GaliciaGastronomíaNovas

A proposta compostelá de ArteSana Gastrobar arrasa no concurso do Mellor Cociñeiro de Tapas ‘Sete Cidades, Sete Sabores’

Rodrigo Seoane de Artesana Gastrobar de Santiago de Compostela fíxose co título de Mellor Cociñeiro De Tapas 2026 ‘Sete Cidades, Sete Sabores’. O seu petisco Castelo de Rocha foi elixido polo xurado profesional como a mellor tapa entre as sete presentadas, unha por cada cidade galega e tamén se fixo co premio do público. Na súa décima edición, a Gala consolidouse como un espazo de encontro entre a gastronomía urbana, o talento culinario e a identidade local.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado pola delegada territorial da Coruña, Mª Belén Do Campo, a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o delegado territorial de Pontevedra, Pablo Fernández, asistiu á gala da décima edición do certame o Mellor Cociñeiro de Tapas ‘Sete Cidades, Sete Sabores’, celebrado na Cidade da Cultura, en Santiago.

A cita, organizada por Turismo de Galicia, reuniu a sete representantes das cidades galegas: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La Zapatería del Abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Cos seus pratos, estes participantes reivindican a calidade do produto galego.

Na súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que esta cita “celebra moito máis que un concurso de tapas”, pois representa unha Galicia interesada na excelencia do seu produto, cada vez máis recoñecido dentro e fóra da comunidade. Neste sentido, puxo en valor que as sete elaboracións finalistas constitúen un “reflexo da capacidade da gastronomía galega para combinar tradición e innovación”.

Merelles subliñou tamén que “a gastronomía é hoxe un dos grandes elementos diferenciadores da oferta turística galega”, ademais de ser unha forma de atraer visitantes interesados en descubrir o territorio a través da súa identidade e dos produtos procedentes da terra e do mar. Tamén lembrou que “esta edición é especial ao cumprirse dez anos da creación da gala, creada co obxectivo de reforzar o turismo urbano mediante a gastronomía e proxectar a imaxe de Galicia como destino gastronómico”.

Neste tempo, o certame contribuíu tamén a avanzar nos obxectivos estratéxicos da Xunta para favorecer a desestacionalización da demanda turística e reforzar o atractivo das cidades galegas como destinos complementarios á costa e ao turismo rural. Como exemplo, Merelles destacou que “nestes primeiros meses de 2026, o 53,5% da demanda hoteleira de Galicia correspondeu aos destinos urbanos, un dato que remarca a importancia de seguir apostando por produtos turísticos que enriquecen a experiencia dos visitantes e consolidan un perfil de viaxeiro interesante para Galicia, como é o turista gastronómico”.

Coa celebración desta décima edición, Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso coa promoción da gastronomía como un dos principais eixos da oferta turística galega e como estratexia para seguir fortalecendo o posicionamento de Galicia como destino de referencia ao longo de todo o ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.