Santiago celebra o mes do Orgullo cunha programación cultural e reivindicativa

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este venres a campaña e as actividades programadas para a celebración do mes do Orgullo. Co lema ‘Contra o odio: rede, cultura e orgullo’, o Concello busca avanzar fronte ao incremento da LGTBIfobia, reflexionar sobre o dereito a sentir e amar libremente e celebrar a diversidade. Na rolda de prensa participou tamén a directora do Centro Integral de atención á Muller (CIM), Rita Barreiro.
Goretti Sanmartín lamentou que estamos en tempos de involución, de mensaxes terribles de odio e acoso contra o colectivo LGBTIQ+, cuestións que deberían estar “totalmente desterradas nun mundo do século XXI”, sinalou. Diante desta realidade, reivindicou celebrar a dignidade e reclamar os dereitos de maneira festiva e considerou necesario “non só a resistencia, senón avanzar fronte a discriminación e a violencia”. “Aí temos que estar todo o mundo, tamén institucións, remando na mesma dirección”, remarcou.
A campaña municipal polo mes do Orgullo circula xa en autobuses urbanos da cidade e farao tamén en redes sociais, así como en locais de hostalería e comercio. Aséntase sobre tres piares fundamentais: rede, cultura e orgullo. A rede, como forma de fortalecer os espazos de apoio mutuo e colaboración entre institucións, tecido asociativo e cidadanía. A cultura, mediante o uso das artes escénicas, o audiovisual e a creación artística como ferramentas de sensibilización, pensamento crítico e transformación social. E o orgullo como maneira de reivindicar as identidades diversas e fomentar a ocupación positiva do espazo público como acto de resistencia e visibilización.
Programación
A programación prevista para este mes inclúe as seguintes actividades:
- Exposición participativa “Rostros e corpos contra o odio”: Instalación artística e comunitaria que se poderá visitar do 22 ao 28 de xuño no CSC do Ensanche, onde a cidadanía poderá participar compartindo mensaxes e reflexións. A entrada é libre.
- Roteiro histórico “Vida e historias LGBT da Compostela medieval e moderna”: Un percorrido guiado por Carlos Callón que terá lugar o 19 de xuño para visibilizar a memoria histórica e as realidades LGBT máis aló da idade contemporánea. Para esta actividade é preciso inscrición previa, a través do formulario ao que se pode acceder co QR do folleto informativo.
- Representación teatral “Travesía Unicornio”: Obra da compañía Teatro Ghazafelhos que será representada o15 de xuño no parque de Bonaval, dirixida ao público familiar para fomentar valores de respecto e diversidade.
- Faladoiro “Contra o odio: orgullo”: Espazo de análise e diálogo na Casa Xohana Torres o 25 de xuño con Xandre Garrido López sobre a situación actual da LGTBIfobia e o impacto dos discursos de odio. Entrada libre.
- Gala do Orgullo 2026: É o evento central da campaña e terá lugar na praza de Mazarelos o 27 de xuño. Contará con actuacións musicais (O Xoán, Pídechas o corpo), drag (Amanda Carallo) e a entrega de premios do certame de poesía de Avante LGBT+.
- Lectura do manifesto da Corporación Municipal LGBTIQ+. O 26 de xuño será a lectura do manifesto da corporación LGBTIQ+ que foi aprobada como declaración institucional no último pleno.
Compromiso coa igualdade e os dereitos humanos
O obxectivo final é converter Santiago de Compostela nun espazo de encontro que reafirme o compromiso institucional coa igualdade e os dereitos humanos. Neste sentido, a rexedora lembrou que alén das actividades que se celebran este mes, o Concello de Santiago mantén de xeito permanente dende o ano pasado un servizo de asesoramento LGBTIQ+ na Casa Xohana Torres, conatención psicolóxica e xurídica así como programación de actividades.
Goretti Sanmartín incidiu en que Santiago foi pioneira en moitas cuestións relacionadas coa igualdade de dereitos e destacou que o goberno local quere seguir dando pasos para “avanzar en tempos de involución” e acadar “unha sociedade realmente libre e diversa que non negue os dereitos de todas as persoas a seren, sentiren e quereren con liberdade”.
