A gastronomía coruñesa conquista Barcelona da man da Deputación

A promoción dos produtos da provincia da Coruña e o impulso de novas oportunidades comerciais para os produtores locais foron os principais obxectivos da participación da Deputación da Coruña no Gastronomic Forum Barcelona. Durante os tres días que durou o encontro, do 2 ao 4 de novembro, a institución provincial desenvolveu unha programación propia con máis de vinte propostas, entre showcookings, catas, presentacións e talleres.
Baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’, o espazo provincial converteuse nun punto de encontro moi concorrido, cunha notable asistencia de visitantes e unha excelente acollida das actividades programadas. As propostas elaboradas polos cociñeiros e cociñeiras, xunto coas catas e as presentacións de produtos, permitiron achegar ao público a variedade e a calidade da despensa coruñesa, así como o seu potencial para a creación de elaboracións gastronómicas innovadoras e de alto nivel.
Máis alá da promoción e da visibilidade acadadas, a presenza no foro tivo tamén unha importante vertente empresarial. Os produtores participantes puideron reunirse con profesionais da distribución, da hostalaría e doutros sectores vinculados á alimentación, establecendo contactos de interese e explorando posibles vías de colaboración. Estes encontros supoñen un paso importante para ampliar a presenza dos produtos da provincia en novos mercados e favorecer a súa comercialización.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, amosou a súa satisfacción polos resultados da iniciativa e subliñou que a participación en Barcelona respondía a un propósito que ía máis alá de exhibir a calidade dos produtos locais. “O obxectivo non era unicamente dar a coñecer os nosos produtos, senón tamén ofrecerlles aos produtores da provincia unha oportunidade real para establecer contactos, abrir mercados e xerar novas posibilidades de negocio”, explicou.
Regueira destacou tamén a excelente acollida das actividades e a sorpresa que provocou entre os asistentes o coñecemento da oferta agroalimentaria coruñesa. “A resposta do público foi extraordinaria. Moitas persoas sorprendéronse ao descubrir a enorme variedade e calidade do que se produce na provincia da Coruña, así como a capacidade dos nosos profesionais para transformar eses produtos en propostas gastronómicas de primeiro nivel. Pero, sobre todo, estamos satisfeitos porque esta presenza tamén se traduciu en oportunidades comerciais para as empresas e os produtores participantes”, sinalou.
O vicepresidente lembrou que apoiar e dar visibilidade ao produto de proximidade implica tamén defender o tecido económico e social da provincia. Neste sentido, apuntou que detrás de cada alimento hai persoas, explotacións, confrarías e pequenas empresas que contribúen a manter viva a actividade produtiva, especialmente no rural.
“Cando damos a coñecer un queixo, un viño, un marisco, unha carne ou calquera outro produto da nosa provincia, estamos tamén poñendo en valor o traballo das persoas que están detrás del, as explotacións, as confrarías, as pequenas empresas e todo un tecido produtivo que é fundamental para o noso rural”, afirmou. Así mesmo, incidiu en que “apostar polo produto de proximidade significa contribuír á xeración de riqueza e oportunidades no territorio, favorecer a actividade económica, crear emprego e axudar a fixar poboación. Cada oportunidade comercial que conseguimos para os nosos produtores é tamén unha oportunidade para o rural da provincia”.
A representación empresarial da provincia no Gastronomic Forum Barcelona estivo integrada por A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cárnicas Domínguez, Mariscos de Barallobre, Cafés Aruba, San Isidro Bakery, Galegas de Nata, Galmesán, Empanadas Ternura e María Manuela Enoturismo. Todas elas participaron en diferentes demostracións e degustacións que permitiron achegar os seus produtos aos profesionais e visitantes do certame.
A programación contou tamén cunha destacada presenza de profesionais da cociña coruñesa. Entre eles estiveron Naír González e Víctor Basante, do restaurante Arrueiro, en Laxe, gañador do concurso Mellor Cociñeiro Galego do Ano 2025; Mar Lago e Álex Martínez, do restaurante Bacelo, en Ferrol; e Andrés Torreiro, de D’Obra, en Melide, estes tres últimos finalistas provinciais do certame deste ano.
O programa completouse coa participación do sumiller Alejandro Paadín e de Óscar Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa. Un dos momentos máis salientables chegou da man de Manuel Costiña, responsable do restaurante Retiro da Costiña, distinguido con dúas estrelas Michelin, que contribuíu a amosar o nivel e a proxección da gastronomía da provincia da Coruña.

