Estes son os proxectos gañadores dos Premios da Crítica de Galicia 2025
O sábado 18 de outubro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital.
Dende comezos do mes de outubro, as 70 persoas compoñentes dos dez xurados, que se unen ás mil cincocentas participantes ao longo de toda a súa historia de máis e catro décadas, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.
Baixo o lema «A tradición é a alma eterna de Galiza» de Castelao, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde Vigo; José López Campos, conselleiro de Cultura; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Carmela Silva, tenente de alcaldía do concello de Vigo, ademais de diversas deputadas do Parlamento Galego e representacións do asociacionismo cultural e profesional.
Conducido por Roberto Pascual no transcurso do acto foi homenaxeado Luis Suárez Marconi, primeiro secretario dos Premios da crítica de Galicia.
«Contos Gringos» de Lara Dopazo, Premio de Creación Literaria 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado Cristina García, bibliotecaria da Biblioteca Pública Juan Compañel; Xosé Monteagudo, escritor; Chus Pato, poeta, membro da RAG, gañadora da edición 2024; Andrea Quintáns Rey, libreira de Libraida; Susana Sanches Arins, escritora e crítica; Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da AELG e Malores Villanueva, profesora, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Contos gringos (Galaxia) de Lara Dopazo; Poemas realistas(Apiario) de Daniel Salago e Runrun(Galaxia) de Ana Varela.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Contos gringosde Lara Dopazo.
Na súa xustificación, o xurado salientou o estilo e a intensidade das voces que se individualizan en cada relato para caracterizar os distintos personaxes. Con gran pulso narrativo, Lara Dopazo renova en Contos gringos a tradición relatista galega. A escolla dun vibrante manexo textual logra que calquera suceso cotiá poida converterse e extraordinario.
Unha investigación no eixo da enxeñaría civil e as tecnoloxías aplicadas do grupo CINTECX da UVigo premio de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, formado por Luís Castedo Ribas, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da UDC; Herminia Domínguez González, catedrática de Enxeñaría Química da UVigo; Minia Manteiga Outeiro, catedrática de Astronomía e Astrofísica da UDC; María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación do CSIC do Instituto de Investigacións Mariñas; Clara Ruíz Ponte, investigadora na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, gañadora da edición 2024; Elena Vázquez Cendón, catedrática de Matemática Aplicada da USC e María de los Ángeles Peña Gallego, profesora de Química Física da UVigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas:
Mascareñas, José Luis: Targeting cancer stem cell OXPHOS with tailored ruthenium complexes as a new anti‐cancer strategy | Journal of Experimental & Clinical Cancer Research | Full Text
Labandeira-Garcia, Jose Luis; Labandeira, Carmen M.; Guerra, Maria J. e Rodriguez-Perez, Ana I.: The role of the brain renin‐angiotensin system in Parkinson´s disease | TranslationalNeurodegeneration | Full Text
Lamas, Daniel; Justo, Andrés; Soilán, Marío; Riveiro, Belén: Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models ‐Science Direct
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a “Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models de Daniel Lamas, A. Justo, M. Soilán e Belén Riveiro
O xurado salientou que este traballo do grupo CINTECX da profesora da Universidade de Vigo Belén Riveiro constitúe unha contribución pioneira no ámbito da dixitalización e mantemento de construcións civís nomeadamente pontes. Isto ten unha implicación directa na seguridade, eficiencia e sostibilidade, reducindo a dependencia de inspeccións visuais e manuais. O resultado desta investigación ten unha especial implicación na nosa comunidade pola variabilidade da orografía galega.
“As peregrinacións a Compostela” de Xose Miguel Andrade Cernadas premio de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, formado por Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito da UDC; Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga, membro da comisión de Patrimonio do CCG, profesora da USC; Antón Costa Rico, catedrático de Historia Educación da USC; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía da UDC; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, gañador da edición 2024, vicesecretario da RAG; Lucía Oca González, profesora de Antropoloxía Social da USC e Ramón Nicolás Rodríguez, profesor, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: As peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades (Xerais) Xosé Miguel Andrade Cernadas; Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galega (Galaxia) de Xavier Castro; Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground (Galaxia) Fernando Fernández Rego e Universo Cantigas. Edición crítica da poesía medieval galego-portuguesa (Universidade da Coruña) de Manuel Ferreiro e otros.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría aAs peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades (Xerais) Xosé Miguel Andrade Cernadas.
O xurado salientou que se trata dun libro marcado polo rigor investigador e polo esforzo no seu papel divulgativo, que aborda o tema do fenómeno das peregrinacións, os seus tópicos e a súa materialización contemporánea no Xacobeo e que resulta operativa para analizar as políticas culturais que se aplican en Galicia arestora. Así como as súas repercusións en fenómenos como a fixación dos camiños de Santiago e a súa turistificación.
Programa Apego, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Marisa Barreiro, profesora, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA); Sergio Lago, xestor cultural, co-director do posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC; Xosé Paulo Rodríguez Domínguez, director do teatro Rosalía de Castro; Anxos Sobriño Pérez, lingüista na administración de Xustiza e ex-presidenta da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua); Alejandro Tobar, tradutor, editor de Hugin e Munin; Manuel Vicente, comunicador de ciencia, director deEfervesciencia, gañador da edición 2024 e Ana González Liste, xornalista de Praza pública, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Programa Apego, Espazo Lectura e Código Cero.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio ao programa Apego.
O xurado salientou que o programa Apego é unha iniciativa que neste momento de emerxencia lingüística potencia a inmersión no idioma propio dos núcleos familiares, dotándoos de ferramentas e recursos para a mantenza e consolidación do proceso de transmisión do galego. Valórase especialmente a relación directa e persoal das e dos técnicos de Normalización Lingüística dos concellos implicados coas familias que apostan pola cultura do país. Grazas a que é un proxecto no que colaboran diferentes institucións públicas, de diversas cores políticas, tece rede. Por último, o xurado destaca que mediante a cooperación e optimización de recursos, Apego acada un efecto multiplicador.
“Cuarteto Quiroga”, premio de Música 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Alejo Amoedo Portela, pianista, membro do CCG e da RAGBA, Javier Becerra, crítico de La Voz de Galicia; Javier Escobar, director orquestra, gañador da edición 2024; Xaime Estévez Vila, catedrático de música de ensino secundario, músico; Rosa María Fernández, crítica, membro da Real Academia de BB.AA; Isabel Gómez, profesora de linguaxe musical do conservatorio de Vigo; Xiana Lastra, profesora, cantora d’ A banda da loba e Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Cuarteto Quiroga, As fillas de Cassandra, IKFEM Festival Tui-Valença e Noia Harp Fest.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Cuarteto Quiroga.
O xurado salientou que o Cuarteto Quiroga reivindica o nome de Manuel Quiroga, violinista pontevedrés do pasado século. Esta formación destaca pola súa calidade musical. O seu fundador o galego Cibrán Sierra, fai gala de galeguidade por todo o mundo, dada a proxección internacional do cuarteto.
”Chus Martínez”, premio de Artes Plásticas 2025
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Antonio Alonso Fernández, arquitecto; María Xesús Busto, encargada de exposicións do Auditorio de Galicia; Almudena Fernández Fariña, pintora gañadora da edición 2024; Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC e codirectora da Plataforma Festival de artes performativas Andrés Meixide, deseñador e ilustrador; Chus Villar, galerista de Galería Nordés e Xosé Manuel Soutullo, editor, director da editorial Galaxia, secretaría. en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ánxel Huete, Chus Martínez e Menchu Lamas.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Chus Martínez
O xurado salientou o seu labor como comisaria da exposición “A Era das Fábulas, instalada no Museo de Pontevedra entre xullo e setembro de 2024, como unha proposta de museografía contemporánea e a articulación entre novas artistas galegas e outras de recoñecida traxectoria. Así mesmo, salientou o traballo de mediación realizado a través da mostra e valorou a súa traxectoria internacional e as achegas sobre a apertura dos espazos da arte á cidadanía e o apoio, nos últimos anos, á formación de artistas novas galegas.
“As gardiás de Teatro de Ningures”, premio de Artes Escénicas 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Armesto, director da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC); Eduardo Cunha «Tatán», actor e director da caompañía de títeres Tanxarina, gañador da edición 2024; Daniel González Salgado, profesor, director ESAD; Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora teatral; Francisco Oti, dramaturgo e investigador teatral; Dolores Vilavedra, crítica, catedrática de Literatura Galega da USC eBranca Roig Rechou, profesora “ad honorem” USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: As gardiás de Teatro de Ningures, Iribarne de ButacaZero e Helen Keller. A muller marabilla do grupo Chévere.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a As gardiásde Teatro de Ningures
O xurado salientou a dilatada traxectoria profesional de Teatro de Ningures, non só polos trinta espectáculos creados senón tamén por impulsar o teatro comunitario e pola súa vinculación coa formación artística. O espectáculo As gardiás, estreada en outubro 2024 cuestiona o sistema residencial e abre as portas a novos modelos de autoxestión vital propoñendo un necesario debate sobre os coidados na vellez.
“Manolo González”, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2025
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Jaione Camborda, directora, gañadora da edición 2024; Xisela Franco, directora de cine, docente da UVigo; Miguel Mariño, director da Academia Galega do Audiovisual; Tino Santiago, xornalista da TVG retirado; Jesús Silva Vilas, crítico e programador de cine; Fernanda Tabarés, xornalista, ex directora de VozTV e María López Sández, escritora, membro da RAG, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Chelo Loureiro, Manolo Álvarez González e Play-Doc International Film Festival
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Manolo González.
O xurado salientou a súa condición de figura clave sen a cal non é posible comprender o audiovisual galego na súa dimensión histórica e na súa eclosión actual. Baixo o seu impulso en 2004, Jose Gil recibiu o merecido recoñecemento en Vigo, resultado do esforzo de investigación histórica do patrimonio audiovisual galego por parte de Manolo González. Nese mesmo ano fixéronse dez anos da primeira edición de Chanfaina, iniciativa clave do impulso dos novos creadores, ponte entre figuras consagradas e emerxentes con fonda raigame no rural e implicación da sociedade local. Sentou as bases dun modelo moderno de axudas ao talento, á creación e á distribución que se erixiu como referente no conxunto do estado. Saliéntase o seu esforzo pedagóxico por introducir a cultura audiovisual na educación, desenvolvendo propostas de alfabetización audiovisual. Manolo González é unha figura incontestable que concita admiración e consenso.
“CIFP Carlos Oroza”, premio de Cultura Gastronómica 2025
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado Enrique Barreiro Sánchez, concelleiro de Friol, gañador edición 2024; Guillermo Campos Piñón, crítico gastronómico, director e fundador da revista Hostelería galega, gastronomía e turismo; Mariña Fernández, sumiller de Abastos 2;Roberto Filgueira, chef O Balado; José Mouriño Cuba, ex-xefe de industrias e calidade alimentaria de Lugo; Rebeca Munín, xornalista, directora revista Pincha e Manuel Gago Mariño, xornalista, director de culturagalega.org, secretaría. en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Adega Aberta, IXP Viños Terras de Navia e CIFP Carlos Oroza.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a CIFP Carlos Oroza.
O xurado salientou o papel referencial do CIFP Carlos Oroza como centro educativo de calidade en hostalaría. Amosa como os proxectos educativos precisan de equipos comprometidos, estables e con apostas que perduran no tempo. O centro destaca polo seu compromiso social, participando en numerosas iniciativas, así como a vontade en recuperar o patrimonio cultural e gastronómico no tempo. Unha iniciativa modélica que pon en valor a educación como centro do futuro gastronómico de Galicia.
“Carballo Interplay”, premio de Cultura Dixital 2025
O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Dixital, formado por Luz Castro Pena, informática, directora de Imaxin software; Chiu Longina, antropólogo, director de Pumpún dixital; Tamara Nóvoa, xornalista, directora d’ A Movida; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, director da revista Luzes; Carme Prol, xornalista, directora de Café Derby 21, gañadora edición 2024; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital e Ledicia Costas, escritora, secretaría. secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Festival Carballo Interplay, O Novo Normal e Prado Rúa.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade a Carballo Interplay.
O xurado salientou que o Carballo Interplay é unha iniciativa pioneira no estado que logrou consolidarse e manterse sen presentar signos de fatiga. É un auténtico viveiro para a creación dixital galega e en galego, conformando en Galicia un ecosistema rico, diverso e profesional. Dentro dun sector masculinizado é un proxecto dirixido por mulleres que fomenta a diversidade e a inclusión, converténdose nun referente global da cultura dixital.
Esta XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Terras Gaudas e Joaquín Rebolledo.