O Bar 23, La Sifonería e a Bodega Órdenes gañan a XXI edición do Concurso de Tapas Picadillo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a entrega de premios do XXI Concurso de Tapas Picadillo, celebrado entre o 18 e o 28 de decembro do 2025 en establecementos de toda a cidade. Como todos os anos, cada local participante ideou unha tapa propia e incluíuna na súa carta para que a clientela e o xurado do concurso a degustasen e valorasen.
O Bar 23 alzouse vencedor na categoría Receitario Picadillo desta edición coa tapa “Albóndegas con salsa de améndoas”, do chef Álvaro Victoriano, que foi votada polo Xurado final como a mellor das preseleccionadas. Foron tamén candidatas “Ssam de raia en salsa de salpicón con crocante de polbo”, da Bodega Órdenes, e “Pavé de pataca con carne galega ao viño tinto”, de Malte Galera.
Na categoría de Mellor Tapa Creativa, gañou La Sifonería, coa receita “Dry Caldini”, de Carlos Montes. Foron tamén finalistas os “Cappelleti de cocido galego”, de Ama Italiana Contemporánea, e “Galicia en tres bocados”, do Gato con Copas. Ademais, entregouse un galardón por votación popular para premiar a proposta mellor valorada polos clientes, que puideron votar a través dos códigos QR distribuídos polos locais. Neste apartado foi recoñecida a Bodega Órdenes, con “Ssam de raia en salsa de salpicón e crocante de polbo”, de Rosa Vaamonde Blanco.
Estiveron presentes no acto Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, e Chau Fernández-Gago Puga, neta do alcalde Manuel María Puga y Parga, máis coñecido como Picadillo. Fernández-Gago, que é membro da Academia Galega de Gastronomía, foi, un ano máis, presidenta de honra do Xurado do concurso.
“Os de aquí demostrámoslle a todo o mundo que a cociña é unha das nosas moitas especialidades. Pero non é só o talento das cociñeiras e cociñeiros o que fai da nosa gastronomía unha das mellores do mundo. É que, ademais, temos a inmensa sorte de que as nosas costas teñen os mellores peixes e a nosa terra os mellores produtos. Na lotería do comer tocounos todo”, subliñou Inés Rey no seu discurso.
A alcaldesa tamén puxo en marcha a conta atrás para a próxima edición dun concurso que é xa un emblema da cidade. “O ano que vén haberá máis e, coma sempre, mellor. A Coruña sabe a vida. A Coruña cabe na xenialidade creativa dunha tapa. Desde as ideas máis vangardistas e rompedoras ata as recreacións das receitas de sempre. Presente e futuro conviven nos nosos pratos”, engadiu.
O Xurado intermedio deste ano, encargado de seleccionar as propostas finalistas, estivo integrado polos chefs Santiago Fernández e María Emilia Piedra Iglesias, o crítico gastronómico Tomás Galdo Rolón e a profesional da innovación Marta Sendón. O Xurado final, que elixiu os vencedores, completárono os cociñeiros Miguel García Silvarredonda, Beatriz Sotelo Sorelo, Alejandro Méndez Lazaré e Francisco Ramos Gallego.



