Manteigados e champaña
Como estamos ás portas do Nadal, cómpre falar das delicias que acostumamos tomar neste tempo e aprender a nomealas na nosa lingua sen cometer ningún erro.
Existen unha infinidade de fermosas palabras en galego relacionadas con estas festas, como as panxoliñas ou nadaliñas que cantamos na Noiteboa nas nosas casas decoradas con grilandas e acivros. Ou as badaladas das doce da noite do 31 de decembro coas que lle damos á benvida ao Aninovo. Unhas celebracións nas que nunca falta o champaña co que brindar. Este viño escumoso, branco ou rosado, está elaborado en cavas e é orixinario de Francia. De feito, esta denominación provén da rexión francesa de Champaña.
E que sería do Nadal sen os turróns que se mercan na turronaría ou turronería? Non hai mesa nesta época que non inclúa como sobremesa este doce de forma rectangular que se elabora principalm ente con améndoas, azucres ou mel e ovos. Pero sabías que esta palabra tamén ten outras acepcións? Segundo a Real Academia Galega, outros significados son “(animal) que turra ou truca” e, dito en sentido figurado, “que porfía nas súas ideas ou actitudes e non escoita razóns”. Así que, xa sabes, se nunca cedes, pode dicirse que es un turrón!
Entre os doces que adoitamos tomar nestas festividades, non podemos esquecer os mazapáns, os manteigados, os polvoróns, a rosca de viño... E os afamados panetones, que proveñen de Italia, ou o saboroso tronco de Nadal.
onde probalo?
Estas semanas os restaurantes de Santiago e A Coruña énchense de familias, empresas e amizades para gozar xuntos das ceas de Nadal. E, en todas elas, abundan as sobremesas cos doces típicos da época.
Nas casas tamén nos preparamos para os banquetes que nos agardan en Noiteboa e Noitevella. Se andas a buscar como rematar da mellor maneira posible semellantes lupandas, recomendámosche visitar algunhas das tendas especializadas que podemos atopar en ambas as dúas cidades.
En Compostela, Pan da Moa ofrece por estas datas unha ampla variedade de doces que van desde os turróns artesanais ata os panetones, as cocadas e os pasteliños de crema. Sen esquecer os roscóns de Reis, cunha figuriña de agasallo no seu interior para quen teña a fortuna de atopala; ademais dunha faba para quen, no caso contrario, teña menos sorte e deba pagar esta delicia do Nadal.
E se precisas unha panadería de elaboración artesanal na Coruña, podes elixir Pan e Canela, onde gozarás coma nunca coas súas propostas para estas festas; algunhas típicas da nosa terra e outras, importadas doutros lares, como as galletas de xenxibre.
