CompostelaCulturaNovas

Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo participarán na primeira edición do ciclo Fiestra Aberta

Compostela Cultura presenta Fiestra Aberta, un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo conforman o cartel semestral dun ciclo que se prolongará até final de ano con novas propostas.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou na compaña de Antía Muíño e Su Garrido Pombo este ciclo inspirado simbolicamente na fiestra aberta que, coas súas últimas palabras, demandaba Rosalía de Castro. En palabras da concelleira, o ciclo convídanos a “deter o ruído, abrir un limiar e mirar —e escoitar— o mundo desde aquí, desde Santiago de Compostela, en diálogo co exterior”.

Concibido como un espazo de intercambio e resonancia, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. O ciclo insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura de Rosalía de Castro e coa súa proxección como referente cultural europeo.

A dicir de Louzao, Fiestra Aberta proponnos “un lugar desde o que ollar o mar de diversidade que nos arrodea, un espazo para abrirse, compartir e escoitar sen présa”, reivindicando a música como territorio de vulnerabilidade, emoción e pensamento. Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o ciclo conta co apoio do Consorcio da Cidade.

Un mapa de voces e resonancias

A programación de Fiestra Aberta desenvolverase entre os meses de marzo e maio no Auditorio de Galicia e o Teatro Principal, cun total de seis concertos que percorren linguaxes diversas, nas que dialogan tradición e contemporaneidade, memoria e experimentación.

Abrirase o 5 de marzo, ás 20.30 h, no Teatro Principal, coa presentación de Anfibia Por Veces de Antía Muíño, un segundo disco no que a artista continúa continúa a pór a canción no centro. Entre a música de raíz e o jazz-pop, a intimidade das súas autorías dialoga co pulso do canto e da percusión tradicional, consolidando esa linguaxe propia que a situou como unha das revelacións da nova canción galega.

O 21 de marzo, ás 20.00 h, no Auditorio de Galicia, será a quenda de SÉS, que presenta Nadando na incerteza. Un traballo que aposta pola esencialidade da canción, afastándose de artificios, cun directo próximo e profundamente expresivo no que a voz e a palabra adquiren un protagonismo central.

O 11 de abril, ás 20.30 h, no Auditorio de Galicia, actuará Rocío Márquez, figura clave do flamenco actual. Acompañada pola guitarra de Pedro Rojas-Ogáyar, presenta Himno vertical, unha proposta que reformula o réquiem desde unha dimensión ritual e colectiva, na que vida e morte se entenden como partes dunha mesma danza sonora.

O 22 de abril, ás 20.30 h, no Teatro Principal, chegará Amorodios de Xan Campos, un traballo que supón un punto de inflexión na súa traxectoria ao incorporar a voz e a palabra da man de Faia Díaz, xunto a Iago Fernández e Virxilio Da Silva. Unha proposta viva, honesta e profundamente transformadora.

O 3 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, Pablo Sanmamed presentará A estrela mostrada, un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. Unha viaxe sonora de gran forza emocional, na que o pasado se revela como materia viva que resoa no presente creativo.

O ciclo pecharase o 29 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, con Traspielas de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Música, palabra e imaxe combínanse para celebrar a memoria colectiva dunha aldea, mesturando cancións tradicionais, electrónica, experimentación e materiais audiovisuais actuais e de arquivo.

As entradas para os concertos (entre 12 e 14 euros) estarán dispoñibles a partir do martes 10, ás 11 horas, en compostelacultura.gal,e  na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h). Tamén se poderán adquirir o día de cada evento no despacho de billetes do recinto, sempre que existan aínda localidades dispoñibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.