Artesanía de Galicia xa ten os seus premiados do 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron en Santiago no acto de entrega dos Premios de Artesanía de Galicia 2025. Alí, González felicitou os premiados e finalistas pola súa capacidade para innovar en materiais e técnicas partindo da tradición, así como o seu labor no marco dun eido artesán que destaca —dixo— como xerador de emprego, vertebrador do territorio e fixador de poboación, especialmente no rural. No acto tamén estiveron presentes o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, ou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.
O Premio Artesanía de Galicia 2025 (cunha dotación económica de 9.000 euros) recoñeceu por primeira vez unha peza colaborativa de dous obradoiros diferentes: do malpicán de cerámica Alberto Lista e do de marroquinería pontevedrés Coiro Tres Pés. En concreto, Nemein, un xogo de té en gres branco e mate que é portátil grazas a unha funda de coiro negra, da que o xurado destacou o seu exquisito deseño, que funde tradición e estilo contemporáneo, así como permanencia e mobilidade, avogando pola perfecta simbiose entre as dúas disciplinas.
Mentres, resultaron finalistas a peza Adega Modular, do obradoiro compostelán Jatafarta, que desafía a flexibilidade do coiro cun sólido sistema de almacenamento de botellas; e o abrigo Preto elaborado cunha das técnicas máis características do téxtil galego —o levantado ou felpa— do taller cangués Pal.lium.
O Premio Traxectoria recaeu no coruñés Antón Corral Martínez, especializado na construción de gaitas desde os anos 70 e mestre de varias xeracións de artesáns entre os 80 e o 2000 no seu obradoiro-escola de instrumentos musicais populares galegos que el mesmo fundou. Deixou a docencia pero continuou traballando no seu obradoiro de Tui, xunto co seu neto Ramón Corral, dando continuidade á súa andaina profesional que arrancara como lutier autodidacta.
Por último, entregáronse tres bolsas Eloy Gesto, dotadas con 4.000 euros cada unha para avogar pola formación especializada en centros de referencia no eido da artesanía e do deseño. Así, a cesteira Ana Belén Martínez Avelleira, da redondelá Casa Atlântica, viu recoñecida a súa proposta para formarse en tres centros de recoñecido prestixio polo seu labor na recuperación e experimentación arredor da artesanía: o Basque Biodesign Center (Güenes, País Vasco), o Domaine de Boisbuchet (Francia) e o Museu da la Pauma (Mas de Barberans, Tarragona).
Pola súa parte, Cristina Molares Gómez, da viguesa Vidrieras Artísticas Cosmo, poderá seguir dando continuidade ao obradoiro fundado por seu pai formándose —grazas á bolsa Eloy Gesto— en soprado de vidro e no traballo de vidro co soprete no centro de formación Barcelona Glass Studios, especialistas na técnica de Flameworking. Por último, o coruñés Pablo Sánchez Otero poderá modernizar o seu obradoiro de fabricación de guitarras e doutros instrumentos de corda pulsada aprendendo no Xapón. Concretamente, coñecerá novas técnicas no taller de Jersey Girl Homemade Guitars, en Asahikawa, co mestre guitarreiro Kaz Goto e coas mestras Akiko Oda e Eiko Goto, lutieres de recoñecido prestixio internacional cunha estética única no mundo da guitarrería moderna.



