CompostelaCultura

‘Na hora dos cans’ chega esta fin de semana ao Salón Teatro

O Salón Teatro acolle esta fin de semana a estrea galega de Na hora dos cans, espectáculo que o Centro Dramático Galego coproduce xunto a outras compañías institucionais e centros de ensino teatral superior de Galicia, Francia e Portugal. A peza, co-creada entre a dramaturga galega Ana Carreira, o director portugués Nuno M. Cardoso e o alumnado participante, enmárcase no Proxecto Nós/Nous, iniciativa europea que ten como obxectivo promover a práctica teatral e o intercambio exterior de estudantes de Arte Dramática no treito final do seu período académico, dándolles a oportunidade de traballar con figuras consolidadas do sector.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, recibiu o equipo do espectáculo na sede da compañía pública, onde se están a desenvolver os últimos ensaios. Con esta estrea, a Xunta afianza o marco de actuación internacional da súa unidade de produción teatral, ao tempo que estimula a profesionalización do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que -xunto á Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, a Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa e a École Nationale Supérieure des Arts et Techniques du Théâtre de Lyon- é un dos catro centros de ensino participantes.

O proxecto Nós/Nous está financiado polo programa europeo Erasmus+K2 co obxectivo de afondar no coñecemento da cultura teatral entre os tres países, construíndo un territorio escénico común. O Teatro São João no Porto, o Teatro Nacional Dona María II en Lisboa, o Les Célestins, Théâtre de Lyon e o Salón Teatro en Galicia completan a estrutura desta iniciativa, baixo a que xa se puxeron en escena en 2022 Tartufo, de Molière, con dirección e adaptación de Tonán Quito, e en 2023 Ifixenia, de Tiago Rodrigues con dirección de Claudia Stavisky.

Sobre o porvir, a rebeldía e a liberdade

Na hora dos cans, que se inclúe no calendario de actividades do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, aglutina o traballo dun elenco e un equipo técnico integrado por alumnado galego, portugués e francés, que se expresa nas tres linguas. O tema é a pesimista concepción da sociedade sobre o porvir da xuventude, argumentada, entre outros, por aspectos económicos e sociolóxicos, partindo da consideración, non exenta de prexuízos, de que as persoas novas carecen do impulso rebelde que se agardaría de quen comeza unha vida autónoma. O que se presenta sobre o escenario é que esta mocidade quizais non estea falta deste impulso e simplemente responda con parálise ou agresividade ante as frustrantes expectativas de futuro, ou combine ambas segundo se lles presenten as perspectivas. As preguntas que se lle formulan ao público xiran arredor do que podemos pedirlle a esta xeración a quen lle auguramos un peor porvir do que os seus pais tiveron no seu momento.

Coa premisa de creación dunha dramaturxia colaborativa, achéganse diversas propostas de reflexión nas que esa xuventude indaga nas ideas sobre o porvir, a rebeldía e a liberdade, a partir de referentes literarios, académicos, plásticos e os da súa propia experiencia vital, dándolles, non só a oportunidade de rebelarse ante as expectativas sobre o futuro, senón de crear una idea de comunidade co público asistente.

Presenza galega

A peza conta coas achegas de catro alumnas da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia: a asistencia de dirección que desenvolve Susana Villaverde, o deseño de iluminación a cargo de Amelia Poyato, e as actrices Alejandra Quijano Jordan e Noemi Pardo; ademais do traballo da dramaturga Ana Carreira, que xunto co director luso Nuno M. Cardoso e o equipo integrado polo resto do alumnado da ENSATT de Lyon, a ESMAE do Porto e a ESTC de Lisboa, traballaron conxuntamente sobre sobre estes conceptos inspirándose en boa medida nas propias vivencias do estudantado.

O resultado é unha proposta innovadora que se completa coa participación de Helena Matos na dirección escénica, Joaquim Salgueiro na produción, Justine Baron na escenografía, e Rafa Alves no vestiario. Na interpretación, ademais das galegas, Aléxia Mengas, Ângelo Castro, Catarina Só, Rita Couceiro Pinto, Théo Verdier e Vasco Paixão danlle vida a esta aproposta colectiva coa que o teatro máis novo e experimental se presenta nos escenarios europeos.

As funcións do venres 14 e o sábado 15 no Salón Teatro comezarán ás 20,00 h. e a do domingo 16 ás 19,00 h. O acceso a todos os pases será gratuíto previa retirada das localidades cada día no despacho de billetes do número 34 da compostelá rúa Nova. O escenario do Centro Dramático Galego será a segunda parada da xira de Na hora dos cans, que xa visitou o Teatro Carlos Alberto do Porto a pasada semana e viaxará despois ao Teatro Ibérico de Lisboa (do 21 ao 23 de xuño) e ao Les Célestins, Théâtre de Lyon (do 27 ao 29 de xuño), onde concluirá o seu período de  exhibición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.