CompostelaGastronomíaNovas

A preselección do XVII Santiago(é)Tapas reúne no Mercado de Abastos a 48 locais participantes

Foto: La Diapo

A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitaron hoxe a Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago onde se están a desenvolver as probas de preselección das tapas do XVII Santiago(é)Tapas. O concurso celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo.

Tamén interviron no acto a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, a xerente da Praza, Marta Rey, e o coordinador do Xurado Técnico, o profesor do CIFP Compostela Xosé Quintáns. Ademais, asistiron representantes doutras entidades e empresas que colaboran co certame como o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte; Francisco Crespo, de Cash Record; Bruno Hermida, de Cafés Dromedario; Nuria Colmenero, da asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA) e Fran Otero de Allwork.

Foto: La Diapo

Máis locais e tapas

Os asistentes a este acto puideron probar a tapa de La Bodeguilla de Santa Marta, un dos locais que rexenta Javier Míguez, hostaleiro compostelán que nunca faltou á cita co Santiago(é)Tapas. Comezou coa xa extinta Bodeguilla de San Roque na primeira edición do concurso e continuou despois ano tras ano con todos os seus proxectos.

Nesta ocasión, e tras unha incorporación de última hora, serán en total 48 os locais composteláns que pasarán por estas probas de preselección, o que supón 6 máis que na edición anterior, sendo a cifra máis alta desde que o concurso se desenvolve en febreiro.

Cómpre destacar ademais que 13 destes locais non participaron no certame do 2025. Segundo a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, este dato amosa tanto a capacidade do Santiago(é)Tapas para atraer novos establecementos coma o acerto no cambio de datas de celebración do concurso de novembro a febreiro para fomentar a desestacionalización do sector

Entre os 48 locais presentarán, ata este venres na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, un total de 73 tapas, unha cifra que medra en 5 propostas con respecto ao ano pasado. Durante estes días o Xurado Técnico está a avaliar as receitas e degustando os petiscos para seleccionar os que finalmente participarán no certame.

O XVII Santiago(é)Tapas celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo. Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o concurso conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela e Allwork.

Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.