#SomosCompostelaCompostelaCultura

Beatriz Viaño, xornalista: “Ás veces esquecemos que fomos emigrantes”

Beatriz Viaño, na cafetería Lembranza.Foto: Iván Barreiro
Beatriz Viaño, na cafetería Lembranza. Foto: Iván Barreiro

En Pincha gústanos as mulleres aventureiras. Por iso entrevistamos a Beatriz Viaño (Santiago de Compostela, 1981), xornalista internacional de RTVE e filla do mítico Miguel Viaño, dono de O Rei do Bocadillo e da cafetería Lembranza.

A súa traxectoria profesional levouna dende as redaccións de Radio Nacional ata coberturas en escenarios tan complexos como Mozambique e, durante os últimos seis anos, Colombia. Conversamos con ela para coñecer a súa experiencia como correspondente, reflexionar sobre a emigración –un fenómeno moi ligado á historia galega–, abordar cuestións de feminismo e descubrir como vivir no estranxeiro transforma a forma de ver o mundo.

Como foron os teus comezos?

Empecei en Bilbao, pero logo mudeime a Santiago de Compostela, onde rematei a carreira. Os primeiros anos foron complexos porque non tiña claro se ía poder dedicarme a isto, pero pronto decateime de que o xornalismo era a miña vocación. Sentinme moi vencellada a Televisión Española grazas a un profesor que era director de Radio Nacional, quen me abriu as portas para facer prácticas alí e confiar no meu potencial.

Como comezaches a traballar en Radiotelevisión Española?

Tralas prácticas, chamáronme para un contrato en 2004 e dende entón non me fun. No 2007 aprobei as oposicións e anos despois pasei á televisión. Sempre tiven claro que quería traballar no servizo público porque creo profundamente na súa función de informar con rigor e independencia. Estiven en programas de radio, informativos, e logo comecei a facer reporteirismo para televisión.

Como foron as túas primeiras experiencias internacionais?

A primeira gran cobertura foi en Romanía, polo caso de Sergio Morate. Íamos estar catro días e acabamos tres semanas. Despois mandáronme a Bruxelas para cubrir os atentados de París e tamén viaxei a Ruanda e Mozambique. En Mozambique, durante o ciclón Idai, houbo un momento no que pensei que podiamos morrer. Con esas experiencias aprendes a reaccionar baixo presión, a improvisar cando as condicións son extremas e a valorar o traballo en equipo.

Como foi vivir a pandemia en Colombia?

Chegara uns meses antes e todo cambiou de repente. Foi impactante ver as desigualdades sociais e sanitarias. Había barrios onde as ambulancias non entraban e xente que quedaba sen atención médica. Ao mesmo tempo, tiña medo polo que lle puidese pasar á miña familia en España. A pandemia mostroume que a vida pode cambiar en cuestión de días e que temos que valorar moito máis o que temos aquí.

Que diferenzas atopaches entre Colombia e España en temas de igualdade de xénero?

En Colombia hai un machismo moi evidente, pero tamén unha loita diaria das mulleres para seguir adiante. Son moi valentes, verdadeiras “berracas”, como din alí. En España tamén hai machismo, pero está máis agochado. Cando regresei, vin avances importantes no feminismo, mais tamén discursos que tentan cuestionar cousas que xa estaban asumidas, como a existencia da violencia de xénero. Iso sorprendeume e preocupoume.

Viviches situacións de discriminación polo feito de ser muller mentres traballabas como correspondente?

Si, e varias veces. Recordo que un policía se negou a falar comigo durante unha cobertura e só se dirixía aos meus compañeiros homes. Tamén notei que nalgúns contextos profesionais non me tomaban tan en serio como a un home. Iso xeraba rabia, pero tamén me facía reafirmarme no meu traballo.

Que impacto tivo en ti a experiencia de ser correspondente?

Foi a etapa máis intensa da miña carreira, tanto profesional como emocionalmente. Cubrín protestas perigosas en Ecuador, Perú e Colombia, vin a pobreza extrema en Haití e coñecín mulleres que sufriran violencia sexual no marco do conflito armado. Esas historias quedan gravadas e cambian a forma de ver o mundo. Tamén aprendín que o reporteirismo internacional require empatía, paciencia e moita capacidade de adaptación.

Como ves o tema migratorio desde a túa experiencia en Colombia?

Cando vives fóra e precisas que te acollan, cambias a forma de pensar. En Colombia sentinme moi ben recibida e entendín que cada persoa migrante leva consigo unha historia de esforzo e sacrificio. Aquí ás veces esquecemos que tamén fomos emigrantes e que moitas familias galegas sobreviviron grazas a esa experiencia.

Que plans tes agora que deixas Colombia?

Reincorporarme ao meu posto en Madrid. Será un cambio importante porque paso de traballar como xefa dunha oficina a estar nunha redacción máis ampla. Gustaríame seguir vencellada a América Latina, tanto a nivel profesional como persoal, porque é unha rexión que me marcou profundamente.

Que aprendizaxes levaches destas experiencias?

Aprendín a contar historias desde a humanidade, sen sensacionalismo pero sen agochar a realidade. Tamén aprendín que o xornalismo non consiste só en informar, senón en dar voz a quen non a ten. Cando unha vítima che abre a súa vida para contar o que sufriu, tes unha responsabilidade enorme para narralo con respecto.

Pensas que volverías ser correspondente no estranxeiro?

Si, pero cun límite de tempo. Ser correspondente non pode ser un cargo vitalicio porque corres o risco de normalizar a violencia e as inxustizas que ves a diario. Eu creo que despois de certo tempo é necesario volver, descansar e recuperar perspectiva.

Para pechar, cal é o teu prato favorito de Colombia e de Galicia?

En Colombia encántame a arepa boyacense e o plátano maduro con bocadillo e queixo. En Galicia, non podo escoller só un: adoro o polbo á feira, a empanada e todo o que teña marisco. A gastronomía é parte da identidade de cada lugar, e para min, probar pratos típicos tamén é unha forma de coñecer un país.

Beatriz Viaño. Foto: Iván Barreiro
Beatriz Viaño. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.