non formadas.

Eu non sei se é un problema de calidade de vida –aínda que hoxe en día non se fan as horas que se facían antes na hostalaría- ou da sociedade actual... pero si que podo dicir que os que queren traballar teñen traballo. A nosa inserción laboral é moi alta. Nós temos exalumnos traballando en restaurantes Estrelas Michelin, en California, en Dubái, en Qatar...

Preocúpavos o auxe de maquinaria como robots que poida substituír aos profesionais nun bar ou restaurante?

Eu creo que ao persoal de hostalaría non os van substituír. Virá para reforzar a comodidade e sobre todo para ser máis produtivos, que axude a traballar mellor.

Ti que levas tanto tempo traballando no sector, por que animarías a alguén a dedicarse a esta profesión?

Para min é unha profesión na que nunca repites a mesma actividade que fixeches. Hai cousas sempre novas. O produto é distinto e transfórmase de moitas maneiras. E o servizo tampouco é nada monótono. Ademais fas moita vida social.

Que esperas para o futuro do CIFP Paseo das Pontes?

Espero que este 25 aniversario sexa un punto de partida para chegar nos próximos 25 anos a novos retos; que de seguro virán marcados pola dixitalización, a sustentabilidade, a intelixencia artificial e novas formas de traballar e aprender. Eu creo que coa escaseza de man de obra que estamos vendo vai ter que haber unha reconversión do sistema. Nós traballaremos con iso e seguiremos intentando cumprir todos os nosos obxectivos.

“Intentamos adaptarnos ás necesidades do mercado laboral e ás exixencias tecnolóxicas do presente”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.