fbpx

Cociña María, máis que comida caseira para levar

María, diante da súa tenda no Mercado de Abastos. Foto: Iván Barreiro

Despois de pasar por diversos traballos e vivir fóra de Galicia, María Suárez decidiu regresar á súa terra para montar o seu propio negocio. Cociña María abría as súas portas no Mercado de Abastos de Santiago en maio do 2013, ofrecendo pratos preparados para levar, un servizo de catering para empresas e eventos e cursos de formación.

“Cando regresei a casa pensei: que sei facer? Cales son as miñas ferramentas? Que me vén do berce? A cociña”, recorda. De feito, seus pais foron os fundadores da primeira tenda gourmet en Compostela, o antigo Almirez, empresa que despois foi pasando por distintas mans. “De cativa sempre andaba por alí. Miña nai foi a miña maior inspiración, nos pratos, no coidado do detalle, de estar nun entorno agradable… de ofrecer un pouco de beleza nas cousas que fas”, asegura.

Tiña claro tamén que quería un espazo no Mercado, porque sempre lle gustaron as prazas de abastos de todas as cidades, o ambiente que hai… Así, todas as mañás escolle de primeira man para as súas elaboracións os produtos frescos e de tempada que están á venda alí. “Teño un deseño de menús de opcións que funcionan, pero tamén vou variando bastante segundo o que vou atopando”, afirma. A María gústalle experimentar, probar cousas novas, seguir aprendendo… Por iso, entre as súas propostas atopamos tanto pratos tradicionais -“os que facían as nosas avoas”- como pratos innovadores de cociña internacional (mexicana, árabe…).

Os que máis triunfan entre a súa clientela -que é maioritariamente compostelá- son as croquetas, os ovos encapotados (tanto fritidos como cocidos), as potaxes, os escabeches, e as lasañas. Tamén ten opcións para veganos e vexetarianos, conservas e marmeladas artesanais, salsas de tomate, pistos, aceites e vinagres aromatizados… Feitos por ela na súa gran maioría, a excepción dalgún produto de provedores ecolóxicos ou que comparten a súa mesma filosofía de cociña. “Ten que ver comigo, coa miña maneira de ver as cousas e a vida. Coa beleza, co coidado dos demais, co coidado da natureza… está todo relacionado”, sinala. Nese senso, ten sempre moito coidado co packaging, procurando retirar os plásticos e usar materiais reciclados ou reciclables. Trátase dun concepto gastronómico respectuoso co corpo, a mente e o medio ambiente. E, por suposto, moi saboroso!

Algunhas das marmeladas caseiras de Cociña María. Foto: Iván Barreiro
Algunhas das marmeladas caseiras de Cociña María. Foto: Iván Barreiro

BUSCAS MENÚ PARA ESTE NADAL?

Se a resposta é si, temos unha gran noticia que darche! En Cociña María ofertan menús completos para estas festas, con diferentes pratos a escoller entre entrantes, peixes, carnes, guarnicións, salsas e sobremesas.

Como exemplo, aquí vai unha proposta. Comezamos cunha mousse de salmón afumado ao vodka. Seguimos cunha suprema de pescada con salsa de cava. Despois é a quenda da carne, con dúas posibilidades: redondo de pavo con carambolas e puré de batata ou redondo de tenreira en adobo de cervo con salsa de grosella. E como sobremesa, un tronco de nadal e turróns e polvoróns caseiros.

Se ti tamén queres encargar o teu menú de Nadal, consulta os posibles pratos na web cocinamaria.es, na súa páxina de Facebook ou nos teléfonos 881123085 e 629025592.