CulturaGaliciaGastronomíaPola gorxa

Bacallau e torradas en Semana Santa

A chegada da Coresma e da Semana Santa trae consigo, en Galicia, un calendario gastronómico moi particular. Durante séculos, a tradición cristiá marcou a abstinencia de carne nestas datas, o que favoreceu o protagonismo do peixe, das verduras e dunha ampla variedade de doces.

Mais, ademais de receitas, estas festas tamén gardan un pequeno patrimonio lingüístico. Un dos exemplos máis claros está nun dos doces máis populares destas datas. O que en castelán se coñece como torrija chámase en galego torrada. Trátase do mesmo doce tradicional: rebandas de pan —normalmente do día anterior— empapadas en leite, rebozadas en ovo, fritidas e finalmente azucradas.

Por outro lado, un doce moi ligado ao final da Semana Santa é a rosca de Pascua. Este bolo doce, elaborado con fariña, ovos, manteiga, azucre e aromatizado con anís ou reladura de limón e laranxa, adoita decorarse con azucre húmido, froita confeitada ou améndoas. En moitas zonas de Galicia forma parte do costume de que madriñas ou padriños lla regalen aos seus afillados ou afilladas.

No apartado salgado, o protagonista indiscutible deste tempo é o bacallau. A antiga prohibición de comer carne fixo que este peixe conservado en sal se convertese nun produto esencial. Así xorden pratos como o bacallau con coliflor ou a empanada de bacallau con pasas, onde o sabor salgado do peixe se mestura coa dozura da froita seca.

ONDE PROBALO?

A pesar de non ser un peixe capturado tradicionalmente nas nosas rías, a presenza na cociña galega do bacallau é histórica e profundamente arraigada. En Santiago e na Coruña, este produto aparece tanto en propostas clásicas como en interpretacións máis contemporáneas.

Un bo exemplo son os pratos que inclúen nas súas cartas os locais composteláns O Dezaseis, La Bodeguilla de Santa Marta e La Bodeguilla San Lázaro. Nestes establecementos o bacallau preséntase con elaboracións recoñecibles, nas que o protagonismo é do produto e das técnicas de sempre: coccións pausadas, aceite de oliva de calidade e acompañamentos sinxelos que deixan falar o peixe.

Na capital galega destaca tamén a proposta do restaurante Solleiros, dirixido pola xefa de cociña Ana Portals, que no ano 2020 gañou o primeiro premio do I Concurso El Mejor Bacalao de España.

No capítulo doce merece unha mención especial a coruñesa Vinoteca Jaleo, un local que combina o ambiente informal dun bar de tapas cunha proposta culinaria máis elaborada. Entre as súas sobremesas, conta cunha torrada de pan brioche que é das máis valoradas da cidade. Toda a unha delicia que non podes deixar de probar nesta Semana Santa!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.