35 propostas diversas dunha ducia de países, incluídas tres estreas, no festival “Maré, Músicas e Artes atlánticas 2022”
A de 2022 é a terceira edición en Santiago de Compostela deste festival que se desenvolverá entre o 21 e o 25 de setembro e que conta co apoio do Concello de Santiago. Das 35 propostas desta edición, 22 teñen presenza feminina e 16 contan con representación galega e ademais haberá dúas estreas a nivel europeo, a da nova xira de Chico César e a da Orquestra Voadora, e unha en España, a de Capercaillie & RFG. Toda a información sobre artistas, horarios, localizacións e as entradas dispoñibles pode consultarse na páxina web mare.gal.
“Maré, Músicas e artes atlánticas” volve este 2022 coa súa terceira edición en Santiago, a primeira trala pandemia. Do 21 ao 25 de setembro, en pleno equinoccio de outono, o outrora Cantos na maré celebrarase en distintas localizacións da capital galega coma o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Sala Capitol, a Praza da Quintana, Mazarelos e outros emprazamentos do patrimonio monumental, clubes e o parque de San Domingos de Bonaval, epicentro do festival onde estará situado o Escenario Xacobeo.
Esta edición 2022 do festival Maré, presentada esta mañá no parque de Bonaval, segue a apostar pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galiza comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico. A presentación contou coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, que estivo acompañada por Vítor Belho, de Nordesía producións, promotora do festival Maré; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia da Xunta, que ampara este festival baixo o selo dos concertosdoxacobeo.gal; e o deputado provincial Blas García.
A concelleira Mercedes Rosón salientou que “o goberno compostelá comparte cada un dos obxectivos de Maré”, na súa triple aposta pola “visibilidade da creación desde unha perspectiva feminista e de igualdade, pola diversidade cultural, así como pola proxección a nivel autonómico, nacional e internacional da nosa cidade”. Ademais amosouse convencida de que este evento “vai converter a Santiago na capital da vangarda musical multicultural”.
Vítor Belho, de Nordesía producións, promotora do festival Maré, destacou a presenza nesta edición de potentes voces femininas como a da angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim e o seu cuarteto eléctrico, a brasileira Dandara Manoela ou a arxentina Sofía Viola. Tamén a das galegas A Pedreira, que pechará o festival co seu primeiro disco en solitario Segmento cantábrico, Guadi Galego coa fin de xira de Costuras, e outras artistas emerxentes como Antía Muíño ou Catuxa Salom.
Ademais dunha ampla representación galega entre as 35 propostas desta edición, o cartel inclúe artistas procedentes doutras comunidades do Estado, como Catalunya, Asturias ou Euskadi, e doutros países e territorios como Angola, Brasil, Portugal, o Rajastán na India, os Balcáns, Arxentina, Francia, o Sáhara Occidental, Guiné-Bissau ou Escocia.
Crisol de xéneros musicais e culturas que comparten, no Maré 22 sonarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, kuduro, ritmos bulu e bikutsi, gqom, batida, amapiano, afrobeats, semba, kizomba ou folk e outras músicas de raíz escritas e cantadas en diferentes linguas, do galego ao portugués pasando polo rajasthani, o kimbundu, o catalán, éuscaro, escocés, asturiano, inglés, francés, árabe ou español. O domingo 25 o festival Maré volverá celebrar o Día Europeo das Linguas cunha xornada festiva e música de balde en Mazarelos e na sala Riquela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Ademais da promoción do talento, Maré 22 mantén como obxectivos principais a interculturalidade e a tolerancia, que se traducen na procura da emoción, o descubrimento, a creación e a información, destacando a importancia e o potencial dunha sociedade multicultural. As tradicións centenarias dos manganhiars do Rajasthan, da man dos Barmer Boys ou Fogo Fogo, a banda que está a converter o funaná de Cabo Verde nun ritmo das pistas de baile en Portugal e no ámbito lusófono, son outras das propostas desta edición. Sonará tamén en directo á fusión que o francés James BKS, fillo de Manu Dibango, realiza da tradición musical con ritmos electrónicos que se atopan no continente africano. Tampouco faltarán o caldo, os grelos e o pulpo á feira da man dos Malandrómeda, que volven aos escenarios e avanzan novo traballo, ou da mítica banda de hip hop de Ordes Dios Ke Te Crew, que vén de sacar novo EP e contará coa colaboración de, entre outros, Boyanka Kostova para entonar O.G., considerado xa o novo himno galego.
Os dereitos civís antirracistas e LGTB+, a diversidade funcional, o feminismo, o indixenismo, a igualdade entre pobos e linguas ou contra o despoboamento rural volverán ser bandeira deste Maré 22 xunto ao gran desafío do cambio climático e a persecución da sostibilidade ambiental, en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) formulados na estratexia de Festivais e Axenda 2030.
O festival Maré 22 conta co patrocinio do Xacobeo 21·22 e está incluído dentro do programa dos concertosdoxacobeo.gal. É posible tamén grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, o INAEM, Acción Cultural española e Estrella Galicia.