A Coruña acolle o festival de cinema fantástico Lóstrego e unha nova edición do Flores Rock
O Festival Lóstrego arrinca hoxe, 3 de setembro, a súa primeira edición na cidade da Coruña cunha programación centrada no cinema fantástico e de terror. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Henrique Castro Prado, participou na apertura institucional do evento, que se desenvolverá ata o sábado 6 de setembro, con proxeccións, obradoiros, charlas e actividades de lecer para públicos de todas as idades.
Durante a súa intervención, o concelleiro destacou a importancia desta nova proposta cultural “que achega unha ollada renovadora ao audiovisual e converte A Coruña nun punto de encontro para persoas creadoras, público e profesionais do sector”. Castro subliñou tamén o valor do festival “como espazo interxeracional e accesible, que dialoga coa tradición do xénero pero aposta pola innovación e a diversidade”.
O Festival Lóstrego nace co obxectivo de consolidarse como unha cita de referencia para o audiovisual galego e para as persoas afeccionadas ao chamado “fantaterror”. A súa programación combina a exhibición de curtametraxes galegas, nacionais e internacionais con longametraxes como Malencolía, Jacinto, Sen alma, La noche de los muertos vivientes, Mirai, mi hermana pequeña ou Totoro. A Sección Oficial de Curtametraxes desenvolverase en catro sesións, unha cada tarde entre o 3 e o 6 de setembro.
Ademais das proxeccións, o festival ofrece un amplo abano de actividades paralelas: obradoiros infantís como ‘Crea o teu monstro’, ‘Pinta o teu Totoro’ ou ‘Dados de storytelling’; contacontos, unha xincana máxica, disfraces, mural colectivo, presentacións de libros e encontros profesionais e masterclasses, pensadas para fomentar o intercambio entre cineastas e público.
Un dos espazos destacados desta edición é a exposición colectiva arredor de Totoro, icónico personaxe do cinema de animación xaponés e símbolo de calma, fantasía e respecto pola natureza. A mostra recolle a reinterpretación da figura de Totoro a través das obras de 35 artistas.
A gala de clausura, que terá lugar o sábado 6 pola noite, incluirá a entrega dos premios ás mellores curtametraxes da sección oficial, así como o recoñecemento do público e a intervención das persoas responsables da organización, que pecharán esta primeira edición cunha mensaxe de agradecemento á cidade e ás entidades colaboradoras.
O evento conta co apoio do Concello da Coruña, do Fórum Metropolitano, da organización Alas A Coruña, da produtora Fonofox e da entidade Kinemaland: La Tierra del Cine. Toda a información sobre o certame pode consultarse na súa páxina web www.lostregofestival.com e nas redes sociais oficiais do festival.
Festival Flores Rock
O Barrio das Flores vivirá esta fin de semana unha nova edición do festival Flores Rock, un das grandes celebracións anuais do distrito coruñés, e que volverá ao grande con grupos como Konflikto, Soziedad Alkoholica, Benito Kamelas e Dirkschneider como varios dos pratos fortes desta edición.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación completa, organizada entre o Concello e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. Arrincará o venres 5 e, ata o domingo 7, serán tres días consecutivos de festexos en puntos como a praza do Sol Nacente e a praza central do barrio.
“Haberá concertos e actividades para todos os públicos. Ademais das actuacións, contaremos coa programación do Flores Kids, con propostas para os máis pequenos, e tamén disfrutaremos do Mercado do Flores, con música en directo, gastronomía e a oferta de case medio cento de postos de artesanía”, precisou Castro.
A primeira xornada, a do venres 5, contará coas actuacións de Far Away Place (20.00 horas), Nashgul (21.15), Dirkschneider (22.30) e o peche de Dark Embrace (00.15).
Xa o sábado 6, a partir do mediodía, haberá actividades e concertos: a actuación de Costas (13.15), o espectáculo de Pako Pakolas para o público infantil (18.00) e, a continuación, arrincarán as actuacións previstas entre a tarde e a noite, con Raiade (19.00), Benito Kamelas (20.15), Konflikto (22.00), Demenzia Sozial (22.50), Soziedad Alkoholica (23.35) e Nucleus (01.20).
O peche desta edición terá lugar o domingo 7. Novamente, con actividades para todos os públicos. A partir das 11.00, a gran praza central do barrio acollerá o Mercado do Flores, que se prolongará durante todo o día, ata as 20.00 horas. Haberá tempo para disfrutar das actuacións de Maghúa (12.15), Duo Chili (13.15), Collón de Lola (14.15) e Yaya DJ (15.30).
Como xa é habitual no Flores Rock, a programación inclúe a agrupacións locais que participan no festival tras tomar parte na batalla de bandas que se celebra no mes de maio.
Este ano, os grupos gañadores foron Far Away Place e Nucleus, que actuarán no Barrio das Flores. “Iniciativas como esta visibilizan ao talento local e contribúen a abrir camiño ás agrupacións coruñesas próximas ao rock e o metal, entre moitos máis xéneros”, puxo en valor Castro.