Chocolate de facer
Coa chegada do frío e dos días curtos, hai costumes que regresan ano tras ano e que saben especialmente ben. Un deles é saír tomar un chocolate de facer ben quente acompañado duns churros. Un plan sinxelo, saboroso e perfecto para combater as baixas temperaturas e gozar dun momento agradable en boa compañía.
Pero, antes de sentármonos diante desa cunca de chocolate, convén abordar unha cuestión lingüística: en galego debemos dicir chocolate de facer, e non "chocolate á cunca". Esta última expresión é unha tradución literal do castelán "chocolate a la taza", unha fórmula que non precisamos importar á nosa lingua.
O Dicionario de alimentación e restauración da Xunta de Galicia define o chocolate de facer como o “produto obtido a partir da mestura de cacao, manteiga de cacao, azucre e fariña ou amidón, que se coce en leite ou auga e se consome bebido”.
E se hai unha época do ano na que o chocolate de facer adquire un protagonismo especial, esa é, sen dúbida, a do Nadal. Cando o frío aperta, poucas cousas apetecen tanto como entrar nunha chocolataría ou nunha churraría, achegar as mans a unha cunca de chocolate quente e acompañala duns churros acabados de preparar.
Esta é tamén unha tradición moi presente nas celebracións de Aninovo e do Día de Reis. Compartir un chocolate quente con churros convértese nunha maneira deliciosa de comezar o novo ano ou de poñerlles o broche final ás festas despois de abrir os agasallos dos Reis Magos.
ONDE PROBALO?
Saír tomar chocolate de facer con churros é tamén unha tradición que invita a compartir. É un plan perfecto para unha tarde de compras de Nadal, unha xuntanza con amizades, unha saída en familia ou simplemente para facer unha pausa e gozar dos pequenos praceres da estación.
Santiago de Compostela conta con varios establecementos nos que gozar desta combinación tan apetecible. Entre os máis coñecidos están A Quinta, na rúa da Caldeirería; a Churrería San Pedro, na rúa de San Pedro; CHOURE, na rúa da Senra; ou a Cafetería Paradiso, na rúa do Vilar, un mítico local que abriu no 1976, pasando desde entón por diversas mans.
Na cidade da Coruña tamén hai establecementos que converteron o chocolate con churros nunha das súas propostas máis recoñecidas. Entre todas elas, Bonilla a la Vista é todo un clásico. Coñecida polas súas famosas patacas fritidas, a marca conta con varios locais na localidade onde se pode gozar de churros acabados de preparar e chocolate quente. Outras opcións atopámolas na rúa Ramón e Cajal, coa Churrería El Timón, e na rúa Federico Tapia, coa Churrería Oriental, un espazo que destaca tamén pola súa oferta de produtos sen glute.
Na Coruña existe unha tradición semellante. Na céntrica rúa Real, o protagonista é Sergio Gallego, que leva máis de seis décadas detrás do seu carro de castañas. Comezou co negocio nos anos sesenta e converteu o seu posto nunha das estampas máis recoñecibles do outono coruñés.