O goberno de Santiago inicia o segundo ano de mandato restrinxindo a apertura de novos negocios turísticos
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, fixeron balance do primeiro ano do mandato, nun almorzo informativo no Auditorio de Galicia no que estiveron acompañadas por todos os concelleiros e concelleiras do Goberno. No acto, a rexedora da capital galega afondou na vontade “de seguir traballando por un concello para as persoas”, e nesa liña anunciou que “o segundo ano de mandato estará marcado polas medidas de protección ao comercio de proximidade que vimos de adoptar na Xunta de Goberno celebrada esta mañá”.
Así, Sanmartín explicou que a xunta de goberno local aprobou a suspensión cautelar para a reforma da vixente normativa de usos do Plan Especial con dous obxectivos: “protexer e fomentar o comercio local e de proximidade e fixar poboación na zona vella”. “Con esta finalidade imos estudar os eixos comerciais na cidade histórica, as actividades, os seus usos e durante un ano suspender as licenzas e comunicación previas para decidir xustamente cara onde queremos camiñar”, detallou, porque esto fará que a xente fique “vivir na zona vella, porque ten a zapatería que precisa o supermercado que precisa, un espazo habitable, pensado e deseñado para vivir”.
Esta suspensión non afectará a negocios que xa teñan licenzas de obras concedidas ou cando un local de hostalaría cambie a súa actividade dentro do mesmo ámbito, por exemplo, de bar a restaurante; pero si que quedará prohibida a implantación de novos negocios hostaleiros en locais que non teñan agora mesmo ese uso.
Turismo sustentable e espazos de creatividade cultural
A tenenta de alcaldesa; María Rozas, salientou que “esta medida aprobada hoxe súmase a outras que se foron adoptando neste primeiro ano de mandato, nomeadamente no que tén que ver co control das vivendas de uso turístico, dálle cumprimento ao acordo de Goberno asinado por BNG e Compostela Aberta, e vai na liña que nos marcamos as dúas formacións que sempre tivemos claro que a promoción dun modelo turístico máis sustentable e as políticas de vivenda tiñan que ser unhas das nosas prioridades”.
Neste sentido, a alcaldesa lembrou outras medidas impulsadas nestes doce meses de Goberno, como a posta en marcha do Rexistro de Soares, o impulso dunha empresa pública de vivenda para revitalizar e impulsar o uso residencial do parque de vivenda actual; a disposición para cederlle á Xunta dúas parcelas para a construción de vivenda pública, ou os avances para que Santiago conte cunha taxa turística. Ao respecto, Goretti Sanmartín explicou que en próximas datas enviarase a proposta da chamada taxa turística ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un imposto que, dixo, é un clamor social”.
Respecto ao eido cultural, avanzaron a posta en marcha de espazos de creatividade cultural, máis aló de espazos de programación. Neste senso, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, sinalou que xa mantiveron unha reunión, con moi bo acollemento, coa Deputación da Coruña e que a idea é que estean á disposición tanto de profesionais como de xente moza.
Subvencións culturais e galardóns literarios
A Xunta de Goberno local aprobou tamén na sesión de hoxe as bases da convocatoria de subvencións a asociacións culturais 2024 por un importe total de 38.000 euros, así como a convocatoria de dous galardóns literarios. Un será o premio Exeria, dotado con 3000 euros, e que vai destinado aos proxectos de creación literaria de autores/as residentes en Santiago de Compostela que necesiten dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra. Por outro lado, tamén se convocará o premio Selic, que conta cun orzamento de 6000 euros, e busca ampliar a promoción da creación ao ámbito literario co obxectivo de contribuír tamén á promoción da cidade como escenario da actividade artística e creativa. A convocatoria que agora se promove dálle continuidade á iniciada en 2018 e leva aparellada a autorización para a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Santiago de Compostela.