Padrón pon en valor a lamprea do río Ulla na duodécima edición das súas Xornadas Gastronómicas

Padrón acollerá os días 13, 14, 15, 20, 21 e 22 de marzo a duodécima edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea, unha cita xa consolidada no calendario padronés que pon en valor este produto emblemático do río Ulla desde unha perspectiva gastronómica, cultural e medioambiental.
Durante dúas fins de semana, o programa combinará actividades divulgativas, roteiros interpretativos e experiencias inmersivas pensadas maioritariamente para o público familiar, co obxectivo de reforzar o vínculo entre a lamprea, o territorio e a identidade local.
As xornadas arrancarán o venres 13 e o luns 16 de marzo coa actividade didáctica Descubrindo o fósil vivente de Padrón: a lamprea, que se desenvolverá nas escolas unitarias do municipio co fin de achegar ás novas xeracións o coñecemento deste organismo ancestral e a súa relevancia histórica e ambiental.
O sábado 14 de marzo, ás 09.00 horas, terá lugar a tradicional Ruta das Pesqueiras, un percorrido lineal de 12 quilómetros (ida e volta) ao carón do río Ulla, con saída desde o Campo da Ínsua (A Ponte). Trátase dunha proposta de dificultade media dirixida a persoas afeccionadas ao sendeirismo e ao patrimonio fluvial.
Esa mesma tarde, ás 16.30 horas, Herbón acollerá o Baño de natureza-Experiencia inmersiva sobre a lamprea, unha actividade familiar que combinará mindfulness (técnica de meditación), creatividade e patrimonio. O programa inclúe un paseo guiado polos exteriores do convento e polas pesqueiras, así como un obradoiro con arxila inspirado no universo simbólico da lamprea. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao interior do convento.
O domingo 15 de marzo, ás 10.30 horas, celebrarase unha Ruta interpretativa da lamprea con mindfulness, unha proposta para afondar na dimensión natural e cultural deste recurso a través dunha experiencia guiada.
A programación continuará o venres 20 de marzo coa actividade A que sabe Padrón?, que se desenvolverá no Xardín Botánico en dous pases (17.00 e 18.30 horas). Trátase dunha experiencia sensorial dirixida a toda a familia para descubrir, desde unha perspectiva lúdica, os matices e a tradición asociada á lamprea. En caso de choiva, trasladarase ao hall do Auditorio municipal.
Xa o sábado 21, ás 17.00 horas, terá lugar A pé de río, un percorrido de 5 quilómetros (ida e volta) con saída desde o Campo da Ínsua. A actividade está pensada para público familiar e, en caso de mal tempo, desenvolverase no interior do Auditorio de Padrón.
As xornadas pecharanse o domingo día 22, ás 11.30 horas, coa proposta Unha viaxe á orixe, na Praza de Macías (ou no Auditorio en caso de choiva), unha actividade divulgativa para toda a familia que conectará pasado, tradición e identidade arredor da lamprea.
As prazas para poder participar nestas actividades son limitadas e requiren inscrición previa na web de Turismo Padron.
Propostas gastronómicas
Paralelamente, seis establecementos de Padrón sumaranse á exaltación gastronómica: O Alpendre, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante O Secreto, Taberna A Filoxera e Restaurante A Casa dos Martínez.
Nesta edición, marcada pola escaseza de lamprea e polo elevado prezo do produto, non haberá menús pechados con carácter xeral. Non obstante, Casa Farrucán ofrecerá un menú especial por 55 euros, composto por chocos, lamprea á bordelesa, sobremesa caseira, unha copa de viño e café.
No resto dos establecementos, as persoas interesadas deberán consultar directamente as súas propostas e realizar reserva previa.
As Xornadas Gastronómicas da Lamprea consolidan así o seu papel como evento de referencia na posta en valor deste produto singular, reforzando a proxección de Padrón como destino ligado ao río Ulla, á tradición pesqueira e á gastronomía de calidade.
