CulturaGaliciaNovas

AMEGA celebra en Ourense o Día dos Medios en Galego e o 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela

 

Ourense converterase os días 6 e 7 de febreiro no epicentro da comunicación en lingua galega coa celebración do Día dos Medios en Galego 2026, unha edición moi especial que coincide co 150 aniversario da publicación de O Tío Marcos d’a Portela, primeira cabeceira periódica escrita integramente en galego.

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA), organizadora da xornada, quere reivindicar o papel histórico dos medios en galego e a súa plena vixencia no presente, impulsando un espazo de encontro, reflexión e celebración colectiva arredor da comunicación, a innovación e o futuro da lingua no ámbito mediático.

Nun momento marcado pola transformación dixital, a intelixencia artificial e os retos da desinformación, AMEGA aposta por amosar a diversidade, a profesionalidade e o compromiso dos medios galegos coa lingua, coa cultura e coa información de proximidade.

Mesa coloquio sobre IA, redes sociais e desinformación

O venres día 6, o Liceo de Ourense acollerá ás 18:00 horas unha mesa coloquio centrada en “Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación”.  O acto será inaugurado por Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense, e por Fernando de Paz, presidente de AMEGA.

No debate participarán profesionais e expertos de referencia no ámbito estatal:

  • Joxe Rojas, director de TIC e Comunicación de Tokikom, a rede que integra 69 medios locais en euskera.
  • Xavier Domingo Serra, socio-director de Mortensen e Sorensen AI e representante de AMIC, entidade que agrupa 600 medios cataláns.
  • Ferran Pedrix, director de Sistemas e I+D+I en Diari Segre Comarcal e vicepresidente da Asociación Catalá da Prensa Comarcal.
  • Paulo Gamallo, catedrático da USC e investigador do proxecto Nós, iniciativa clave para o desenvolvemento de recursos de intelixencia artificial en galego.
  • Iván Iglesias, director de OUKE!, produtora audiovisual especializada en contidos para redes sociais.
  • Rebeca Munín, directora da revista Pincha e vicepresidenta de AMEGA.

A clausura correrá a cargo de César Fernández, vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, e de Valentín García, secretario xeral da Lingua. A continuación ofreceranse petiscos no propio Liceo.

Foliada na Praza de San Martiño

A celebración continuará ás 21:00 horas cunha gran foliada na Praza de San Martiño, que reunirá a destacadas agrupacións da música tradicional ourensá

Participarán A Galleira, asociación cultural comprometida coa lingua, a cultura e a música tradicional, que reivindica tamén o legado do barallete ourensán; A Cunheira, agrupación nacida no barrio da Cuña arredor da música popular e do espírito taberneiro; Feitizo de Pau, referente da música tradicional en San Cristovo de Cea, centrado na recuperación de muiñeiras, xotas e cantos de taberna; Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, grupo histórico dedicado á investigación e difusión do folclore galego desde 1977; Coral de Ruada, fundada en 1918, unha das formacións corais máis emblemáticas de Galicia, con ampla traxectoria internacional.

Roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal

O sábado día 7 celebrarase un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal, con saída desde o Cemiterio de San Francisco e percorrido por diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa figura.

A actividade, organizada polo Consello da Cultura Galega, rematará cun cocido no Liceo de Ourense (inscrición para o cocido, previamente no propio Liceo, no teléfono 988220650 ou no correo liceodeourense@hotmail.es)

Unha cita estratéxica para o sector

O Día dos Medios en Galego 2026 pretende ser unha chamada á cooperación entre territorios con lingua propia, á innovación responsable e ao fortalecemento dun ecosistema mediático plural, profesional e comprometido coa sociedade.

Organiza a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), co apoio da Consellería de Cultura, Deputación de Ourense e Concello de Ourense. Colaboran, entre outras entidades, o Consello da Cultura Galega, Liceo de Ourense, OUKE!, Proxecto Nós, Tokikom, Premsa Comarcal e AMIC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.