A Deputación da Coruña centra a campaña do 25N na prostitución, a explotación sexual e a responsabilidade dos consumidores

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña presenta unha nova edición da campaña institucional do 25 de novembro, “DE FRONTE á violencia de xénero”, que nesta ocasión pon o foco na prostitución e na explotación sexual das mulleres, incidindo especialmente na responsabilidade dos homes que pagan por sexo e na normalización social da demanda. A deputada de Igualdade explicou o obxectivo da campaña deste ano, que “pretende cambiar o foco e deixar de sinalar e estigmatizar as mulleres en situación de prostitución para cuestionar a responsabilidade de quen paga e consume, así como os mecanismos que permiten converter os corpos das mulleres en mercadoría”.
Agra advertiu de que a explotación sexual “non é unha realidade afastada de nós” e lembrou que, xunto ás formas tradicionais de prostitución, están a aparecer novas vías de captación e explotación vinculadas á contorna dixital, como a monetización da intimidade, o ciberproxenetismo ou as plataformas de subscrición. “A mercantilización dos corpos das mulleres é unha vulneración directa dos dereitos humanos. Necesitamos visibilizar esta realidade, cuestionar os comportamentos que a sosteñen e ofrecer ferramentas para a prevención, especialmente entre a mocidade”, sinalou.
A campaña invita tamén a reflexionar sobre a construción da masculinidade e do desexo sexual, o papel da pornografía e das plataformas dixitais e os modelos de sexualidade que reproducen relacións de desigualdade e dominación. Así, inclúe diferentes actividades que, tal e como expresou a deputada, “van máis aló do 25N”, como xornadas formativas, recursos pedagóxicos, actuacións teatrais e o propio acto do 25 de novembro que terá lugar no Pazo Provincial ás 11h, onde haberá intervencións institucionais e unha actuación musical, e está aberto ao público.
Recursos pedagóxicos para a mocidade e as familias
Unha das principais liñas de traballo desta edición é a elaboración de materiais educativos dirixidos tanto á mocidade como ás familias, co propósito de facilitar ferramentas para abordar a explotación sexual e as violencias dixitais desde unha perspectiva crítica e preventiva. A campaña contará cunha guía pedagóxica para a mocidade, acompañada de tres vídeos en formato reel, destinada a profesorado, persoal de dinamización xuvenil e profesionais da intervención social. Os contidos estrutúranse en tres bloques: a monetización da intimidade e as plataformas dixitais; os procesos de captación, manipulación e explotación sexual en liña; e a influencia da pornografía e da cultura sexualizada na construción do desexo e nas relacións afectivas.
Tamén se elaborará unha guía práctica para familias, que ofrecerá orientacións para abordar a educación afectivo-sexual na casa, analizar o impacto da pornografía na adolescencia, traballar o consentimento e actuar ante situacións de violencia dixital. Incluirá, ademais, un repositorio de recursos e información sobre canles de denuncia e protección.
Teatro para abordar a trata e a explotación sexual
A campaña anual inclúe un circuíto teatral pola provincia durante a semana do 16 ao 22 de novembro coa representación de “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro, unha peza dirixida por Laura Míguez e recoñecida co Premio Rafael Dieste 2021. A obra aborda a migración forzada e a trata de mulleres con fins de explotación sexual. As representacións, dirixidas principalmente ao alumnado dos centros de secundaria, irán acompañadas de coloquios coa ONG ACCEM Galicia.
O circuíto chegará a cinco concellos:
-
Cedeira: 16 de novembro, ás 11:00 horas, no Auditorio Municipal.
-
Carballo: 17 de novembro, ás 10:30 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura.
-
Betanzos: 18 de novembro, ás 11:00 horas, na Aula de Cultura Xulio Cuns.
-
Negreira: 19 de novembro, ás 11:00 horas, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.
-
Zas (Baio): 22 de novembro, ás 18:30 horas, no Auditorio de Baio, nunha función aberta ao público xeral.
Unha xornada formativa provincial en xaneiro
A programación completarase a finais de xaneiro de 2027 cunha xornada formativa provincial centrada no sistema prostitucional e nas súas transformacións actuais. O encontro combinará o rigor académico, a experiencia profesional e o debate institucional, con conferencias e mesas de traballo sobre a demanda masculina, as novas plataformas dixitais, o papel da pornografía e a cultura sexualizada, os modelos xurídicos e de protección e a resposta das institucións e das entidades que traballan sobre o terreo.
O obxectivo é contribuír á elaboración de políticas públicas orientadas á prevención das violencias contra as mulleres e á garantía dos seus dereitos. A Deputación dará a coñecer o programa e o formulario de inscrición ao longo do mes de decembro.
Implicación dos concellos e das entidades sociais
A iniciativa incorpora tamén o envío de material promocional aos concellos da provincia para apoiar as accións locais de sensibilización. A Deputación aposta así por reforzar a colaboración cos concellos, os servizos de igualdade, as entidades sociais e os centros educativos, para que os recursos cheguen á cidadanía e se convertan en ferramentas útiles de prevención e transformación social.
Todos os materiais gráficos, audiovisuais e pedagóxicos estarán dispoñibles e actualizaranse progresivamente na web www.defronte.gal, que centraliza os recursos da campaña.