A Real Filharmonía de Galicia dialogará entre a tradición e a innovación na súa nova tempada “Memoria”

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, «Memoria», unha proposta artística que explora a relación entre música, lembranza e creación contemporánea e que propón un diálogo constante entre tradición e innovación.
O acto de presentación desenvolveuse no Auditorio de Galicia coa participación de Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela e presidenta do Consorcio da Cidade de Santiago; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela; Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica de Cultura da Xunta de Galicia; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia; Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia; e Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia.
A nova programación, deseñada por Baldur Brönnimann na súa cuarta tempada á fronte da formación, toma a memoria como fío condutor para reflexionar sobre a maneira na que a música conserva, transforma e reactiva o pasado. Ao longo do curso, grandes obras do repertorio histórico convivirán con algunhas das voces máis relevantes da creación contemporánea nun percorrido que conecta épocas, estilos e sensibilidades.
Eva Gevorgyan, Magnus Lindberg e César Ramos
Entre as principais novidades da tempada destacan a incorporación da pianista armenia Eva Gevorgyan como artista en residencia e a presenza do creador finés Magnus Lindberg como compositor en residencia. Gevorgyan participará en tres programas de abono, mentres que Lindberg converterase nun dos grandes protagonistas do curso coa interpretación de varias das súas obras e a súa participación no Obradoiro de Composición RFG/RESIS.LAB IV. A tempada supón tamén a primeira colaboración de César Ramos como director asistente da Real Filharmonía de Galicia.
A memoria como fío condutor dunha programación entre tradición e vangarda
O concepto de memoria reflíctese de maneira transversal en toda a programación. O concerto inaugural abrirase con Folk Songs de Luciano Berio e a Sinfonía núm. 4 de Gustav Mahler, dúas obras que dialogan coa tradición desde perspectivas moi diferentes. Ao longo da tempada, a RFG explorará múltiples formas de relación co pasado, desde a reinterpretación de melodías populares ata a influencia de Beethoven na música de Magnus Lindberg ou a singular conversa que Helmut Lachenmann establece co Concerto para clarinete de Mozart en Accanto. Obras de Schubert, Brahms, Dvořák, Sibelius, Rachmaninov, Villa-Lobos, Caroline Shaw, Anna Thorvaldsdottir ou Deborah Pritchard completan unha programación que reivindica a memoria como motor da creación artística.

Unha programación internacional con forte presenza de talento galego e creadoras
A tempada reforza tamén a súa aposta pola visibilización das creadoras e pola diversidade artística. Xunto á presenza de compositoras históricas e contemporáneas como Fanny Mendelssohn-Hensel, Emily Mayer, Caroline Shaw, Anna Thorvaldsdottir ou Deborah Pritchard, a programación contará coa participación de destacadas intérpretes e directoras internacionais como Chloé van Soeterstède, Camille Delaforge, Jeannette Sorrell, Julia Cruz, Eva Gevorgyan ou Katrin Wundsam.
A programación reunirá algunhas das figuras máis destacadas do panorama musical internacional, entre elas Patricia Kopatchinskaja, Roman Simovic, Peter Moore, Cyrille Dubois, Sérgio Pires, Bernhard Zachhuber ou Johannes Moser. Xunto a eles, a Real Filharmonía reforza o seu compromiso co talento galego coa participación da oboísta Iria Folgado, as voces de Emilia Pérez, Lucas López e Sergio Malvar, e a danza de Óscar Cobos e Antía Barcia.
No podio estarán presentes directores e directoras de referencia internacional como Timothy Brock, Jordi Francés, Chloé van Soeterstède, Jonathan Bloxham ou Perry So, xunto a novas voces da dirección orquestral como Julia Cruz, Matteo Dal Maso, Javier Fajardo ou Ben Voce.
Rufus Wainwright e Michel Camilo encabezan o ciclo (EN)FOCO XACOBEO
O ciclo (EN)FOCO XACOBEO volverá ocupar un lugar destacado na programación da orquestra. Co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027, esta edición reunirá catro propostas que amplían os límites da experiencia sinfónica e favorecen o encontro con novos públicos. Entre elas destacan dous dos grandes acontecementos da tempada: a actuación de Rufus Wainwright xunto á Real Filharmonía de Galicia, na presentación en España do seu proxecto Want Symphonic, e o encontro da orquestra co pianista e compositor Michel Camilo. O ciclo completarase cun concerto dedicado ao tango e coa proxección d’O maquinista da Xeneral con música en directo.
Música antiga, formación e participación cidadá
A música antiga terá tamén unha presenza destacada con tres programas específicos dirixidos desde criterios historicamente informados. A tempada contará coa participación de Sergey Malov, que asumirá a dirección e as partes solistas de violín e violoncello da spalla, así como das especialistas Camille Delaforge e Jeannette Sorrell. A través destes programas poderanse escoitar obras de Bach, Haendel, Vivaldi, Rameau ou Ortiz.
A formación, a participación e o acompañamento das novas xeracións continúan a ser un dos piares estratéxicos da Real Filharmonía de Galicia. A programación didáctica incluirá dous novos espectáculos creados por La Maquiné, O bosque de Grimm e Farö, así como unha proposta destinada ao público adolescente coa participación do divulgador cultural El Barroquista e do director asistente César Ramos.
Nesta mesma liña, o alumnado do Posgrao de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais participará en 14 concertos da tempada como parte da súa formación práctica xunto á orquestra. A participación cidadá volverá materializarse a través do proxecto Cantamos!, que celebrará unha edición especial para coros xuvenís durante o Nadal e culminará cunha interpretación participativa do Réquiem de Mozart.
Unha orquestra presente en todo o territorio galego
A dimensión territorial seguirá sendo outro dos sinais de identidade da formación. A Real Filharmonía ofrecerá 17 concertos fóra de Santiago de Compostela, reforzando a súa presenza en auditorios e teatros de toda Galicia e consolidando o seu papel como unha das principais institucións culturais do país.
Novos horarios para os concertos de abono
Como novidade para a tempada 2026/27, todos os concertos de abono da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia pasarán a celebrarse ás 20.00 horas, mentres que os encontros «Conversando con…», previos aos concertos, comezarán ás 19.15 horas.
Venda de entradas e abonos
A renovación de abonos poderá realizarse os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño de 2026 no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026), mentres que os novos abonos estarán dispoñibles os días 1 e 2 de xullo e 15, 16 e 17 de setembro tanto no despacho de billetes do Auditorio como por teléfono e na Zona C.
As entradas soltas para os concertos da nova tempada «Memoria» da Real Filharmonía de Galicia sairán á venda anticipada o vindeiro 22 de setembro e poderán adquirirse preferentemente a través de compostelacultura.gal, na Zona C · Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia os días de concerto, entre as 19.00 e as 20.00 h.
A tempada manterá tamén os abonos flexibles de 5 e 10 concertos, así como o abono específico para o ciclo (EN)FOCO XACOBEO ademais da modalidade de abonos colectivos dirixida a asociacións culturais e veciñais, escolas de música e centros educativos públicos.
