Os libros, protagonistas da fin de semana en Compostela cos premios Follas Novas e a quedada LeComigo
O próximo fin de semana Compostela acollerá dous eventos relacionadas coa lectura: a gala dos premios Follas Novas do Libro Galego e a iniciativa LeComigo, unha quedada para ler en silencio durante unha hora e conversar despois cunha vintena de escritores e escritoras.
Premios Follas Novas do Libro Galego
O vindeiro sábado, 26 de abril, terá lugar a xa tradicional gala dos premios Follas Novas do Libro Galego, que serve para poñer remate a unha das actividades máis importante da comunidade do libro en Galicia. Os premios repasan e premian a produción literaria do ano 2024. A gala, que comezará as 19:00h e estará presentada polo actor Xosé Barato, servirá de marco para entregar os tres premios de honra das tres asociacións convocantes e que se deron a coñecer na rolda de prensa de presentación. Os editores premiarán ao editor Manuel Bragado; os libreiros ao fundador da libraría Follas Novas de Santiago, Rafael Silva, e as escritoras e escritores galegos recoñecen como escritora galega universal a Shahd Wadi.
A celebración foi presentada no ambigú do Teatro Principal de Santiago polos representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, co apoio do Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e CEDRO. Participaron na mesma a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a sudirectora de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia, Cristina Rubal; e os representantes das tres asociacións convocantes.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, cualificou a Gala do vindeiro sábado como “a gran festa que celebra e recoñece o traballo de toda a cadea do ecosistema literario galego” e ao Teatro Principal como “o fogar destes Premios”. Míriam Louzao afirmou que “para o goberno municipal é importante que os Premios Follas Novas do Libro Galego convoquen aquí cada primavera o talento, o esforzo e a creatividade literaria do noso país. E cando falo de talento literario refírome tanto a quen a crea, autores e autoras, como a quen a edita e tamén a quen leva a literatura á rúa, as librarías maioritariamente independentes e de proximidade, as que fan barrio”. Por último animou a todo o mundo “a que fagan seus este premios, facéndose coas obras premiadas en cada categoría, porque o mellor premio é que os libros vivan nas mans do público lector”.
Esta edición quere reivindicar a importancia da comunidade do libro en Galicia, salientando a importancia de cada un dos sectores, autores/as, editoras, librarías e público lector que forman unha ampla comunidade na que se poden contar arredor de 600 autores e autoras, máis de 50 empresas editoras e 150 librarías. Esta edición dos premios tivo como punto de partida un milleiro de títulos e un proceso de selección posterior de cinco meses.
O cumio deste proceso será a gala que se celebrará o vindeiro 26 de abril no Teatro Principal de Santiago. A gala será conducida polo actor Xosé Barato que repasará a actualidade da literatura e levará ao teatro ambientes e sons do mundo do libro. Ademais, estará acompañado pola música en directo do dúo Mr Cool & Rubén Servide, cun formato de guitarra e saxofón. A entrada é libre, pero é necesario solicitar un convite a este enderezo electrónico: oficina@aelg.org.
Na presentación da gala participaron os representantes das asociacións impulsoras do premios, Óscar Porral, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia (FLG); Diana Varela Puñal, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; e Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editoras.
Henrique Alvarellos, da AGE, destacou a importancia do sector do libro no conxunto da cultura do país, “En Galicia edítanse cada ano arredor de 1.000 títulos, os Follas Novas permiten visibilizar un mercado que ten como punto feble que as ventas do libro galego non chegan a supoñer o 10% do mercado do libro en Galicia”. O editor salientou que a literatura galega ‘‘conseguiu nos últimos cinco anos nove premios nacionais de literatura o que supuña unha demostración do capacidade creativa dos autores e autoras galegas’’.
Óscar Porral, vicepresidente da FLG, salientou na súa intervención na rolda que estes premios son “outra demostración da vontade de libreiros e libreiras de darlle toda a visibilidade posible aos libros”. Neste sentido, o libreiro anunciou a ampliación de actividades dos premios para que os Follas Novas teñan maior protagonismo nas feiras do libro que se celebran por toda Galicia.
Diana Varela Puñal, da AELG, salientou a importancia dos premios asegurando que é “un caso único no Estado” que os premios sexan organizados conxuntamente por tres asociacións arredor do libro. O escritor tamén reclamou a creación dun instituto que se ocupe de promocionar aos autores e autoras galegas internacionalmente e que debería levar o nome de Rosalía de Castro.
Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e o Libro da Xunta de Galicia, lembrou que os premios son xa un clásico e un “evento importante para axudar a fortalecer o sector do libro”, dando a “coñecer a excelencia do libro, de autores, editores e libreiros, contribuíndo a mellorar a cultura de Galicia para conseguir unha sociedade máis avanzada e igualitaria”.
LeComigo
«Isto non é un clube de lectura, non é unha presentación de noavidades editoriais, nin é unha firma de libros». Deste xeito tan explícito preséntase LeComigo, unha acción que se desenvolverá por primeira vez o domingo 27 de abril en Santiago e que ten por obxectivo declarado reunir a persoas arredor da lectura.
«Queremos crear comunidades lectoras en toda Galicia, que se unan para celebrar a literatura dunha maneira desenfadada. Buscamos a lectores que estean dispostos a deixar de lado o móbil e as redes sociais por unhas horas, para ler en silencio e escoitar despois o que distintos autores lles falarán sobre a súas experiencias lectoras», explican a libreira e escritora Mercedes Corbillón e a editora Gemma Sesar, organizadoras de LeComigo.
A iniciativa, novidosa en Galicia, é unha translación das exitosas e afamadas convocatorias do Silent Book Club, un colectivo mundial de lectores que se reúnen en espazos públicos para leer xuntos nun ambiente de camaradería. Porque como escribe Pep Bruno, «fronte ao ruído irrefreable, ler en silencio convértese nun acto de rebeldía. Sentar a abrir un libro é acalar todas as voces estridentes, crebar a continuidade do ruído, metelo nun saco e lanzalo ao fondo do pozo».
No caso de Compostela, a primeira reunión terá lugar este domingo, 27 de abril, na Casa das Máquinas. A convocatoria (de balde e para maiores de 18 anos) é ás 11.30 h para tomar un café. De 12 a 13 h cada quen lerá en silencio o libro que leve (sen ningún tipo de limitación de formato, xénero, estilo ou idioma). A partir das 13 horas abrirase unha conversa na que participarán os lectores e os escritores convidados, que nesta primeira convocatoria son Pedro Feijoo, Blanca Riestra, Ismael Ramos, María Solar, Xelís de Toro, Anxos Sumai, Luís Rei, Helena de Carlos, Daniel Asorey, Marta Estévez, Ulises Bértolo, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Marga do Val, Antón Lopo, Encarna Otero, Anxo Quintela, Carme Vidal e Manuel Portas.
A xornada rematará cun sorteo de libros das editoriais que colaboran coa iniciativa e un vermú.