Curtocircuíto presenta unha programación plural e internacional con nomes como Lois Patiño, Oliver Laxe ou Laia Abril

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), completa a súa programación cos últimos proxectos dos cineastas Brais Revaldería e Guillermo Galoe e a fotógrafa Laia Abril.
O festival celebrarase entre o 1 e o 6 de xullo cunha proposta curatorial que sae ás prazas e rúas e prioriza o intercambio entre a comunidade creadora e a veciñanza fronte a competición.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a deputada de cultura da Deputación de Coruña, Natividade González; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, presentaron o programa completo do festival en rolda de prensa.
Louzao parabenizou o equipo organizador polo tecido dunha “programación coa que pretendemos seguir apostando por insistir na accesibilidade do cinema, na súa concepción como acto colectivo e como parte esencial da cultura concibida como un dereito ao que todos e todas temos que acceder”.
Na mesma liña, Natividade González salientou que “proxectos como este, como Curtocircuíto, son imprescindibles para facer avanzar a creación contemporánea, para abrir espazos de pensamento e para chegar ao público propostas arriscadas, diversas e tamén necesarias”.
Tras agradecer o apoio das institucións colaboradoras, o director do festival, Pela del Álamo, remarcou que a volta ás rúas de Curtocircuíto “era unha opción interesante non unicamente para o festival, senón para toda a cidadanía, porque o fai máis accesible, máis preto do público que, cando se atopa por sorpresa con este tipo de contidos, goza deles cunha actitude moito máis aberta”.
Durante as seis xornadas do festival, Santiago de Compostela acollerá unha programación plural e internacional con nomes como Lucile Hadžihalilović, Oliver Laxe, Kangding Ray, Martin Messier, Adrián Canoura, Lois Patiño, Lawrence Lek, Miranda Pennel, Billy Roisz, Total Refusal ou Nebojša Slijepčević entre outros. Curtocircuíto manterá as súas seccións competitivas Planeta GZ, Supernova e Cosmos, xunto a un cartel de espectáculos AVs con nomes relevantes da escena contemporánea como Martín Messier (Canadá), Amelie Duchow (Alemaña), Neutro Grise nodoaviom (Valencia) e Carme López e Irene Sáenz (Galicia). A gala de clausura, que terá lugar o domingo 6, será conducida por Nuno Pico (Grande Amore, Oh Ayatollah).
Completan a programación unha serie de sesións especiais. Oliver Laxe e Kangding Ray realizarán un encontro co público no Teatro Principal na que falarán sobre o proceso sonoro de Sirāt, previo ao live av que terá lugar o venres 4 na praza da Quintana.
Tamén haberá unha sesión especial coa cineasta Lucile Hadžihalilović, a quen o festival dedica este ano o Premio Especial Atlas, que xunto coa xornalista Elsa Fernández-Santos, compartirá co público un encontro sobre a súa obra e os procesos creativos dunha cineasta que rexeita o obvio para mergullarse no sensorial, na beleza escura e na suxestión.
Continúan as sesións especiais o director Lois Patiño, a actriz Irene Escolar e a productora Beli Martínez, que manterán un encontro con prensa e público. Xuntos compartirán o proceso creativo de Ariel, o filme inaugural de Curtocircuíto, que transita entre o metacine, o sensorial e o máxico. A actividade terá lugar no hotel Costa Vella o mércores 2 ás 12h.
Brais Revaldería presenta una sesión expandida sobre Fillos do vento
O cineasta galego Brais Revaldería participa en Curtocircuíto cunha sesión especial centrada en Fillos do vento, un proxecto híbrido e radical que transita entre o cinema e a instalación e que está centrado na rapa das bestas. Estreado este ano no Festival de Cannes, esta proposta audiovisual investiga a tradición galega da rapa das bestas, entendida como forza ritual capaz de modelar os territorios e a memoria colectiva.
A sesión, que terá lugar o mércores 2 ás 20.30h no Teatro Principal, permitirá ao público mergullarse no proceso de creación dunha obra que se move entre o filme narrativo e a instalación inmersiva. O encontro culminará coa proxección dunha versión inédita e exclusiva de Fillos do vento (25’), montada especificamente para Curtocircuíto.
Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía
A fotógrafa Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023, protagonizará outra das sesións especiais do certame. Laia Abril realizará un encontro co público no que presentará o seu último proxecto On Mass Hysteria, que continúa o seu traballo de investigación sobre a violencia estructural exercida contra as mulleres.
A actividade terá lugar o xoves 3 de xullo ás 20.30h no Teatro Principal. Este traballo forma parte do seu ciclo documental titulado A History of Misogyny, onde a artista catalá investiga e visibiliza os diferentes mecanismos históricos de control, violencia e discriminación contra ás mulleres. Tras capítulos dedicados á cultura da violación (On Rape), ao aborto (On Abortion), á menstruación (Menstruation Myths), ou aos feminicidios (Feminicides), On Mass Hysteria céntrase nos episodios de histeria colectiva, revisando casos documentados dende a Idade Media ata a actualidade.
A través dunha mestura de fotografía, instalación, texto e arquivo, Abril constrúe un percorrido que cuestiona as relacións entre medo, corpo e poder, poñendo o foco na patoloxización e criminalización sistemática da feminidade ao longo da historia. O proxecto convida a reflexionar sobre como o control do corpo feminino —e da súa narrativa— foi (e segue sendo) unha ferramenta de dominación social, política e médica.
A linde do rostro. Conversa con Guillermo Galoe e Marina López tras cinco anos rodando Ciudad sin Sueño
No marco de Curtocircuíto, o cineasta Guillermo Galoe, acompañado pola produtora Marina García López, protagonizará un encontro arredor do acto de filmar no espazo do outro, partindo da súa experiencia na rodaxe de Ciudad sin sueño, obra que recibiu o Premio SACD ao guión e á dirección na Semana da Crítica do Festival de Cannes, desenvolvida durante anos na Cañada Real, ás aforas de Madrid. A actividade, en forma de charla aberta, afondará nas implicacións éticas, estéticas e políticas de capturar realidades alleas, fronteiras invisibles e contextos de exclusión, sempre desde unha mirada consciente e autoral.
Galoe compartirá materiais inéditos, reflexións persoais e decisións clave do proceso creativo, propoñendo un espazo de diálogo arredor do cinema como lugar de encontro co outro (e, polo tanto, con nós mesmos), a representación da alteridade e a posición do artista e da ficción no territorio do real.
Durante máis de cinco anos, Galoe mergullouse na comunidade da Cañada Real, o maior asentamento irregular de Europa, convivindo coa veciñanza e desenvolvendo con ela unha proposta cinematográfica que mestura ficción e documental. O encontro terá lugar o domingo 6 ás 12h na terraza do hotel Costa Vella.
Curtocircuíto x Cineclube de Compostela; Rebobinar, repicar, recuperar: unha panorámica polo vídeo e a televisión en Galicia nos anos 80
O Cineclube de Compostela e Curtocircuíto seguen colaborando nesta edición na recuperación do patrimonio audiovisual galego. Programarán a sección Rebobinar, repicar, recuperar: unha panorámica polo vídeo e a televisión en Galicia nos anos 80. Este ano explorarán o período entre finais dos 80 e comezos dos 90, unha etapa clave para o audiovisual galego coa chegada dos primeiros formatos domésticos e o inicio da TVG. A través dunha escolma de pezas inéditas e pouco coñecidas, revisitan unha época de gran efervescencia creativa nos eidos da ficción, o documental e o experimental. Proxectaranse as pezas 25×24, Antón Caeiro, (1985, 10′), Laza, carnaval sagrado, Xavier Villaverde (1986, 6′), Morosos varios, Roberto Vidal Bolaño (1991, 25”) e 365, Manolo Abad (1992, 9′).
Venda de abonos e entradas
Os abonos, entradas e convites para a próxima edición de Curtocircuíto están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura, na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e no despacho de billetes do Teatro Principal (durante os días do certame).
As entradas para as proxeccións custan 4 €. O prezo das sesións live AV no Teatro Principal é de 7 €. As Sesións Especiais son gratuítas previa recollida de convites (máximo 2 por persoa). O acceso a todas as sesións no exterior é gratuíto.