O Hotel Palacio del Carmen e o Clúster Alimentario de Galicia inauguran ‘Conversas de Culto’

CULTO, o espazo gastronómico do Hotel Palacio del Carmen, Autograph Collection, en Santiago, xunto coa Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) poñen en marcha Conversas de Culto, un novo ciclo de encontros que nace co obxectivo de poñer en valor o produto galego a través das voces de quen o elabora e o leva á mesa. Unha iniciativa que busca achegar ao público a orixe dos alimentos, o traballo dos seus produtores e a relación entre gastronomía, territorio e sustentabilidade.
“Con Conversas de Culto queremos dar voz ás persoas que están detrás dos produtos que forman parte da nosa gastronomía. Galicia ten unha riqueza alimentaria extraordinaria e cremos que é importante coñecer non só o que chega á mesa, senón tamén as historias, o esforzo e a filosofía de quen o fai posible. Xunto a Clusaga, queremos que CULTO sexa un lugar onde produtores, cociñeiros e público poidan atoparse, compartir experiencias e descubrir novas formas de valorar o noso”, explica Pablo Guitián-Castro, director do hotel.
Con esta colaboración, CULTO reforza a súa vocación de converterse nun espazo de encontro en la capital galega, onde a gastronomía transcende a experiencia culinaria para dar paso ao intercambio de ideas e ao coñecemento do produto local. O ciclo contará coa participación de profesionais e empresas recoñecidas nos Premios Galicia Alimentación, organizados por Clusaga, que compartirán a súa experiencia e o seu xeito de entender a produción alimentaria desde o respecto pola orixe, a calidade e o territorio.
La primeira cita celebrarase en CULTO o xoves 19 de novembro, de 17.00 a 19.00 horas, baixo o título ‘Colleita e sobremesa’. Esta sesión terá como eixo central a sustentabilidade ao longo de toda a cadea alimentaria, desde a selección das materias primas ata os procesos de elaboración e transformación do produto. Para abordar esta temática, o encontro reunirá a tres representantes da gastronomía e a produción galega: Pepe Vieira, Ana Vázquez e Joaquín Casal.
O chef Pepe Vieira, a cargo do restaurante homónimo situado en Raxó (Poio), achegará a súa visión dunha cociña galega profundamente vinculada as súas raíces, a mitoloxía e a paisaxe. A súa proposta gastronómica, que desenvolve baixo o concepto A última cociña do mundo, conta con dúas estrelas Michelin e unha Estrella Verde Michelin, alén dunha horta ecolóxica propia que reflicte o seu compromiso coa contorna e o produto.
Xunto a el participará Ana Vázquez, de Airas Moniz, unha queixaría artesá de Chantada que aposta polo pastoreo e a elaboración de queixos a partir de leite cru. O seu modelo de produción, estreitamente ligado ao territorio e ao coidado da materia prima, foi recoñecido co Premio Galicia Alimentación 2026 á Iniciativa Sostible, compartido con Daveiga.
Completa o encontro Joaquín Casal, de Daveiga, empresa de economía social tamén situada en Chantada e coñecida polas súas tradicionais Galletas Mariñeiras. A súa aposta por un modelo de produción responsable valeulle igualmente o Premio Galicia Alimentación 2026 á Iniciativa Sostible, un recoñecemento que pon de manifesto a importancia de integrar criterios sociais e medioambientais na industria alimentaria.
Máis aló das intervencións dos participantes, Conversas de Culto aposta por un formato próximo, afastado das conferencias tradicionais. Cada sesión comezará cunha conversa na que as dúas empresas invitadas e o chef compartirán as súas experiencias, con aproximadamente quince minutos de intervención por participante. A continuación, abrirase un diálogo cos asistentes, que poderán expor preguntas e participar no intercambio de ideas. O encontro concluirá cunha degustación e unha sobremesa, fiel ao espírito de CULTO e ao seu xeito de entender a gastronomía como unha experiencia que invita a compartir e conversar.
Esta iniciativa conecta directamente coa filosofía gastronómica de CULTO, cuxa cociña parte do respecto polo produto galego, as elaboracións sinxelas e o valor das materias primas. Situado no Hotel Palacio do Carmen, Autograph Collection, o espazo consolídase así como un punto de encontro aberto á cidade, onde gastronomía, viño e cultura atopan novas formas de expresión.
O ciclo continuará o xoves 17 de decembro, de 17.00 a 19.00 horas, cunha segunda xornada titulada Brinde e doce, dedicada ao produto local, a súa orixe e a proximidade, coa participación de Roberto Filgueira, de O Balado, Paco & Lola e Sacrapastas.
Ambos os encontros celebraranse en CULTO, no Hotel Palacio do Carmen (Oblatas, s/n, Santiago de Compostela), cunha capacidade limitada de entre 25 e 30 persoas por sesión. A asistencia require inscrición previa a través do correo electrónico info@clusaga.org, con indicación do nome e a sesión a la que se desexa asistir.