Jorge Bravo: “A tecnoloxía só ten sentido se fai a vida máis fácil”

Jorge Bravo (Santiago de Chile, 1982) chegou á Coruña hai dúas décadas para estudar primeiro Belas Artes e despois Programación. Decidiu quedar, namorado da hostalaría galega e de como optimizar locais a través da tecnoloxía. Fálanos do seu proxecto WeLove QR, que fai un lustro, e que vai máis alá das cartas dixitais a través de QR, algo que considera só o primeiro paso da revolución tecnolóxica que está a vivir a hostalaría galega.
Como recalaches na Coruña?
Cheguei por estudos e buscando novas oportunidades. A Coruña atrapoume por completo. Ao final, os chilenos e os galegos temos esa conexión co mar e o bo comer, así que me sentín na casa deseguida. Comecei combinando o meu traballo de programador con proxectos propios e, ao ver a potencia da gastronomía aquí, decateime de que o sector precisaba ferramentas sinxelas para modernizarse sen perder a súa esencia. Así foi que no 2021 decidín crear unha ferramenta propia que máis tarde transformaría nunha plataforma completa desenvolvida desde cero aquí en Galicia: WeLove QR.
Que accións sinxelas e beneficiosas poden implantar os locais que no saiban por onde empezar?
O primeiro é perderlle o medo á palabra. Dixitalizar non é poñer robots, é aforrar tempo. Para empezar, abonda con dúas cousas: ter unha ficha de Google Business ben actualizada con horarios reais e un menú dixital accesible. Se un cliente non te atopa no móbil ou non sabe que ofreces antes de ir, estás perdendo mesas. É así de simple. Non todos teñen por que ter unha web completa. Hai redes sociais e centos de plataformas para poder darte visibilidade e ofrecer máis accesibilidade.
Aos hostaleiros dígolles que empecen polo sinxelo e que despois, pouco a pouco, vaian escalando (webs, desenvolvementos, tendas en liña…). E sobre todo que se asesoren con profesionais.
A xente ten unha idea equivocada do que son as ferramentas dixitais e as ve como un fin cando son un medio; o teu obxectivo é o mesmo de sempre: Dar visibilidade para conseguir clientes e vender!
Que é o que máis demandan os locais en dixitalización?
Autonomía e velocidade. Un hostaleiro non ten tempo para aprender a usar programas complicados nin quere depender dun informático cada vez que cambia o prezo dun prato. Pídennos ferramentas que poidan xestionar eles mesmos desde o móbil en dous clics mentres atenden a barra. As cartas dixitais foron unha revolución nos últimos anos porque precisamente permiten ao hostaleiro autoxestionar as súas propias cartas de forma sinxela e rápida.
Nese sentido, democratizouse o uso deste tipo de ferramentas dixitais e aos clientes procuramos asesoralos sobre o máis económico e axeitado para os seus locais.
Tamén é importante que o hostaleiro teña datos do funcionamento real do seu negocio (pratos máis vendidos, horas de maiores vendas…). Por iso nos centramos en formalos para que saquen o máximo partido ás ferramentas.
Imos a empresas e profesionais de hostalaría que necesitan ferramentas eficientes e que dean resultados, non á última moda con ferramentas sobredimensionadas.
Como se combina a parte humana coa tecnoloxía?
Na pandemia foron unha obriga sanitaria, pero hoxe son unha ferramenta de eficiencia. Un bo QR reduce os tempos de espera a clientela ve a carta ao momento; permite actualizar alérxenos ao instante; axustar prezos segundo a época e axuda a rotar as mesas máis rápido. Non substitúe o sorriso e o traballo dun bo camareiro ou camareira, pero quita traballo mecánico.
Como ves a evolución da dixitalización na hostalaría galega nestes 20 anos?
Foi un cambio brutal. Hai dúas décadas, ter unha web era case un luxo ou un capricho. Hoxe, a hostalaría galega mantén a súa cociña tradicional incrible, pero os hostaleiros xa entenden que a tecnoloxía é un aliado para mellorar os seus custos, as reservas e o persoal. Perdeuse o medo ao cambio e creo que o sector xa conta con ferramentas e servizos moito máis maduros e contrastados, o que axudou a consolidar o cambio.
Por onde vai o futuro da tecnoloxía na hostalaría?
A mellor tecnoloxía é aquela que o hostaleiro sente como natural e sinxela, non como “bufff... outro trebello máis que teño que aprender a usar”. Por iso a tendencia vai cara á automatización intelixente, pero invisible. O futuro non é que se pida a unha pantalla fría, senón que o local use os datos para mercar mellor, evitar o desperdicio de comida e fidelizar á clientela habitual. Cando falamos cos profesionais, o que sempre nos transmiten é que ven a tecnoloxía como imprescindible nun sector cada vez máis competitivo e profesionalizado. É algo que cando xa o usas non podes volver atrás porque fai que os equipos funcionen de forma máis organizada.
Ao final, despois de tantos anos entre liñas de código e cociñas, decateime dunha cousa: a tecnoloxía só ten sentido se fai a vida máis fácil. Detrás de cada bar ou restaurante hai familias que traballan moitísimas horas e que poñen todo o seu corazón no negocio. A nosa meta é quitarlles peso de encima para que poidan seguir facendo o que mellor se lles dá: coidar de nós arredor dunha mesa.
