A morriña non se cura. Convívese con ela
Por Ana Romero
Desde a Costa da Morte ata as costas do Adriático. Elba e Paula, dúas mulleres galegas de diferentes xeracións, asentaron a súa vida en Puglia, a rexión máis ao sur de Italia. Ambas coinciden en que a morriña, o vento e a comida son algo que levan sempre consigo.
As súas orixes
Elba, nada en Carballo en 1961, estudou Farmacia en Santiago de Compostela. Tíñao claro desde sempre: “Quería ser farmacéutica ou matemática, pero acabei inclinándome pola saúde”. Ao rematar a carreira, intentou atopar o seu sitio en Galicia. Un amigo do seu pai deulle a oportunidade de probar sorte, sen contrato, nunha farmacia de Carballo: “Encantábame, tiña laboratorio, aprendía todos os días”. Ao pouco chamárona dunha farmacia en Malpica, onde decidiu que estaba lista para mercar a súa propia. Pero o amor cambioulle o destino.
Paula, nada en 1985, como boa coruñesa, medrou cunha conexión especial co mar. Estudou Ciencias do Mar en Vigo, e a súa primeira gran experiencia internacional foi en México, en Manzanillo. “Foi un choque brutal, pero acabei namorándome do país. Abriume a mente. Entendín que vivimos nun mundo cheo doutros mundos”. Despois, quixo continuar os seus estudos en Alemaña. Todo colleu sentido despois dun seminario de paleoceanografía, onde naceu o seu interese pola divulgación científica: “Quería levar o coñecemento máis aló dos laboratorios, conectalo coa sociedade, así que comecei un máster en Sustentabilidade, sociedade e medio ambiente”. Acabou entrando no mundo da sustentabilidade pesqueira. Traballou cunha fundación sobre pesca responsable e máis tarde uniuse ao movemento Slow Food. Viaxou sen parar durante cinco anos, organizando eventos e colaborando con pescadores, científicos e activistas. Pero chegou a pandemia. E con ela, a pausa. “Aí decateime de que me faltaba o mar, o contacto coa costa, o cotián”.
O amor
O de Elba foi un frechazo. Nun congreso internacional de Farmacia en Lausana (Suíza), acompañada por dúas amigas, coñeceu a quen máis tarde se convertería no seu marido: Filippo, un farmacéutico italiano. “Estivemos oito anos a distancia. Escribiámonos cartas de amor —que aínda conservo— e falabamos por teléfono desde cabinas, o xusto: quérote, bótote de menos”.
O idioma tamén foi un reto. “Escribiámonos cada un no seu idioma e o outro traducía co dicionario. Unha vez púxenlle ‘bótote moito de menos’ e el, ao traducilo literal, pensou que lle dicía que non me importaba nada. Pobriño”.
Cos seus fillos, Elba loitou por manter o español: “Na gardería chamábanme a atención porque volvía do verán falando máis español ca italiano. Custoume moito, pero non quixen que o perdesen. Só lles podían poñer o apelido do pai e iso deume mágoa. Son ítalo-españois”.
No caso de Paula, a súa parella, un psicólogo de Bari, propúxolle cambiar de vida. Ambos levaban anos lonxe do mar e en outubro de 2022 decidiron mudarse á cidade de orixe del, no sur de Italia, onde acaban de mercar unha casa e teñen un bebé de seis meses. Paula traballa agora como freelance para varias ONG, incluída a UNESCO, promovendo a cultura oceánica.
A adaptación
A adaptación a Italia non sempre foi doada. Elba lembra que “cando cheguei, botaba de menos a chuvia. Aquí, con catro pingas, a xente sae a correr a refuxiarse. Chamoume moito a atención”. A comida, aínda que abundante, tamén supuña un cambio. “Aquí comen pasta todos os días. Gústame, pero como un peixe da Costa da Morte... nada”. Ri ao lembrar que na súa casa se cociña “un mixto”, aínda que segue preparando receitas galegas. “Os meus fillos non saben o que é un potiño, e iso que os vendo na farmacia. Sempre cociñei para eles”.
Paula tamén sente a diferenza cultural con Galicia, sobre todo no público: “Aquí o transporte vai mal, os servizos están moi deteriorados, ninguén confía no estatal. Pero á vez hai unha parte moi galega no carácter: a familia, a comida como ritual, o vento...”.
Ambas destacan a importancia de conservar as raíces. Elba, despois de 34 anos en Italia, di que se sente “máis galega ca nunca”. Aínda que viaxa menos, todos os setembros volve a Galicia. E non perdeu o contacto: “Teño a parabólica, vexo a TVG todos os días. Infórmome de todo”.
Paula, pola súa banda, mantén vínculos laborais con Galicia e soña con levar proxectos de sustentabilidade mariña á súa terra. “Non me propoño volver agora —a miña parella ten traballo fixo e acabamos de asentarnos—, pero non o descarto no futuro. Galicia é parte de min”.
E que botan de menos? Elba responde sen dubidar: “A chuvia, a terra mollada, o peixe de verdade. E a proximidade da xente”. Paula coincide: “As tapas, a forma de vivir a rúa, a alegría galega”. Aínda que engade que, no sur de Italia, atopou froitas, verduras e produtos locais que tamén lle apaixonan, pero falta preparalos como a ela lle gusta.
Dúas traxectorias distintas, un mesmo anhelo de pertenza. Dúas galegas que cruzaron fronteiras, idiomas e culturas, pero que seguen cociñando caldo, vendo a TVG e falando da súa terra coma se nunca marcharan. Porque a morriña non se cura. Convívese con ela.