fbpx
CulturaGaliciaNovas

Os Premios Martín Códax da Música abrirán o proceso de votacións ao público

Foto: Xoán Crespo

A asociación Músicas ao Vivo anunciou a posta en marcha da 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música. Desde o vindeiro luns día 19 de febreiro ata o 10 de marzo permanecerá aberto o período de inscrición de propostas para as 15 categorías convocadas. A entrega dos galardóns terá lugar o 15 de maio nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A gran novidade desta edición é o cambio no proceso de votacións, que se abrirá ao público xeral na segunda volta. No reconto final, establecerase unha regra de baremación na que o 50% corresponderá á votación do público e a outra metade aos votos das socias e socios de Músicas ao Vivo.

Sheila Patricia, presidenta, e Xavier Castro, vicepresidente de Músicas ao Vivo presentaron esta nova edición nun acto celebrado na Sala Sónar, de Santiago, ao que tamén acudiron Jorge Pallarés, director de Márketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax; Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente e Mar na Deputación de Pontevedra; Eva Vilaverde, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra; e Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Jacobo Sutil expresou o “compromiso de apoio por parte da Xunta á música que se fai actualmente en Galicia, aos seus intérpretes, compositores e, tamén, a toda a industria que está detrás”. Neste sentido, lembrou o dato dos 227 M€ no que se cifra o impacto económico da actividade musical na nosa Comunidade, para poñer en valor a importancia do sector tamén máis alá do plano puramente artístico.

Así mesmo, referiuse aos palmarés das anteriores dez edicións destes premios como “un magnífico escaparate da música galega, da súa calidade e variedade”. “Todos os proxectos galardoados reúnen xa un material documental de primeira orde, que fala da nosa música en presente pero que queda rexistrada e recoñecida para o futuro”, engadiu.

Foto: Xoán Crespo

Premios Organistrum, Honorífico e Artista Emerxente

Ademais dos recoñecementos ás 15 categorías musicais que se convocan, nos 11º Martín Códax volverán entregarse os tres premios Organistrum, que destacan anualmente unha Sala, un Festival e un Espazo de Comunicación Musical.

Nesta edición manterase o premio ao mellor proxecto de Artista Emerxente, categoría extraordinaria instaurada en 2022 para proxectar e potenciar proxectos de nova creación, que non leven en activo máis de tres anos, que non editaran máis dun disco e non fose premiados ou finalistas en edicións anteriores. Para inscribir a candidatura nesta categoría extraordinaria é preciso facelo tamén nalgunha das 15 categorías musicais. En 2022 foi recoñecida con este galardón a cantante Antía Muíño e en 2023, o compositor e pianista Sergio de Miguel.

O 24 de abril coñecerase o nome do Premio Honorífico 2024, co que cada ano a xunta directiva de Músicas ao Vivo distingue unha persoa vinculada ao sector musical cunha traxectoria referente para as novas xeracións, e que recolleron xa nomes imprescindibles para entender a nosa música como Luz Casal, Fuxan os Ventos, María Manuela ou Dorothé Schubarth.

Xurado profesional na primeira fase

Antes de abrir as votacións ao público e ás socias e socios de Músicas ao Vivo, será un xurado profesional, con representantes do ámbito da formación musical, da industria musical, da comunicación e da comunidade artística quen valore as candidaturas nunha primeira fase seleccionando tres finalistas por categoría. O mesmo xurado encargarase de decidir as tres propostas finalistas dos premios Organistrum e da categoría extraordinaria Artista Emerxente.

En total, o certame daralles visibilidade a 48 proxectos musicais, tres iniciativas da industria e recoñecerá unha carreira, nun certame no que participa anualmente unha media de 400 proxectos desde o seu nacemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.