CompostelaCultura

A Casa das Máquinas acollerá unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana

Os días 7 e 8 de novembro, Santiago de Compostela acollerá unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana (XIU), un programa encadrado no Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada e que convida a redescubrir a cidade a través do debuxo. Coordinadas por Gemma Sesar, as XIU ofrecen un completo programa de conferencias de balde e un obradoiro tamén gratuíto que poñen o foco na ilustración como ferramenta de observación e reflexión sobre o espazo urbano.

A nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana foi presentada este luns nunha rolda de prensa na que tomaron parte a concelleira de Capital Cultura, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas, e a coordinadora das XIU, Gemma Sesar.

A dicir da concelleira, “un ano máis, as Xornadas remarcan o poder do debuxo como ferramenta de coñecemento, de observación e tamén de resistencia fronte á velocidade, as distraccións e as rutinas que marcan e condicionan o tempo que vivimos. Da man de artistas excepcionais, amosan que é posible tecer unha imaxe alternativa das cidades: un relato feito de ollares atentos, de pequenas historias e de xestos cotiáns que, xuntos, constrúen unha memoria visual compartida de Compostela”

Na mesma liña, o deputado provincial Xosé Luis Penas subliñou a importancia da ilustración como ponte entre arte e patrimonio: “A ilustración dános a oportunidade de visibilizar o noso entorno dunha forma máis pausada, máis lenta e diferente”. Penas engadiu que estas xornadas permiten gozar de Santiago desde outra mirada e lembrar que tamén o turismo pode ser unha experiencia cultural e creativa.

Pola súa parte, a coordinadora das xornadas, Gemma Sesar, apuntou que a de Compostela é xa unha cita moi admirada e agardada por debuxantes e artistas da ilustración e animou a cidadanía e visitantes a tomar parte nesta edición que mesmo inclúe propostas para aquelas persoas que nunca se atreveron co debuxo.

A Casa das Máquinas da rúa de Galeras acollerá este encontro que se inaugura o venres 7 ás 16.15 horas, para dar paso de inmediato á primeira das intervencións: Inma Serrano, unha das máis recoñecidas ilustradoras españolas no ámbito do urban sketching, achegará ao público o seu proceso creativo na conferencia “Dende cero: o proceso de creación dun debuxo”. A continuación, ás 17.15 horas, a artista Pascale Lee, franco-taiwanesa afincada en París, falará de viaxes e de mirada cosmopolita na charla “Paseando con acuarelas, unha taiwanesa en París”. O primeiro día pecharase cunha intervención vibrante da ilustradora e arquitecta Olivia Marcus, que ás 18.00 horas ofrecerá “Baño de multitudes!”, unha reflexión sobre a enerxía das cidades e o papel da xente como auténtico motor da inspiración artística.

O sábado 8 de novembro abrirá cunha proposta participativa: de 10.30 a 12.30 horas desenvolverase o obradoiro gratuíto “Partindo de cero”, impartido por Daniel Pagans. Trátase dun taller dirixido a persoas maiores de 18 anos que desexen iniciarse no debuxo, sen precisar experiencia previa. Durante dúas horas, as persoas asistentes poderán aprender a escoller materiais, experimentar co uso da cor e da rotulación e, sobre todo, perderlle o medo ao papel en branco.

Pola tarde, a partir das 16.30 horas, retómase o fío das conferencias cunha viaxe por diferentes estilos e sensibilidades. A ilustradora Ximena Maier abrirá a sesión con “Azulexos ilustrados”, unha homenaxe ás texturas e motivos cerámicos presentes nas cidades. Seguiralle, ás 17.15 horas, o veneciano Barnaba Salvador, que convidará o público a acompañalo nun percorrido pola Vía Francíxena, a antiga ruta de peregrinación que atravesa Italia e Francia e que o artista converte en caderno vivo. O ciclo de charlas pecharase ás 18.00 horas coa intervención de Sarah Mari Shaboyan, artista armenia de trazo inconfundible, que falará sobre “Como atopar a túa linguaxe na arte gráfica e como facer que funcione”, unha proposta para reflexionar sobre a autenticidade e o estilo persoal no mundo da ilustración.

As Xornadas de Ilustración Urbana naceron co obxectivo de ofrecer un espazo aberto de encontro entre profesionais, estudantes e público xeral interesado no debuxo e na arte contemporánea. A través destas actividades, o evento pretende achegar a ilustración á cidadanía, valorando o debuxo como un modo de mirar o mundo con atención e de transformar o cotián en expresión artística.

A participación nas conferencias é libre até completar aforo, mentres que para o obradoiro será necesaria inscrición previa no correo info@compostelailustrada.com.

As Xornadas encádranse no Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela lustrada, que se desenvolve do 6 ao 9 de novembro baixo o lema “Simplemente Santiago”. Este  encontro, dirixido a debuxantes e artistas da ilustración reunirá un ano máis en Compostela un cento de creadoras e creadores de distintos países, que esgotaron xa no mes de maio as prazas dispoñibles, e converterá a cidade nun gran caderno aberto cheo de cores, trazos e novos ollares.

As Xornadas de Ilustración Urbana 2025 son un programa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.