Máis de 30 artistas de distintos xéneros e linguas participarán no Festival Maré do 24 ao 28 de setembro en Compostela
Do 24 ao 28 de setembro, Santiago volverá a ser un ano máis o epicentro da diversidade musical e artística coa celebración da sexta edición do Festival Maré. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; ademais da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, Victor Belho e Felisa Segade participaron na presentación do evento, que tivo lugar na Sala Capitol.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles subliñou que “co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, Maré regresa a Compostela cunha aposta que achega realidades artísticas ricas e diversas a Galicia, promovendo o intercambio cultural para todos os públicos”. O director de Turismo de Galicia remarcou tamén, “o compromiso da cita pola diversidade de orixes e de xénero, con propostas de raíz que dialogan coas expresións contemporáneas e que converten a Compostela e a Galicia nun espazo de gran proxección cultural e turística”.
Míriam Louzao felicitou o equipo tecedor de Maré por esta nova edición e destacou que do programa deste ano a celebración das cantareiras e pandeireteiras, da tradición oral e das mulleres a que transmitiron, a documentaron, a preservaron e a enriqueceron ao longo de xeracións e dos anos. “Non podiamos ter mellor botadura que a que nos darán Felisa Segade e Carabela no concerto inaugural”, afirmou.
“Maré convértese un ano máis en espazo de encontro, de diálogo, de intercambio e de diversidade. En perfecta sintonía coa nosa concepción da cultura como dereito, da arte como forza transformadora e de Santiago como Capital Cultural, fai de Compostela un porto aberto aos sons e ás voces de alén mar para que se xunten coas da terra, e vira en acubillo de diversidade de artistas e públicos, cun programa para gustos ben diferentes e para todas as idades”, sinalou Louzao.
PROGRAMA
Maré é unha plataforma de intercambio cultural entre territorios e persoas que comparten que a cultura é un dereito. Non é só unha programación musical: é unha toma de posición. Unha aposta colectiva por construír dende as artes un espazo de pensamento, coidado e resistencia.
O festival propón espazos de pensamento, encontros, obradoiros e accións paralelas que outorgan contido e contexto ao que vivimos como público. Trátase de compartir experiencias sobre o papel das comunidades na creación cultural, as posibilidades da arte nun mundo en crise, a tecnoloxía ou a forza simbólica das linguas minorizadas.
Durante varios días, Compostela transfórmase nun palco a ceo aberto, alumeando espazos culturais da cidade e acollendo máis de 30 artistas de distintos xéneros e linguas, tanto consolidados como novas voces. A programación, pensada para ser interxeneracional, compleméntase con actividades de poesía, danza, comedia, talleres, propostas infantís e un mercado de artesanía, facendo de Maré un mapa artístico diverso.
O festival aposta por un puzzle de voces galegas e internacionais, e presenta unha ampla diversidade de estilos, territorios e linguaxes, reforzando o espírito de diálogo cultural que o caracteriza.
Entre os nomes destacan:
- Felisa Segade, integrante de Leilía, que presentará o seu novo proxecto en solitario no concerto inaugural, acompañada do espectáculo previo de Carabela.
- Kevin Johansen + Liniers, nun encontro entre música e ilustración en directo.
- A nova formación de Aida Tarrío (Tanxugueiras), que chega baixo o nome de Gala i Ovidio.
- O regreso a Galicia do guitarrista tuareg Bombino.
- A forza escénica de Bongeziwe Mabandla (Sudáfrica).
- A unión creativa entre Judit Neddermann e Pau Figueres, ou a proposta de Germán Díaz, Benxamín Otero e Vidya Shah.
- Propostas galegas como Davide Salvado, Sofía Espiñeira, Quico Comesaña ou A Pedreira, entre outras.
O cartel complétase cunha ampla representación de artistas internacionais como Sara Curruchich (Guatemala), El Búho, Leiden, K.O.G., Da Cruz ou Briela Ojeda, así como co concerto de clausura, a cargo de Sol Band (Gaza) e a Frotilha de artistas contra o xenocidio.
Este ano, Maré 2025 reforza tamén a súa vertente profesional cun encontro que reunirá 13 profesionais convidados de 8 países —Marrocos, Bélxica, Francia, Italia, Colombia, Portugal, Eslovaquia e España—, creando un espazo de intercambio e colaboración para impulsar novas redes internacionais.
O festival espallará os seus concertos por diferentes escenarios emblemáticos da cidade: Sala Capitol, Teatro Principal, Igrexa da Universidade, CSC Maruxa e Coralia, Riquela Clube, Casa das Crechas, Praza da Mazarelos ou Praza de Pratería.
Con esta programación, Maré 2025 reforza a súa identidade como encontro cultural atlántico que conecta Galicia co mundo a través da música, a palabra e as artes, celebrando a diversidade e a creatividade compartida.