GaliciaGastronomíaReportaxes

Mulleres no márketing alimentario galego

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e aínda que en Pincha reivindicamos os dereitos das mulleres todo o ano, queremos achegarnos a un sector fundamental na economía galega: o alimentario, un dos máis recoñecidos da nosa terra pola súa calidade, tradición e innovación. Á súa vez, queremos poñer a lupa nas áreas de márketing, onde se coce a creatividade para levar mais alá as nosas marcas e produtos.

Márketing é unha área estratéxica, fundamental para o crecemento de calquera empresa, por iso nos preguntamos: Cantas mulleres exercen como directoras deste departamento? Cal é a súa función? Como contribúen ao sector alimentario galego? Como se achegan ás consumidoras? Vémolo neste artigo no que participan Laura Cachón (Directora de Márketing e Comunicación da empresa vitivinícola Paco & Lola) e a que vos escribe, Ruth Ríos, que teño a fortuna de participar na única empresa galega de alimentación para mascotas con fábrica propia.

O sector alimentario en Galicia é un ecosistema onde a muller sempre foi, en palabras de Laura Cachón, o «motor silencioso do rural». En Paco & Lola, unha cooperativa con máis de 430 socios, a muller foi fundamental no coidado da viña e na xestión familiar. A calidade e a identidade galega son piares transversais. Laura explica que a visibilidade feminina en Paco & Lola non é un discurso puntual, senón parte do relato da marca, poñendo o foco nas familias viticultoras e nas profesionais do equipo para mostrar referentes reais.

No que respecta ás tendencias de consumo, Laura sinala que a consumidora de viño busca cada vez máis saber que hai detrás dunha botella: o territorio e as persoas. Ademais, a marca adáptase a novos públicos con innovacións como o seu viño desalcoholizado, o Nº0.

A sustentabilidade é outro reto compartido. Laura destaca que en Paco & Lola levan anos incorporando criterios ESG, mellorando a pegada hídrica e de carbono, xa que a súa actividade depende directamente da terra.

A pesares de que as mulleres compren un papel indispensable no eido vitivinícola,  o salto aos postos de dirección é un fenómeno máis recente, tal como vemos no caso de Laura, que leva o peso do departamento de márketing de Paco & Lola xa una década.

Pola miña banda, como redactora de Pincha e responsable de márketing de NGP Good Petfood dende o 2024, observo unha realidade semellante: en Galicia, as mulleres abundan nas áreas de comunicación e márketing do sector petfood, e na nosa empresa somos un gran número de mulleres liderando o camiño. Cando toca levar unha marca ao seguinte nivel de coñecemento, temos un ollo especial para detectar as tendencias do mercado, creando identidades moi coidadas onde a calidade é unha das máximas preocupacións.

Dende NGP, somos os únicos fabricantes galegos de alimentación para cans e gatos, un sector en auxe porque hoxe as mascotas son os novos fillos e fillas. Levamos polo mundo a calidade da nosa gastronomía aplicada aos nosos «amigos peludos» porque os animais de compañía reciben os mesmos agarimos e atencións que calquera outro membro da familia.  Isto esixe unha aposta pola alta calidade (produtos grain free, ingredientes frescos, formatos húmidos) e o cumprimento de regulacións tan estritas como as de humanos, avaladas por selos como IFS Food ou Galicia Calidade.

Con respecto ao comportamento das consumidoras, estamos especialmente atentas ás mulleres. Detectamos tendencias fascinantes tanto a nivel local como internacional, relacionadas precisamente co seu empoderamento. En Asia e Europa, por exemplo, medra o número de mulleres independentes que teñen o seu propio apartamento e traballan moitas veces en remoto. Por iso conviven con animais que non esixen moito espazo, como gatos ou cans mini. Esta tendencia nos obriga a innovar en fórmulas específicas para gatos indoor, cans pequenos que pasan moito tempo en casa ou para animais senior, debido a outra tendencia que é o incremento da esperanza de vida das mascotas.

Finalmente, tanto Laura coma eu queremos lanzar unha mensaxe de alento para todas as mulleres que queren introducirse no mundo do márketing e comunicación. Laura anima ás mozas a quedarse na súa terra e ocupar espazos onde achegar novas visións, pois o sector agroalimentario galego precisa mulleres que conten as súas historias e dean valor á marca. Pola miña parte, coincido en que, aínda que predominamos nas facultades de comunicación e somos maioría no sector, temos que traballar para romper o teito de cristal nos postos directivos. O talento feminino galego ten moito potencial; só necesitamos seguir ocupando o lugar que nos corresponde pola nosa creatividade, sentido estratéxico e capacidade de innovación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.