As Tanxugueiras, Guadi Galego, Depol ou Queralt Lahoz actuarán nas Festas da Ascensión 2025
A concelleira de Festas de Santiago, Pilar Lueiro, presentou no Pazo de Raxoi o programa completo das Festas da Ascensión que se desenvolverán entre o 28 de maio e o 1 de xuño e que incluirán “actividades para todos os públicos”. Antes de debullar o programa, a concelleira fixo referencia ao cartel, autoría de Rosa de Cabanas, “que centra a maior parte da súa obra na imaxe das mulleres, e para a Ascensión apoiouse nunha fotografía dunha feira de gando na Carballeira de Santa Susana no ano 1919, na que aparecen varias mozas en primeiro plano, termando do gando”. Nesta edición, “apostamos por unha imaxe que rende homenaxe á historia destas Festas que, como é sabido, partiron precisamente da feira de gando”.
Estas mozas aparecen na parte inferior do cartel, “como se fosen a raíz oculta, mentres que na parte superior aparecen as mesmas mozas pero nun tempo actual, con vestimenta contemporánea e portando cadansúa pandeireta. Atención aos zocos, son antigos e son contemporáneos”, apuntou a edila. “Esta duplicidade, como un reflexo, honra as mulleres que nos precederon e recorda a orixe da festa. Así o cartel fala da orixe da festa, da memoria, da muller, e tamén dun mundo rural que de cando en vez se achega á cidade ao tempo que pon como protagonistas a mozas e á música tradicional, facendo unha chiscadela ás pandeireteiras homenaxeadas nas Letras Galegas”.
Programa
As festas terán lugar do mércores 28 de maio ao domingo 1 de xuño, mais as atraccións estarán xa na Alameda desde o día 17 de maio e manteranse ata o 3 de xuño. A concelleira lembrou tamén que se manteñen tanto os horarios inclusivos sen ruído, que serán os días 23 e 31 de maio e o 1 de xuño de 17 h a 19 h, como o Punto Lila, que estará instalado na Alameda desde o 28 ao 31 de maio, cun horario de atención de 20 h a 01 h.
Dentro do programa, Lueiro destacou “a forte aposta que facemos este ano pola música galega e en galego, en formatos e estilos moi variados: grandes concertos como As Tanxugueiras, Ailá e Guadi Galego, as alboradas e ruadas a cargo de agrupacións folclóricas e grupos de música tradicional do noso Concello, os cantos de taberna, o Composfest, a Romaría das Flores ….”. Non faltarán as tradicionais citas como o concurso cabalar, o torneo da chave ou os cabezudos.
As festas arrancan o mércores 28 cos Cantos de Taberna e co concerto Santiago 40 Pop ás 21.00 h na praza da Quintana con Depol como un dos artistas principais. O día grande da Ascensión, o xoves 29, comeza con alboradas e continúa cun concerto da Banda Municipal ás 12 h na praza da Quintana, acompañada de Ultreia. Os cabezudos animarán a xornada a partir das 12.30 h e quen o prefira poderá darse unha volta polo recinto feiral de Amio para ver a tradicional feira cabalar. Xa pola tarde será o tempo do completo programa de Folk na rúa e do concerto da Real Filharmonía (ás 20.30 h no Auditorio de Galicia). O prato forte chegará ás 21 h na praza da Quintana co concerto de Tanxugueiras. Na alameda estará a Orquestra Marbella.
O venres 30 gozaremos con outro clásico, o Composfest, cheo de boa música e que “será presentado en breve”, segundo indicou a concelleira. Tamén terá lugar o XLVIII Torneo da Chave na Alameda. O día complétase con alborada pola mañá e orquestra pola noite.
O sábado 31 de maio será a xornada da Festas dos Maiores, da exposición de vehículos clásicos e contemporáneos ou das escolas de baile tradicional nas prazas da zona vella e da Romaría das Flores en Belvís. A praza da Quintana acollerá o concerto de Queralt Lahoz, dentro do ciclo SON Estrella Galicia.
O último día das festas, o domingo 1, celebrarase a XXIV Carreira da Ascensión e un novo concerto da Banda Municipal, neste caso con Ailá. Tamén haberá circo para a cativada na praza de Mazarelos. Guadi Galego será a encargada de poñer o broche final ás festas picheleiras por excelencia cun concerto ás 20.30 h na praza da Quintana.