Churrasco en verán
Non hai verán en Galicia sen unha boa churrascada, unha tradición gastronómica que reúne arredor da mesa a persoas de todas as idades; xa sexa en casas particulares, xardíns, áreas recreativas ou restaurantes. Mais se nos detemos no léxico relacionado, sabías que os locais que están especializados nesta comida reciben en galego o nome de churrasquería ou churrascaría?
Continuamos o noso percorrido polas palabras que se relacionan co churrasco galego facendo fincapé nos seus ingredientes. O principal é a costela de porco, aínda que tamén poden empregarse faldra de tenreira, cordeiro ou polo. Xunto á carne tamén adoitan prepararse diferentes tipos de chourizos, especialmente o crioulo, que se asa lentamente sobre as brasas ata adquirir un sabor intenso e característico.
Como gornición (ou guarnición) non poden faltar as patacas fritidas, así como unha boa ensalada elaborada con leituga, tomate e cebola. Outros acompañamentos moi prezados son os famosos pementos de Padrón, que adoitan servirse acabados de fritir e cun pouco de sal groso. Ademais, moitas persoas engaden condimentos tradicionais como o chimichurri, que é unha prebre picante de orixe arxentina, elaborada principalmente con aceite, vinagre, allo, chile e pirixel.
Despois da comida, é habitual rematar a churrascada cunha sobremesa doce e refrescante. Froitas de tempada como a sandía, os melón ou as cereixas, os xeados ou os pexegos en almibre, elaborados con pexegos conservados nun xarope doce que realza o seu sabor.
Por último, se queres empregar de maneira correcta o galego na túa próxima churrascada, non esquezas dicir grella (e non ‘parrilla'), cando fales da estrutura metálica sobre a que se coloca a carne para cociñala!
ONDE PROBALO?
O éxito do churrasco débese en gran medida á extraordinaria calidade das carnes producidas en Galicia. A tenreira galega goza dun gran prestixio e está amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que certifica a procedencia e a calidade da carne de vacún criada na nosa comunidade. Esta garantía converte a carne galega nun referente gastronómico tanto dentro como fóra da nosa terra.
Se falamos de lugares para degustar un bo churrasco, tanto Santiago como A Coruña contan con locais moi recoñecidos. Entre todos eles destaca o Milongas, que conta con establecementos nas dúas cidades e se converteu nun dos lugares favoritos para quen busca carnes saborosas, racións abundantes e un ambiente agradable. As súas grellas e o coidado na preparación fan que sexa unha aposta segura para unha comida entre amizades ou familia.
Outro dos nomes imprescindibles en Compostela é o restaurante Don Manuel. Situado na zona de Vista Alegre, é coñecido polas súas abundantes racións, o seu churrasco de tenreira e porco e a súa cociña galega tradicional. Na Coruña tamén merece unha visita a mítica Parrillada Alcume, na rúa Galera, que leva máis de 25 anos primando o produto local e o bo servizo.
E se o que queres é preparalas na túa casa, os mercados municipais seguen sendo unha das mellores opcións para atopar verduras frescas de tempada, chegadas directamente das hortas da contorna.
