Compostela e Padrón celebran a Rosalía

Tanto Compostela como Padrón se preparan para conmemorar o 189º nacemento da nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro. En Santiago celebrarase entre os días 21 e 22 de febreiro o Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello. Este ano, o programa inclúe diferentes actividades que servirán para conectar a Rosalía con Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela 2014), escritora, xornalista e activista homenaxeada este 2026 no Día das Letras Galegas. O domingo 22 de febreiro, entre as 12 e as 13 horas, a praza de Mazarelos acollerá unha serie de presentacións de obras biográficas e literarias ao redor da escritora, autora dos libros Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009) ou Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012).
Os títulos que se presentarán, contando coa presenza dos seus autores e autoras, son: Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto editado por Xerais; Circe ou o pracer da amizade, de Bea Maceda tamén publicado por Xerais; A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás lanzado por Galaxia, e Begoña Caamaño: Pequena biografía, de Enrique Mauricio, de Laia Edicións. Ao remate do acto, actuará a cantante Uxía.
Xusto despois, chegaralle a quenda á peza escénica Da voz de morgana, onde a actriz Mónica Caamaño lle ofrecerá ao público un monólgo de 15 minutos nos que se nos chanta o debuxo da MULLER que non foi relatado por cronistas e fabuladores. Esta é a historia de Morgana, contado na súa propia voz. A única voz na que se ve e recoñece, por máis que haxa quen lembre doutro modo os feitos. Así nola entregou Begoña Caamaño.
Ademais da peza teatral de Mónica Caamaño, o cartel do oitavo Festival Rosalía inclúe diferentes actuacións escénicas. Así, Os Quinquilláns ofrecerán un paseo teatral polos espazos de Rosalía. A camiñada parte o sábado ás 11:30 horas de Mazarelos. Xa pola tarde, ás 19:30 h, nesta mesma praza que serve de centro neurálxico para grande parte do programa do festival, chegaralle a quenda ao espectáculo Improsalías, unha peza de improvisación, música, humor e poesía que partillarán os grupos As Teimas e TheMomento.
Xa o domingo, ás 11:15 horas, Producións Dispersas brindaralle ao público a intervención teatralizada Sempre Rosalía. Para rematar a xornada do domingo, o Mago Teto encargarase de pórlle o ramo ao oitavo Festival Rosalía no Teatro Principal ás 21:00 co seu espectáculo GalegoRock’n’Magic, un show de maxia e música que fai un percorrido desde o rock do Xabarín Club até bandas actuais que están pondo a música galega no máis alto.
No eido musical, o Festival Rosalía inclúe actuación como a que protagonizarán a xa citada Uxía xunto a Javier Ruibal e o guitarrista Marcos Teira: De tu casa a la mía. Neste concerto, que se celebra en sesión vermú ás 13.20 o domingo 22 na Praza de Mazarelos, ofrécese o retrato dunha confluencia de cultura e emocións a través dos versos de Rosalía e Lorca.
Outro dos concertos máis destacados desta oitava edición virá da man de Loita Amada, que presentará o seu terceiro disco, Resistir é Vencer, na praza de Mazarelos o sábado ás 21:00 horas.
O cartel musical complétase con Blues do País, que tamén actuarán o sábado ás 13:30 horas, e Primavera vai chegar, un espectáculo que mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero. A súa actuación terá lugar o domingo 22 no Colexio de Santo Agostiño ás 12:00 h e ás 16:30.
Actos do 23 de febreiro
A Casa Rosalía de Castro, en Padrón, acolleu a presentación dos actos previstos para o vindeiro 23 de febreiro con motivo da homenaxe á escritora galega universal. Foi presentada nunha conferencia de prensa conxunta con participación da deputada provincial de Cultura, Natividade González; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Anxo Arca, alcalde de Padrón; e o cociñeiro Iago Pazos. Asemade, os músicos Luís Xaneiro e Olimpio Xiráldez interpretaron a ‘Alborada de Rosalía’.
O 23 de febreiro haberá celebracións en Santiago e Padrón. En Santiago desenvolverase a Alborada e unha ofrenda floral na Praza de Vigo, lugar de nacemento da escritora, e o acto central no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, con lectura de poemas por parte de autoridades e representantes da realidade social galega e actuacións musicais. En Padrón, escolares da vila lerán poemas diante da estatua do Espolón e haberá ofrenda floral e degustación do Caldo de Gloria nos locais da vila.
A programación inclúe un concerto na Casa de Rosalía, cun espectáculo no que Uxía e Javier Ruibal, acompañados á guitarra por Marcos Teira, musican versos de Rosalía e Federico García Lorca no proxecto “De tu casa a la mía”. O traballo afonda na irmandade poética entre ambas figuras e transita polo flamenco, as músicas galegas e lusófonas e sonoridades do Magreb.
Desde a Fundación Rosalía animaron a toda a cidadanía a celebrar a data lendo textos da autora, sumándose á ‘Alborada de Rosalía’ e preparando o Caldo de Gloria, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas. A iniciativa, iniciada en 2017, conta hoxe coa participación de centos de centros educativos e establecementos hostaleiros de todo o país e do exterior.
Nesta novena edición, o Caldo de Gloria será preparado por Iago Pazos na Casa-Museo e no Panteón, onde ofrecerá a súa versión do prato ás 19 horas. A xornada rematará na Casa-Museo co concerto de Uxía e Javier Ruibal.
