Bota a andar a XIII edición dos Premios Martín Códax da Música
![]()
A sala Riquela acolleu a presentación oficial da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, organizados como cada ano pola asociación Músicas ao Vivo co apoio de Bodegas Martín Códax, AGADIC da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra.
Na rolda de prensa interviron Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e Xavi Castro, vicepresidente da entidade, xunto a Pablo Buján, director comercial de Bodegas Martín Códax; Eva Villaverde Pego, tenenta alcalde do Concello de Pontevedra; Jorge Cubela, deputado de Cultura, Xuventude e Reto demográfico e desenvolvemento rural da Deputación de Pontevedra; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Durante a presentación puxéronse en valor os dous grandes eixos de cada nova edición: as bases que rexerán a convocatoria de 2026 e o calendario completo ata a celebración da gala final que terá lugar en Pontevedra o vindeiro 27 de maio.
Bases
Estes galardóns, de referencia para o sector musical galego, consolidan o seu modelo cun total de 15 categorías musicais, nas que se recoñecerán proxectos destacados en estilos pop e indie; rock e punk; blues, funk e soul; metal e heavy; canción de autor/a; músicas úrbanas; músicas do mundo e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional; música folk; música infantil; orquestras, grupos e músicas de verbena e bandas de música popular.
A convocatoria está dirixida a proxectos musicais galegos en activo no ano 2026, tanto artistas e bandas radicadas en Galicia como proxectos desenvolvidos fóra do país con maioría de integrantes galegos ou cun liderado artístico galego acreditable. Tamén poderán participar grupos de fóra que canten en galego ou interpreten maioritariamente música de raíz galega.
Non será requisito imprescindible ter editado traballo discográfico en 2025/26, aínda que a actividade artística acreditable —concertos, edicións discográficas ou audiovisuais e traxectoria recente— será tida en conta polo xurado.
A categoría extraordinaria Artista Emerxente volverá poñer o foco na proxección e potencial de novos proxectos (con menos de tres anos de traxectoria e un máximo dun disco editado), mentres que os Premios Organistrum recoñecerán o labor imprescindible de salas, festivais e proxectos de comunicación musical. A edición contará tamén cun Premio Honorífico Músicas ao Vivo, destinado a distinguir unha traxectoria de especial relevancia para a música galega.
En total, darase visibilidade a 48 proxectos finalistas e 20 deles serán galardoados na cerimonia final, poñendo en valor a promoción e dignificación dun sector creativo estratéxico para Galicia.
Calendario
Durante o acto detallouse o calendario oficial da XIII edición:
-
Prazo de inscricións: do 2 ao 22 de marzo de 2026, a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal
-
Votación do xurado (1ª fase): do 30 de marzo ao 24 de abril de 2026
-
Festa de Finalistas: 6 de maio de 2026, en Bodegas Martín Códax
-
Votación de socios/as e público (2ª fase): do 7 ao 24 de maio de 2026
-
Gala final: 27 de maio de 2026, no Pazo da Cultura de Pontevedra
O sistema de votación manterá o modelo en dúas fases: unha primeira, a cargo dun xurado profesional composto por representantes da formación, da industria, da comunicación e por músicas/os; e unha segunda fase aberta ao voto do público e das persoas asociadas a Músicas ao Vivo, cunha ponderación do 50% para cada parte.
Compromiso institucional coa música galega
As intervencións das entidades organizadoras patrocinadoras coincidiron en subliñar a importancia dos Premios Martín Códax da Música como plataforma de impulso ao talento, escaparate da diversidade creativa e motor de proxección para a música feita en Galicia.
O director comercial das Bodegas Martín Códax, Pablo Buján, agradeceu a labor da dirección de Músicas Ao Vivo e o apoio das entidades públicas ao proxecto, subliñando o seu compromiso coa cultura galega cada ano; unha decisión que consideran estratéxica.
Pola banda do Concello de Pontevedra, a tenenta alcalde, Eva Villaverde, sinalou que este espazo de recoñecemento para o sector musical galego “é fundamental para que siga medrando” e engadiu que “a música galega debe ocupar o posto central que lle corresponde”. Tamén Jorge Cubela, responsable de Cultura, Xuventude e Reto demográfico e desenvolvemento rural da Deputación de Pontevedra, manifestou que a unión das institucións “suma e multiplica”, para poñer en valor a cultura.
Para rematar, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), salientou a decisión de implicar ao público xeral nas votacións para dar a coñecer “aos profesionais que están facendo música en Galicia” e quixo destacar, non só o traballo conxunto entre entidades públicas senón tamén o investimento privado no apoio á cultura.
A organización agradeceu o apoio das institucións e fixo un chamamento á participación masiva do sector nesta décimo terceira edición, reafirmando o compromiso dos premios coa visibilidade, profesionalidade e internacionalización da música galega.
Ademais, a presidenta da Asociación Músicas Ao Vivo, Sheila Patricia, sinalou a homenaxe desta edición, coincidindo co número 13, ao patrimonio inmaterial ligado ás lendas e o paganismo que “forma parte da nosa cultura”.
A gala será transmitida pola plataforma agalega.gal e na canle de youtube de Músicas Ao Vivo.
Toda a información dos premios: premiosmartincodaxdamusica.gal
Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
