Música, poesía ao vivo e artes escénicas, no VIII Festival Rosalía

O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, celebrará entre os días 21 e 22 de febreiro a súa oitava edición para conmemorar o 189º nacemento da autora de Cantares gallegos. Neste 2026, o programa terá un ano máis como centro neurálxico a praza de Mazarelos, aínda que tamén se estenderá até o Teatro Principal e o Colexio Maior de Santo Agostiño. Así o explicaron en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra.
A alcaldesa agradeceu á Deputación a aposta por Santiago e salientou a importancia de Rosalía de Castro non só como poeta, senón como unha figura do activismo cultural e unha precursora do feminismo, cuxa obra segue a ser “relevante e inspiradora” para as xeracións máis novas. A rexedora fixo fincapé na ampla gama de actividades que se ofrecerán no marco do festival, incluíndo literatura, artes escénicas e música, co obxectivo de celebrar “o seu legado e a vixencia dos seus textos” e animou a cidadanía de Santiago e “responder unha vez máis” e a reservar oco na axenda o 21 e o 22 de febreiro para desfrutar do evento.
Sol Agra debullou o programa, que conta cunha vintena de actividades entre recitais, concertos, espectáculos de artes escénicas, obradoiros e presentacións que se sucederán entre o sábado 21 e o domingo 22 de febreiro baixo o lema ‘Porque así somos’, verso rosaliano tirado de Follas novas: “Ben sei que non hay nada/ Novo en baixo d’o ceo,/ Qu’antes outros pensaron/ As cousas qu’ora eu penso./ E ben, ¿para qu’escribo? /E ben, por qu’asi semos, /Relox que repetimos /Eternamente ó mesmo.”
O Festival Rosalía, sinalou a deputada, escolle este lema para a oitava edición co obxectivo de subliñar a idea de que, despois de 146 anos desde que se publicou Follas novas, “continuamos a crear, a traballar e a convivir en galego, coa constancia do reloxo, conscientes de que cada segundo é novo e irrepetible”.
Programa
A programación arrancará o sábado 21 de febreiro ás 11.00 horas na Praza de Mazarelos e reunirá en Compostela durante a fin de semana a actrices como Mónica Caamaño e Isabel Risco, ilusionistas como o Mago Teto, grupos escénicos como As Teimas e Os Quinquilláns ou as voces como Blues do País, Loita Amada, Faia Díaz, Inés Salvado, Uxía ou Javier Ruibal. Precisamente estes dous últimos, xunto ao guitarrista Marcos Teira, protagonizan un dos grandes momentos musicais desta oitava edición do festival Rosalía: De tu casa a la mía. Neste concerto, que se celebra en sesión vermú ás 13.20 o domingo 22 na Praza de Mazarelos, ofrécese o retrato dunha confluencia de cultura e emocións a través dos versos de Rosalía e Lorca.
Outro dos concertos máis destacados desta oitava edición virá da man de Loita Amada, que presentará o seu terceiro disco, Resistir é Vencer, na praza de Mazarelos o sábado ás 21.00 horas. O cartel musical complétase con Blues do País, que tamén actuarán o sábado ás 13.30 horas, e Primavera vai chegar, un espectáculo que mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero. A súa actuación terá lugar o domingo 22 no Colexio de Santo Agostiño ás 12.00 h e ás 16.30.
Versos ao vivo
O Festival Rosalía e o Festival Atlántica colaboran nesta edición a través dun dos pratos fortes do cartel deste 2026: Contoesías: Contos e poesías. Este proxecto colaborativo e aberto xunta a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza. Neste encontro proponse unha deriva pola obra de Rosalía con perspectiva feminista, interseccional e crítica. Terá lugar o sábado ás 18.00 h. en Mazarelos.
Un pouco antes, ás 16.45, a praza acollerá Chan da Pólvora. Unha década de poesía necesaria, unha celebración dos dez anos que fai o selo editorial. Ao redor desta conmemoración, reuniranse Antón Lopo, Manuel Martínez, Luís López Alonso, Ana Romaní, Paula Luís, Andrea Nunes e Nuria Vil.
Artes escénicas
A escena terá un ano máis un lugar destacado no cartel do Festival Rosalía. Os Quinquilláns ofrecerán un paseo teatral polos espazos de Rosalía. A camiñada, que parte o sábado ás 11.30 horas de Mazarelos. Xa pola tarde, ás 19.30 h, na mesma praza, chegaralle a quenda ao espectáculo Improsalías, unha peza de improvisación, música, humor e poesía que ofrecerán os grupos As Teimas e TheMomento.
Xa o domingo, ás 11.15 horas, Producións Dispersas ofrecerá a intervención teatralizada Sempre Rosalía. Ás 13.00 horas, actuará a actriz Mónica Caamaño con Da voz de Morgana, unha aproximación escénica á escrita de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Nesta peza a actriz ofrécenos o debuxo da Muller que non foi relatado por cronistas e fabuladores. Ofrécenos, en definitiva, a historia de Morgana contada na súa propia voz.
Para rematar a xornada do domingo, o Mago Teto encargarase de pórlle o ramo ao oitavo Festival Rosalía no Teatro Principal ás 21.00 co seu espectáculo GalegoRock’n’Magic, un show de maxia e música que fai un percorrido desde o rock do Xabarín Club até bandas actuais que están pondo a música galega no máis alto.
O programa complétase coa feira rosaliana, cuxos postos estarán abertos ás 11.00 e as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.00 horas, presentacións de libros sobre Begoña Caamaño, xogos tradicionais para a cativada, o obradoiro de rap improvisada CeibaRimas e o Concurso Rosaliano para toda a familia que conducirá a actriz Isabel Risco o domingo 22 a partir das 16.30 horas.
