A Festa do Queixo de Arzúa celebrará o seu 50 aniversario homenaxeando ás mulleres queixeiras
A Queixería Barral, en Arzúa, foi o escenario elixido para a presentación dos cinco novos carteis conmemorativos da Festa do Queixo, un evento emblemático que terá lugar do 14 ao 16 de marzo e que celebra este ano o seu 50 aniversario. No acto participaron o alcalde da localidade, Xoán Xesús Carril; a concelleira de Igualdade e Normalización lingüística, Lucía López; e o deseñador Daniel Camino.
Os carteis, elaborados cunha técnica de ilustración que utiliza unha paleta de cores vivas, renden homenaxe ás mulleres queixeiras e a todas as persoas que, desde as súas orixes, traballaron pola festa e o recoñecemento do queixo de Arzúa ou participaron dela.
O deseñador explicou que o cartel principal destaca a figura feminina da queixeira, vestida con traxe tradicional e portando un queixo que simboliza o esforzo, a dedicación e o orgullo destas mulleres que foron fundamentais na historia da festa. A imaxe, cargada de simbolismo, pon no centro á muller traballadora, reflectindo o papel crucial que estas figuras desempeñan no ámbito rural e na conservación da tradición queixeira galega.
Un elemento común en todos os carteis é un círculo que aparece no fondo, evocando tanto ao sol como ao queixo. Este círculo non só representa a enerxía vital que se transmite na festa, senón que tamén é unha homenaxe aos fundadores e a todas as persoas que fixeron posible que a Festa do Queixo perdurase durante medio século. É unha forma de render tributo ás xeracións pasadas, presentes e futuras que continúan facendo crecer a tradición do queixo en Galicia.
A inspiración visual dos carteis provén da obra de recoñecidos artistas galegos como Luis Seoane, Maruxa Mallo e Xosé Vizoso, cuxas influencias se reflicten no uso de cores brillantes e trazos marcados que evocan o dinamismo e a riqueza cultural de Galicia. A tipografía seleccionada tamén se basea no legado das letras galegas tradicionais, lembrando os trazos de Castelao, a forza gráfica de Sargadelos de Díaz Pardo e o deseño contemporáneo de Rubén Prol, fusionando o pasado e o presente nun estilo visual único e contemporáneo.
Cada un dos cinco carteis honra a diferentes grupos da comunidade: as produtoras de queixo, as artistas, os visitantes, as traballadoras e os traballadores, e as xeracións que foron parte activa da celebración. Con estes carteis, o Concello de Arzúa quere transmitir unha mensaxe de respecto pola tradición, a cultura e o esforzo colectivo que converteu á Festa do queixo nunha das festividades máis importantes de Galicia.