Cando un picheleiro volve a Santiago, hai que contalo!

Por un buratiño, entre camións e focos, puidemos axexar, mentres se rodaba ficción na praza da Quintana. É que non todos os días podemos asistir ao levantamento dun cadáver, coa policía científica... Logo revivilo e ver como cae polas escaleiras, ata tres veces!, para facer, de morte ‘morrida’ e unha toma perfecta! Porque Compostela foi escenario dunha rodaxe. Doutra, diredes!? Si, pero, neste caso, dunha moi especial para un picheleiro, involucrado nela.
Cal fillo pródigo, volveu á súa terra de nacemento, trinta anos despois, para traballar, por primeira vez, como director de produción en Santiago.
Javier Torreiro é unha desas ‘rara avis’ que atopamos, por casualidade, na cidade. Porque malia que levo aquí bastante tempo, segue a resultarme estraño e novidoso coñecer picheleiros de pro, de pura cepa, dos nacidos no hospital vello, dos que lembran as rúas polas tascas de antano, dos que se sorprenden de que non estivera chovendo, un 29 de outubro, en Compostela...
“Fixo un día espectacular, nin unha nube! De feito, como a secuencia era un día chuvioso, porque a historia transcende en Santiago, no inverno, e, polo tanto, o ambiente e a atmosfera que queriamos crear era un pouco esa Galicia escura e chuviosa, foi curioso que de súpeto saíse un día de verán e que tivésemos que traer cubas de auga e regar! Non é a Galicia que lembraba de rapaz”, explica o santiagués.
Este proxecto, trátase dun thriller alemán, do que xa se rodou aquí un primeiro piloto, fai dous anos. O desenvolvemento deste segundo da serie involucra nas tomas entre 70 e 75 persoas, das cales un 50% son galegas. E espertou tremenda curiosidade entre veciñanza, turistas e peregrinos, que preguntaban polo “morto”, mentres nós, ás risas, observabamos a rodaxe, dende a terraza, placidamente, e sorbendo café... Ver cine así si que é vivilo! Porque en Pincha non deixaremos nunca de ser unhas románticas! Por iso quixemos saber se Javier sentiu morriña ou bolboretas no bandullo, ao volver.
“Síntome bastante ilusionado! Sorprendentemente, chamoume moito a atención vivir esta experiencia, porque tantos anos rodando polo mundo e rodando polo 80% do territorio nacional, pero en Santiago nunca rodara... Fíxome graza estar a percorrer a Quintana, o Obradoiro, o Franco, como cando era rapaz! Tiñamos o cátering detrás do Rosalía de Castro, que eu estudei alí! Entón resultou moi gracioso...”.
Pero, exactamente, que fai un director de produción? “É difícil. Moitas cousas. É o máximo responsable, a man dereita do produtor. É o que leva o control do orzamento, en quen os produtores poñen o diñeiro todo, polo tanto como es o xestor ou o xerente dese diñeiro, dalgún xeito es o “poli malo” ao respecto dos técnicos, dos representantes, dos actores, dos provedores... Porque es o que tes que apertar, tes que defender uns números e a loita é que eses números collan o que os directores queren rodar! Todos os seus desexos teñen que caber no diñeiro que pon o produtor. Os cartos xa están pechados coa plataforma ou coa cadea e ti cómeste “o marrón” de defendelo! Ás veces, a pesares de que saibas que, se cadra, o que pon o guión ou o que reflicte o guión e as necesidades del non caben nese diñeiro. E tes que intentar darlles aos creativos o que queren, pero, ás veces, tes que apertar moito ou simplemente pelexarte con eles, para dicirlles: mira non vas poder ter isto que che gustaría, eu enténdoo, pero non cabe, non hai diñeiro, non hai financiamento... E fas máis cousas: estás pendente de todos os departamentos e detalles, tes reunións con todos os xefes de equipo, vas vivindo a rodaxe, vas vendo os imprevistos... Porque realmente nós somos un evento, un evento cultural, un evento de ficción, pero un evento ao fin e ao cabo! Nunha película, normalmente, temos entre mes e medio, dous meses, dependendo tamén de canto de grande sexa a rodaxe, para preparar todo. E cinco semanas para localizacións, provedores, procura de actores... Nun tempo súper comprimido! Entón o director de produción cómese maiormente a tensión, todo o estrés! Estes días en Galicia foi todo como a seda (di orgulloso, co peito erguido!), non houbo imprevistos. Pero en 30 anos pasáronme millóns de cousas, moitas pódense contar e outras non! (Chisco, chisco e rimos, que todos sabemos os 'intríngulis' dun evento, cultural, de ficción ou dunha voda!). Porque hai días que, de súpeto, chove, as máquinas fallan... Tes que ter os recursos e os contactos, para xestionar unha cámara, no menor tempo posible. Porque non podes dicir: mañá intentámolo outra vez. Mañá nunha rodaxe é unha pasta!” .
Evidentemente, Javier Torreiro tamén ten anécdotas con actores e actrices, “porque todos son da súa nai e do seu pai, que aínda que están polo labor, porque é unha obra que lles vai a dar unha repercusión, pero mentres están a rodar, o día a día igual non é tan fabuloso. Tes que lidar con 60, con 80 ou con 200 personalidades, que aínda que todas están harmonizadas, para seguir unhas pautas, uns horarios, unha orde de traballo, pois logo cada un ten as súas cousiñas. Entón, eu sempre digo que os de produción somos como un adestrador de fútbol, con 11 xogadores que teñen as súas famas, os seus egos, as súas teimas e o que tes que facer é que ese equipo funcione. A min pásame exactamente o mesmo, facer que 70, 80 ou 200 persoas, cos seus xefes técnicos e os distintos departamentos... Poidamos mover este circo! A xente que traballa nestes proxectos son moi bos e, á vez, moi complicados! (O noso fotógrafo Iván Barreiro dá a cabeza, aquí todos sabemos “cositas”! Ha, ha, ha) É excitante en cousas... Cando es máis novo, vívelo todo con máis ilusión e estás así como un pouco máis a lume! Cando te vas facendo máis maior e vas tendo máis callo, segundo que cousas, pois digamos que as manexas doutro xeito...”.
Se algo temos claro e que é imposible que un usuario de a pé chegue a concibir que poida haber toda esta complexidade detrás dunha rodaxe. Vemos unha escena, pero non sabemos nada dos permisos, aparcamentos, peóns, de reservar espazos, dos riscos laborais, de ter persoal de enfermería por se alguén se pon maliño, da figuración, das axencias, os cástings, as localizacións, etc. Todo iso é moito tempo e moito diñeiro! Falemos disto, para darlle o valor que ten!
Malia que o cine mudou coa aparición das plataformas, pois como o papel vai desaparecendo cara o dixital... Vós que decides? Lédesnos? Védesnos? Seguimos abrindo corazóns, apelando á morriña, abrazando aos fillos pródigos que volven a Compostela?! Mentres o pensades, o director de produción Javier Torreiro desaparece entre a brétema... Agardamos volver atopar ao picheleiro, nas súas rodaxes...
“Sempre digo que os de produción somos como un adestrador de fútbol, con xogadores que teñen as súas famas, os seus egos, as súas teimas e o que tes que facer é que ese equipo funcione”
