fbpx
CompostelaCulturaNovas

As artistas urbanas Paula Calavera, Rame13 e Priscila Barbosa participarán na VI edición do Delas Fest

Chega a sexta edición do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest. Tiveron que pasar seis anos para darse conta de que o Delas Fest é moito máis que un festival, pois as intervencións murais sempre veñen acompañadas de actividades que lles dan sentido tanto ás pinturas, como ás reivindicacións de xénero e sociais que se queren amosar a través delas. Así, o Delas Fest pasa a apelidarse Programa feminista de arte urbana contextual e volve para escoitar e contar as historias da comarca.

O proxecto, organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o 2019, reafírmase, neste 2024, nos seus principios: a reivindicación da igualdade de xénero, a democratización da arte a través da implicación das comunidades onde se vai pintar, a liberdade creadora das artistas convidadas, o coidado de todas as persoas implicadas no programa e o apego ao territorio.

Cita de referencia de arte urbana no circuito estatal, o programa é posible grazas aos concellos de Santiago e Brión, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Alro Maquinaria e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.

A rolda de prensa de presentación, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, contou coa presenza da concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; Rosa Romero, concelleira de Política Social e Igualdade de Brión, e Clara R. Cordeiro en representación de 7H Cooperativa Cultural.

Na súa intervención, Míriam Louzao destacou a importancia da arte “que deixa pegada no territorio, esa que despois nos acompaña no día a día, que permanece” así como da “arte social” que “nos axuda a construírnos como sociedade, pois o Delas Fest interactúa coa comunidade, implica á veciñanza das zonas onde pinta e iso tamén axuda a democratización da arte, a achegala a todos os públicos”.

A concelleira tamén fixo fincapé na “arte feita por mulleres” revindicando o compromiso municipal coa “igualdade de xénero” e “o traballo feito por mulleres”. “O Delas Fest construiu xa un percorrido por toda a cidade que merece a pena ser visitado e precisamente estamos poñendo en marcha na web de Turismo de Santiago un apartado de arte urbana”, engadiu.

Programa da VI Edición

Seguindo o espírito colaborativo do programa e o desexo de visibilizar o traballo feminino, a ilustración do presente cartaz é da ilustradora, ceramista e muralista, Abi Castillo (Vigo, 1987). Co seu xeito tan persoal de representar á muller, esta tórnase protagonista pintando as casas, facendo que a arte urbana chegue ao interior dos fogares, convertendo á artista nun ser capaz de cambiar a paisaxe. Así, Abi Castillo, súmase ás ilustradoras María Montes e Maru Astray como creadoras da imaxe do festival, contando nesta edición coa colaboración de Paula Cantero, de Origami Estudio, para o deseño. En canto ao traballo de documentación audiovisual, a VI edición será retratada a través da ollada de Illa Bufarda, unha mirada que compartirá toda a emoción da pintura e dos encontros coas anfitrioas.

Unha nova percepción que se engade aos vídeos de Cru Producións da V edición e ao de Adriana Páramo no 2022. As artistas convidadas para realizar as tres intervencións en gran formato son a artista plástica e muralista canaria Paula Calavera (Ceuta, 1989), que pintará no barrio de San Lázaro de Santiago de Compostela, a ilustradora, tatuadora e muralista italiana Ginevra Giovannoni, coñecida como Rame13, (Pisa, 1989) que desenvolverá o seu traballo en Brión, e a artista visual, ilustradora e muralista brasileña, Priscila Barbosa, que realizará a intervención no barrio de Conxo, en Santiago. As intervencións murais terán lugar entre o 15 e o 23 de xullo, en distintas fachadas propostas pola veciñanza a través da convocatoria de Muros en Man Común, que se mantén aberta durante todo o ano, para que calquera persoa da comarca poida facer a súa achega.

Coa consciencia da importancia que facer partícipe á comunidade no proceso de creación das obras, un ano máis, procedeuse a convocatoria Anfitriónate!. Nos primeiros encontros virtuais levados a cabo en xuño, a veciñanza tivo a oportunidade tanto de coñecer ás artistas como de facerlles chegar as súas vivencias, os coñecementos ao redor do territorio que habitan, as narracións que as envolven… Con estes datos, as muralistas están a deseñar un bosquexo que lles amosarán durante as reunións, xa presenciais, que terán lugar en xullo, o día da súa chegada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.