A exposición ‘Facer aparecer’ convida a mulleres compostelás a compartir diarios de adolescencia, reconstruír memorias de vida e crear un canto colectivo

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle ‘Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras’, unha exposición comisariada por María Bella que propón un percorrido sensible e íntimo por tres procesos de creación artística que se propoñen dende unha pulsión colectiva: Crías, de Xiana do Teixeiro; O canto das Cecilias, de Cecilia Barriga; e Puta Mina, do LAAV_ (Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental) e o Colectivo Puta Mina.
Presidido por Goretti Sanmartín, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago e do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, o acto de inauguración contou tamén coas intervencións da comisaria María Bella, das cineastas Xiana do Teixeiro e Cecilia Barriga; da investigadora e mediadora integrante de LAAV_, Belén Sola, e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González. Nel tamén estiveron presentes a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; as concelleiras María Baleato e Mercedes Rosón e o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela.
A exposición, que poderá visitarse de balde ata o 7 de febreiro de 2027, dialoga coa noción de «aparición» formulada por Hannah Arendt: a idea de que sermos vistas e oídas polas outras persoas desde a nosa singularidade é o que nos confirma como reais e permite que determinadas experiencias entren no mundo compartido. Pero fronte ao xesto de trasladar ao espazo público o que pertencía ao íntimo, a mostra propón o movemento contrario: que sexa o mundo o que entre nun espazo íntimo que se torna colectivo. A sala convértese así nun lugar de encontro no que observar, compartir e coidar aquilo que nos afecta e nos pertence.
En palabras da comisaria, María Bella, «Facer aparecer busca un espazo de aparición para o íntimo, neste caso en feminino, e desde o colectivo: que ese material sensible poida ser protexido e mirado con coidado cando o traemos ao espazo público».
Desde ese punto de partida, Facer aparecer atende a experiencias, memorias de vida e voces que permanecen habitualmente no ámbito persoal, nas marxes: os diarios escritos por mulleres durante a adolescencia; as experiencias femininas arredor da desaparición da industria da minaría; ou un canto transmitido pola memoria colectiva que un grupo de mulleres resignifica desde un presente feminista.
A dicir de Goretti Sanmartín, «Facer aparecer é o contrario de facer desaparecer. Todo isto xa existía: os diarios existían, as historias das mulleres na mina tamén existían e as mulleres que deciden facer o canto colectivo xa existían. Pero facer aparecer significa que todas as persoas que participamos temos que facer algo, temos que incluírnos nesa historia».
Así, a proposta non remata no percorrido expositivo e amplía a concepción mesma do espazo museístico para reivindicar as salas como lugar de acubillo, de protección coa que posibilitar o tecido do íntimo en colectivo. Os tres proxectos volverán activarse en Compostela entre outubro e febreiro mediante colectivos temporais abertos á participación de mulleres, facendo da Sala Isaac Díaz Pardo un espazo para a creación, a conversa, a memoria e a experiencia compartida.
A alcaldesa incitou a cidadanía a tomar parte nestas accións: «para que a cultura sexa un dereito hai que exercelo: hai que estar, hai que facelo vivo. Esta exposición busca recuperar a memoria das mulleres, avanzar na igualdade e visibilizar o que permanece oculto, pero tamén convidarnos a participar e a facer comunidade».
Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, é unha mostra organizada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura en colaboración coa cooperativa Azul mais Verde e co apoio do Consorcio de Santiago.
Tres ensaios colectivos dun «nosoutras»
Crías explora os diarios da adolescencia, unha escritura íntima e secreta que con frecuencia acaba esquecida ou destruída pola vergoña. A cineasta, produtora e investigadora Xiana do Teixeiro, que se define como «diarista arrebatada», transforma o proceso de creación da película nun exercicio compartido de autoetnografía colectiva.
A partir de múltiples diarios, o proxecto procura recuperar a confianza naquela escritura e nas persoas que fomos —ou non fomos— durante a adolescencia, cuestionando o pacto de segredo asociado ao diario íntimo e reivindicando o seu valor como documento vital e como material para a creación.
O canto das Cecilias, da cineasta chilena Cecilia Barriga, constrúe un canto feminino a moitas voces. O proxecto parte inicialmente dun grupo de mulleres unidas por un mesmo nome que, desde un presente feminista, resignifican a popular canción italiana La povera Cecilia e fan dela un canto de reparación.
A experiencia íntima dun sufrimento compartido, a resposta ás violencias contra as mulleres e a procura dunha liberdade e dunha sanación colectivas conflúen nunha acción que ocupa espazos simbólicos da cultura, da relixión e da política. Cada vez que novos corpos, voces e lugares entran no proxecto, O canto das Cecilias volve transformarse.
Pola súa banda, Puta Mina nace a partir do encerro de catro mineiros no Pozo Aurelio de Santa Lucía, na conca de Ciñera-Gordón, en León, ante o desmantelamento dun sector produtivo con 130 anos de historia. O que inicialmente semellaba conducir cara a un relato de resistencia protagonizado polos mineiros baixo terra acaba converténdose nun proceso de acompañamento á autonarración íntima e colectiva das mulleres da conca. Son elas as que toman a palabra para explorar como viven, senten e sosteñen a vida arredor do carbón, facendo visibles unhas experiencias que sempre formaron parte dese territorio.
Da exposición á experiencia colectiva
O programa de activacións de Facer aparecer comezará o sábado 17 de outubro cunha xornada colectiva de experimentación arredor de Puta Mina.
Cristina Turrado, Áurea González e Raquel Balbuena, do grupo de mulleres do Colectivo Puta Mina, acompañadas por Belén Sola e Chus Domínguez, do LAAV_ compartirán coas participantes unha xornada que procura expandir as experiencias do colectivo e poñelas en diálogo coas voces, vivencias e problemáticas das mulleres asistentes desde as particularidades do seu propio territorio.
A xornada comezará ás 10.30 horas e incluirá o visionado colectivo de Puta Mina, un conversatorio e un espazo final de encontro. A actividade é gratuíta e conta con 25 prazas, previa inscrición a través do formulario habilitado na web de Compostela Cultura.
Un club de diaristas
A partir de novembro, Crías dará lugar a un Club de diaristas coordinado por Xiana do Teixeiro. Vinte mulleres reuniranse para ler, conversar e mesmo volver escribir a partir do que activan os diarios da adolescencia, tanto os propios como os das compañeiras.
O colectivo desenvolverase durante catro sábados —14 de novembro e 12 de decembro de 2026 e 16 de xaneiro e 6 de febreiro de 2027—, acompañando a exposición practicamente ata o seu peche. A participación é gratuíta, previa inscrición na web de Compostela Cultura, e está aberta a todas as mulleres interesadas ata completar as 20 prazas dispoñibles.
As Cecilias sairán ás rúas de Compostela o 25N
Entre o 17 e o 25 de novembro, Cecilia Barriga reunirá en Compostela un novo colectivo temporal para crear unha versión anovada do Canto das Cecilias. A convocatoria está aberta a 30 mulleres, sen necesidade de chamarse Cecilia nin de contar con coñecementos de canto. Os ensaios desenvolveranse na propia sala de exposicións e organizaranse en función da dispoñibilidade das participantes.
Dentro deste proceso, e xa aberto a todo o público, o 19 de novembro, ás 18.30 horas, Cecilia Barriga ofrecerá unha presentación pública na Sala Isaac Díaz Pardo na que percorrerá unha selección da súa traxectoria artística para abrir unha reflexión sobre as transformacións experimentadas polos movementos feministas.
O proceso culminará o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cando o colectivo saia a cantar por diferentes espazos públicos de Santiago, entre eles a praza do Obradoiro, antes de sumarse ás mobilizacións feministas do 25N.
Deste xeito, un dos procesos iniciados dentro do espazo expositivo sairá da sala e tomará o espazo público da cidade.
Unha exposición en permanente construción
Os tres colectivos temporais converten así Facer aparecer nun proxecto que se constrúe entre setembro e febreiro e no que a separación entre obra e público se volve permeable.
A proposta da comisaria María Bella, investigadora e produtora cultural cunha traxectoria especialmente vinculada ás prácticas colectivas e comunitarias, á memoria e ao territorio, entende a exposición como un lugar para o cultivo, as resonancias afectivas, a experiencia e o contaxio.
Os materiais presentes na Sala Isaac Díaz Pardo permiten coñecer os tres procesos, pero son as sucesivas incorporacións de persoas, experiencias e voces as que os volven actualizar. E con este albo, alén do chamamento á participación a través dos colectivos temporais de actualización, cada unha das seccións da mostra garda lugar para a marxinalia, un espazo en común para que as persoas visitantes compartan as súas anotacións, as reflexións ou resonancias que o percorrido por estes traballos suscita nelas.
Os formularios para participar nos tres colectivos temporais —Puta Mina, Club de diaristas e O canto das Cecilias— están na páxina de web de Compostela Cultura.
Todas as actividades son gratuítas e están dirixidas a mulleres interesadas, con inscrición previa ata completar as prazas dispoñibles.