Este Nadal, regala Artesanía de Galicia
Detrás de cada peza de Artesanía de Galicia hai unha historia, unhas mans que crean con mimo, unha tradición que se mantén viva. Este Nadal, aposta pola calidade e a creatividade das artesás e artesáns galegos. Aquí tes varias ideas para que os teus agasallos sexan todo un acerto!
Cabanas-niño de Carballo Estrela
Pvp: 60€
As cabanas-niño de Carballo Estrela (Pontevedra) están pensadas para ofrecerlle acubillo a pequenas aves silvestres coma o pardal, o ferreiriño ou o carboeiro e unha oportunidade para que os seus donos poidan observar de preto a natureza. Recoméndase poñelas a mediados do inverno para que estean dispoñibles no momento no que os paxaros busquen o lugar da súa próxima cría na primavera. Están elaboradas con madeiras de piñeiro atlántico e tratadas con resina especial para embarcacións de madeira.
Barcos autómatas de Enxógate
Pvp: 60€ cada un.
A proposta do obradoiro Enxógate (Quiroga) son estes barcos autómatas, que reproducen o movemento dos barcos no mar a través dun sinxelo mecanismo. Son pezas creadas á man en madeira e con pinturas e vernices libres de tóxicos.
Chal de Pal.lium
Pvp: 220€
O tecido tradicional galego é unha das influencias clave do obradoiro de tecido artesanal Pal.lium (Cangas) que chega mesmo ata aquelas de deseño máis contemporáneo como é o caso deste chal de deseño asimétrico inspirado tamén nos téxtiles da Bauhaus. Está elaborado en lá meriña e liño. Medidas 70x200cm.
Aneis amoreables de Sara Tejerina
Anel de ouro branco e zafiro, pvp: 890€.
Anel de ouro amarelo e diamante, pvp: 1.100€
Os aneis amoreables da colección Juana, da xoieira Sara Tejerina (Vilanova de Arousa), están pensados para que cada persoa cree a súa propia composición xa que están deseñados para que as xemas funcionen dende diferentes puntos de vista. A colección está elaborada con ouro de 18k e inspírase nas pinceladas de cor que caracterizan a obra da artista Juana Tejerina, a través de xemas naturais coma o zafiro ou o diamante.
Brazaletes de coiro de Jatafarta
Prezos a partir de 54€
Os brazaletes de coiro da Colección Pétreas de Jatafarta (Santiago de Compostela) nacen da experimentación cunha antiga técnica coñecida como “cuir bouilli” (coiro fervido), que describe o proceso de endurecemento e de modelado da pel mediante a aplicación de calor e de humidade. Deste xeito, o coiro engrósase e vólvese ríxido e seméllase en dureza e textura a materiais como a cerámica ou a madeira. A colección inclúe pulseiras perforadas, con textura, lisas, hexagonais, etc.
Pandereita ilustrada de Sanín
Pvp: 199€
O Obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) conta cunha colección de pandeiretas de serie limitada e numerada, ilustradas por 12 artistas galegas especializadas en diferentes ámbitos: muralismo, serigrafía, moda, literatura, produto, publicidade. Todas as pandeiretas están elaboradas en madeira de nogueira do País, con nove pares de ferreñas douradas e de cada ilustración só hai cinco copias. Esta pandeireta está ilustrada por Iria Prol, ilustradora, artista mural e deseñadora gráfica.
Pendentes de Zeltia AO AIRE
Pvp: 195€.
Estes pendentes da colección Alalá de Zeltia ao aire (A Coruña) inspíranse nos sapos que aderezan os traxes tradicionais galegos. Aquí as filigranas de prata interprétanse a través de agremáns e de cristal checo, mantendo os tres corpos típicos dos sapos pero alixeirando considerablemente o peso. Zeltia ao aire é unha marca que recupera a técnica tradicional da pasamanería para sacala do seu contexto na indumentaria tradicional e darlle protagonismo convertida en xoias únicas.
Chal de Lalura
Pvp: 175€
“Erea” é o chal que vas querer levar todo o outono e todo o inverno. Deseñado por Lucía Ruiz de Aguirre para a súa marca Lalura (A Coruña), está tecido á man con la 100% de ovellas Highland, é unha prenda lixeira con moita capacidade de abrigo e cun deseño reversible.
Gorra de Julia Vilariño
Pvp: 190€
Julia Vilariño é unha marca de sombreirería artesanal de Pontedeume inspiradas no traxe tradicional galego. As gorras Malvar, moldeadas á man en feltro meriño 100%, son unha das súas apostas para este inverno. Un sombreiro feito gorra, de liñas limpas, unisex e dispoñibles en diversas cores.
Camisa de Sopa de Nuez
Pvp: 50 €
Sopa de Nuez (Lugo) elabora roupa unisex, divertida e con patróns contemporáneos a partir de tecidos e de fornituras que a artesá Verónica Martí busca e merca en feiras e antigas tendas de tea. Esta camisa é unha serie limitada de dúas unidades por talla (S, M, L) elaborada cun tecido estampado de Tintín procedente de Francia e botóns vintage procedentes de Berlín.
BOTAS de Laia zapateiros
Pvp Botina 178€
Pvp Bota campeira: 220€
A calidade e a comodidade dos zapatos elaborados por Laia Zapateiros (Melide) son unha aposta segura. Estes modelos son unisex e están elaborados en pel de vitela e forro de badana (pel dócil da ovella) e sola natural, aínda que tamén están dispoñibles en sola de goma e noutras cores.











